DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

A exposiciˇn 'Tecido Cru' re˙ne as creaciˇns realizadas por 29 estudantes da titulaciˇn

Esdemga afonda nos principios construtivos do dese˝o na igrexa da USC

A mostra re˙ne unha escolma de proxectos elaborados a partires de tecidos carentes de cores


ImageAmosar e facer lexibles os fundamentos do deseño, pero tamén defender o proceso de construción dun vestido como un obxecto poético. Estas dúas ideas conflúen en Tecido Cru, o proxecto expositivo que reúne unha serie de traballos realizados polo alumnado de Esdemga a partires de tecidos nus, carentes de cores ou estampados. Un proxecto comisariado polas profesoras e investigadoras do grupo DX7 Lola Dopico e Cristina Varela que hai poucas semanas despedía a súa segunda edición na Casa Galega da Cultura de Vigo para agora viaxar ata a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Duvi | Pontevedra
Amosar e facer lexibles os fundamentos do deseño, pero tamén defender o proceso de construción dun vestido como un obxecto poético. Estas dúas ideas conflúen en Tecido Cru, o proxecto expositivo que reúne unha serie de traballos realizados polo alumnado dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) a partires de tecidos nus, carentes de cores ou estampados. Un proxecto comisariado polas profesoras e investigadoras do grupo DX7 Lola Dopico e Cristina Varela que hai poucas semanas despedía a súa segunda edición na Casa Galega da Cultura de Vigo para agora viaxar ata a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, onde desde este xoves poden contemplarse unha selección de máis de 40 proxectos elaborados polo alumnado da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes ao longo dos últimos tres cursos.

“A temática é parella, pero buscamos facer un pouco máis extenso o concepto, basicamente porque en Vigo presentamos exposicións dos traballos que se van facendo anualmente e neste caso tratábase dunha exposición con outra perspectiva, sen esa serialidade”, salienta Dopico, directora de Esdemga, desta mostra promovida coa colaboración da Área de Cultura da USC. “Trátase dunha exposición máis grande, con máis autores e autoras e que é un pouco un resumo do último Tecido Cru e do anterior, xunto con outra serie de proxectos de varios cursos que se saen un pouco dese marco, pero que teñen elementos compartidos”, engade.

Insectos, catedrais, dobras e trenzas

Nacida dun exercicio que cada ano sitúa ao alumnado de primeiro curso de Esdemga diante de tecido cru co obxectivo de darlle forma e volume, de transformalo a través de procesos que parten de “modelos construtivos moi dispares, algúns alleos ao ámbito da moda e outros propios”, Tecido Cru preséntase cos subtítulo de Insectos, catedrais, dobras e trenzas e de Exercicio de didáctica no deseño. Non en van, trátase dunha mostra “cun perfil moi centrado na didáctica do deseño”, xa que todos os proxectos son mostras “do moito que hai detrás da construción dunha prenda, da metodoloxía que se emprega na didáctica do deseño”. Metodoloxías que en ocasións levaron ás alumnas e alumnas a experimentar co tecido tomando como referencia a complexión dun escaravello, as esculturas da Grecia clásica ou o perfil dunha construción gótica, como explica Dopico.

As técnicas de estratificación a partires da repetición de volantes, nos traballos de Raquel Barbosa ou Miriam Cartagena, conviven deste xeito coas dobras e engurrados cos que experimentaron Noemí González ou Andrea Piñeiro, coa repetición modular ata a práctica ocultación do corpo coa que traballou Sofía Granja ou coa influenza de técnicas como o capitoné e de oficios como a cestería nos traballos de Anabel Santos ou Inés Charre. Xunto a elas, a vontade arquitectónica coa que Sasha Ratkovic, Claudia González ou Miriam Otero reconfiguran o concepto de silueta, a volumetría extrema que presentan Paloma Malvar e Iria Ginebra, o exoesqueleto creado cara os invertebrados por Laura Villegas a onírica arquitectura que recrea Vanessa Parente ou o “novo humano que reconstrúe Teresa Búa, conforman outras das mostras destes exercicios didácticos que nacen do traballo coa calidade, trama, textura, dureza ou fraxilidade deses tecidos crus.

Fotografías e estampados engádense á crueza do vestido

Mais nesta ocasión, á selección dos proxectos ideados no marco das materias de primeiro curso súmanse tamén unha escolma de creacións ideadas polo alumnado doutros cursos, que nalgúns casos non foran expostas previamente. “Buscamos facer un pouco máis extenso o concepto”, explica Dopico dunha mostra á que se suman “outros proxectos xa menos volumétricos e que mesmo engaden estampados sobre ese tecido cru” e que suman á mostra “outras formas de achegamento” a esa idea de partida de enfrontarse á procesos de deseño nos que se afronte o tecido “como se fose un lenzo en branco, por dicilo dalgún xeito”.

“É sobre todo unha exposición que amosa moito do que hai detrás da construción dunha prenda, que permite ver moitas dimensións do que son os procesos artesanais”, engade Dopico da exposición mostra que se completa á súa vez cunha serie de fotografías do tamén profesor da Facultade de Belas Artes Fernando Suárez. Tomando como punto de partida unha serie de exercicios baseados na experimentación e marcados desta volta pola cor branca e coincidindo co décimo aniversario de Esdemga, desde esta titulación desenvolveron en 2014 o proxecto Patrimonio Intemporal, que levou a Suárez a retratar unha serie de deseños dos alumnos e alumnas nalgunhas das contornas paisaxísticas e patrimoniais máis destacadas da provincia de Pontevedra, como a fervenza do Toxa ou o Pazo de Oca. “Trátase dunhas fotografías que formaron parte da publicación de Debut 2014, pero que nunca expuxemos e que a verdade complementaban un pouco todo o concepto, xa que fora o primeiro proxecto que fixeramos con cores brancas”, engade Dopico do que é o complemento dunha mostra que poderá visitarse na Igrexa da Universidade de Santiago ata o 31 de marzo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nˇs