DUVI
Venres, 29 de Agosto do 2008

Nun encontro organizado pola área de Xenética da Universidade

Expertos internacionais reúnense en Oia para pór ao día os seus coñecementos sobre caracois mariños

A costa entre Baiona e A Garda é especialmente rica nestes organismos


ImageComunmente chamadas minchas ou caramuxos, as littorinas ou caracois mariños habitan o litoral galego e convérteno nun lugar ideal para estudar a evolución nestas especies. A costa entre Baiona e A Garda é unha das zonas de estudo máis interesantes, e será precisamente alí onde a vindeira semana 45 científicos de todo o mundo se den cita para por en común os estudos evolutivos levados a cabo neste particular grupo de gasterópodos. Baixo a dirección de Emilio Rolán, profesor da área de Xenética da Universidade, os expertos reuniranse nun congreso internacional do 3 ao 7 de setembro.

D. Besadío | Vigo
Comunmente chamadas minchas ou caramuxos, as littorinas ou caracois mariños habitan o litoral galego e convérteno nun lugar ideal para estudar a evolución nestas especies. A costa entre Baiona e A Garda é unha das zonas de estudo máis interesantes, e será precisamente alí onde a vindeira semana 45 científicos de todo o mundo se den cita para por en común os estudos evolutivos levados a cabo neste particular grupo de gasterópodos.
Baixo a dirección de Emilio Rolán, profesor da área de Xenética da Universidade, os expertos reuniranse nun congreso internacional no que, do 3 ao 7 de setembro, tratarán en profundidade as investigacións sobre un organismo considerado especialmente interesante para estudar o proceso evolutivo nas especies.

Un encontro internacional con invitados de excepción

No encontro haberá representación de todos os grupos de investigación que a nivel mundial están traballando con littorinas. Estados Unidos, Reino Unido, Suecia, Rusia, Portugal, Canadá, Tanzania e Singapur completan a lista de países dos que proveñen os expertos que participarán no encontro. Ademais, contarase con dous investigadores invitados, que “a día de hoxe son a elite neste tipo de estudos: Brian Silliman e Jerry Coyne” aclara Rolán.
Brian Silliman é un investigador moi xove que ven da Universidade de Florida e un dos poucos que traballando con littorinas conseguiu publicar nas dúas revistas máis importantes do mundo: Nature e Science. “Era obrigado traer a persoa que tivo máis éxitos nestes organismos desde un punto de vista científico”, subliña o profesor vigués. “Ademais, Jerry Coyne da Universidade de Chicago, é unha eminencia, un científico de enorme prestixio internacional, experto en temas de especiación”.

Un organismo cun dobre interese

O interese que teñen as littorinas é de dous tipos. Dunha banda, son organismos moi interesantes para ver como se produce a evolución das especies, xa que habitan nunha zona tan interesante como é o intermareal, unha rexión na que se producen cambios de temperatura constantes, salinidade, etc desde a parte baixa ata a parte alta. “Isto é unha forza evolutiva moi grande que xera que as poboacións de minchas que viven nese hábitat tendan a diversificarse e a producir subpoboacións adaptadas aos dous extremos, unha habituada a vivir na parte alta do intermareal e outra na parte baixa”. Doutra banda, fainas especialmente interesante o feito de que acceder a este hábitat é relativamente doado, o que facilita o seu estudo.
Unha regra básica da organización dos seres vivos é que se organizan en comunidades que teñen certas características en común entre elas. Un aspecto clave é que teñen a capacidade de aparearse e producir descendentes fértiles. Algunha destas especies son doadas de entender a calquera profano na materia, “por exemplo un rinoceronte e unha formiga está claro que son especies diferentes porque non teñen a capacidade de aparearse”, explica Rolán, pero o concepto pode ser máis sutil na medida en que hai certas especies que son capaces de producir certo grado de hibridación.
“É interesante saber como a partir dun conxunto de exemplares da mesma especie, mediante evolución natural é posible chegar a dous subconxuntos distintos que non intercambian xenes”, engade o profesor. Isto é clave dende o momento no que as especies que estan reprodutivamente ailladas representan verdadeiras unidades biolóxicas capaces de evolucionar de forma independente.

Catro días de intensa actividade

O primeiro día do congreso, que se celebrará no Hotel Talaso Atlántico de Baiona, estará centrado en aspectos ecolóxicos; o segundo estará máis dedicado a facer estudos taxonómicos e filoxenéticos; o terceiro centrarase na especiación e o ultimo está reservado para a presentación de traballos multidisciplinares que non necesariamente teñen que estar centrados nas littorinas pero que si empregan técnicas que poden resultar moi útiles na investigación destes organismos.

Programa do congreso
< Ant.   Seg. >

DUVI. Diario da Universidade de Vigo. 2007-2008 | Redacción