DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 03 de outubro do 2013

A institución viguesa é a única galega nunha clasificación na que só figuran nove españolas

O Ránking The Times sitúa por segundo ano consecutivo a Vigo entre as 400 mellores universidades do mundo

Para o reitor Salustiano Mato o resultado constata que a Universidade segue mellorando


Image Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo está incluída no ránking que elabora o diario británico The Times no que figuran as mellores 400 institucións académicas do mundo. The Times Higher Education 2013-2014 unicamente abre a porta a nove universidades españolas entre as que Vigo é a única representante galega xunto á Pompeu Fabra, Autónoma e Universidade de Barcelona, Autónoma de Madrid, Universidade de Navarra, Rovira i Virgilli, Politécnica e Universidade de Valencia. Ao igual que o ano pasado a Universidade de Vigo aparece no bloque de institucións situadas entre os postos 351 e 400 deste ránking impulsado por Thomson Reuters que avalía ás universidades a través da súas funcións fundamentais como son docencia, investigación, transferencia, internacionalización e impacto das súas publicacións.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo está incluída no ránking que elabora o diario británico The Times no que figuran as mellores 400 institucións académicas do mundo. The Times Higher Education na súa edición 2013-2014 unicamente abre a porta a nove universidades españolas entre as que Vigo é a única representante galega xunto as catalás Pompeu Fabra, Autónoma e a Universidade de Barcelona, a Autónoma de Madrid, a Universidade de Navarra, Rovira i Virgilli, a Politécnica e a Universidade de Valencia. Ao igual que o ano pasado a Universidade de Vigo aparece no bloque de institucións situadas entre os postos 351 e 400 deste ránking impulsado por Thomson Reuters que avalía ás universidades a través da súas funcións fundamentais como son docencia, investigación, transferencia de coñecemento, internacionalización, así como o impacto das súas publicacións. Cómpre destacar que a partir do posto 200, este ránking agrupa ás universidades en seis tramos de vinte e cinco institucións cada un deles nos que as universidades aparecen ordenadas alfabeticamente e non en función dos resultados que arroxan os indicadores analizados. Así Vigo aparece no penúltimo posto do tramo 351-400 só por diante da Universidade de Wyoming.

“O Ránking The Times constata que a Universidade de Vigo segue mellorando en productividade en concreto, pero tamén en xeral a pesar da crise e dos recortes”, sinala o reitor Salustiano Mato que lembra que este ránking clasifica ás universidades no seu conxunto que son as mellores do mundo. Mato amósase satisfeito co resultado acadado e maniféstase rotundo á hora de asegurar que a Universidade “de non estar acernada polas normas do estado español que impiden a captación e retención de talento en pouco tempo estaríamos de novo no Ranking de Shanghai por que os mellores do mundo saen dos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal e dos procesos de captación de talento externo”. Neste sentido o reitor da Universidade de Vigo lembra a `fichaxe` a través de proxectos europeos de sete investigadores de Biocaps e a próxima convocatoria destinada a persoal de alto nivel de Campus do Mar. “O problema é que esa xente non se pode fidelizar se o estado segue impedindo a contratación estable de científicos”, sinala Mato.

Os indicadores da Universidade de Vigo polo miúdo

O impacto das publicacións é o indicador no que a Universidade de Vigo acada a mellor valoración da publicación británica, un 62,9 sobre 100, ou o que é o mesmo que só hai 148 universidades das 400 que inclúe o ranking que obtiveron mellor clasificación que a institución viguesa neste ámbito. Respecto do curso 2012-2013 a universidade decreceu 0,8 décimas neste concepto, sendo daquela 145 universidades as que obtiveron mellor cualificación polo impacto das súas publicacións que Vigo.
O segundo indicador no que a institución viguesa acada mellor valoración é o relativo aos ingresos procedentes da transferencia de coñecemento que se sitúan en 38,2 sobre 100 o que supón un 1,6 máis que no período 2012-2013. A internacionalización do alumnado e o profesorado recibe unha puntuación de 25,9, un punto menos que o curso pasado. Pola súa banda a docencia experimenta unha moderada melloría pasando do 19,4 do ránking anterior ao 19,7 do deste ano. O incremento máis significativo respecto do curso pasado é o que se rexistra no indicador referido á investigación que sube 1,2 situándose en 10,7 fronte ao 9,5 de 2012-2013.

Á luz dos indicadores o reitor da Universidade de Vigo destaca que evidencian que “non só producimos bastante desde o punto de vista cuantitativo, no sentido de que somos moi produtivos cunha ratio produtividade por investigador da institución moi alta, das máis altas de España, senón que cada vez temos máis calidade no que facemos e iso cualitativamente nos sitúa mellor”, explica Mato para quen estes resultados “indican que a pesar da crise traballamos para parar os golpes ao tempo que construímos futuro e debuxamos onde queremos ir”.

Un ano máis as universidades e centros tecnolóxicos de EEUU e Reino Unido acaparan os 13 primeiros postos do ránking que encabeza o California Institute of Technology, seguido das universidades de Harvard e Oxford.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós