DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de novembro do 2013

Carlos García Vieito abriu o ciclo 'O galego na vangarda tecnolóxica' en Filoloxía e Tradución

Chíos que se converten en tendencias porque Twitter tamén fala galego

A vindeira semana Iago Varela explicará os detalles da plataforma 'Mallando no Android'


ImagePor que hai que dicir hashtag cando se pode dicir etiqueta? Por que hai que falar de followers no canto de seguidores? Por que dicimos trends e non tendencias? Por que non falar de chíos en vez de tweets? Non foi ata o pasado mes de febreiro cando Twitter en galego se converteu en realidade, todo un éxito para a lingua galega e todo un éxito tamén para os impulsores da campaña Twitter en Galego, principal responsable de que isto se conseguira. Sen embargo, detrás desta conta non hai ningunha organización, “só un pequeno soñador” como se define a si mesmo o estudante da Universidade de Santiago de Compostela Carlos García Vieito, responsable de @tweet_en_galego.

D. Besadío | Vigo
Por que hai que dicir hashtag cando se pode dicir etiqueta? Por que hai que falar de followers no canto de seguidores? Por que trends e non tendencias? Por que non falar de chíos en vez de tweets? Non foi ata o pasado mes de febreiro cando Twitter en lingua galega se converteu en realidade, todo un éxito para o galego e todo un éxito tamén para os impulsores da campaña Twitter en Galego, principal responsable de que isto se conseguira. Sen embargo, detrás desta conta non hai ningunha organización, “só un pequeno soñador” como se define a si mesmo o estudante da Universidade de Santiago de Compostela Carlos García Vieito, responsable de @tweet_en_galego, que foi o encargado de abrir o ciclo de relatorios O galego na vangarda tecnolóxica cunha intervención na que explicou polo miúdo “unha batalla que nin moito menos rematou xa que, se todo sae ben, agardamos conseguir nuns meses a versión galega para os dispositivos móbiles”.

Poucas veces un relatorio esperta tanto interese entre a comunidade universitaria e boa proba disto foi o feito de que o salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tivo lugar o encontro, quedou pequeno para acoller a todos os asistentes. No centro no que día a día se forman o futuro da profesión en tradución escoitaron con interese o relato de quen “sen ter nin idea de traducir, nin de galego, nin de internet”, recalcou García Vieito, se puxo mans a obra co único obxectivo de conseguir chegar a ter Twitter na lingua do país e acadar tamén que cada vez fosen máis os usuarios en empregar o galego nesta rede social. “Non hai que renunciar ao galego para comunicarnos nin nas redes sociais nin na vida mesma”, subliñoulles aos asistentes, ao tempo que lles explicou a difícil tarefa de evitar trasladar á rede prexuízos que xa había na sociedade. “Por que non ía poder pór qrtm8 e non tqm”, recalcou ante os sorrisos de complicidade do público.

30.000 seguidores en apenas uns meses

Despois de meses de peticións, de intercambiar coa empresa centos de correos electrónicos, de votacións, de revisións... en setembro de 2012 conseguiron que o galego entrase no Centro de Tradución de Twitter, o que supuxo a autorización para iniciar o proceso de tradución ao galego. “Non foi doado”, subliñaba o responsable da iniciativa, que fixo fincapé en que “é posible levar a cabo iniciativas como esta e transformar unha idea en realidade sempre que teñas un bo motivo, moitas ganas de traballar e logres implicar a canta máis xente mellor no proxecto”.

E, se conseguir implicar a internautas era importante, #twitterengalego viu amplamente superadas todas as expectativas e, en poucos meses, convertéronse en máis de 30.000 seguidores e as súas ideas chegaron a colarse entre os temas máis comentados, os chamados Trending Topic, a nivel estatal e incluso mundial. “Pero, sobre todo, o que fixemos foi deixar claro que había sensación de comunidade e moitas persoas dispostas a botarlle horas e pórse a traballar na tradución”, recalcou o impulsor da iniciativa.

Tradutores por amor a arte e a Galicia

O profesor Javier Gómez Guinovart, do Seminario de Lingüística Informática, foi o encargado de presentar aos asistentes o relator e tamén de achegar certas pinceladas coas que contextualizar a súa intervención. Entre outras temáticas, Guinovart explicou como calquera tuiteiro pode exercer de tradutor “se ben non vai recibir ningún tipo de compensación económica a cambio”, subliñou, xa que a empresa escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución.

Carlos García Vieito explicou os detalles de como solicitar ser tradutor e animou aos asistentes a implicarse nesta tarefa “e facer voluntariado, pero non pensando en que o fas para a empresa, senón para a propia comunidade galega”. Animounos, sobre todo a probar “e se vos gusta seguide adiante co tema”, recalcou, ao tempo que abriu unha nova porta: “quen vos di que co tempo non ides acabar montando a vosa propia web de tradución”.

O próximo martes: Mallando no Android

O ciclo, que conta co apoio da Área de Normalización Lingüística e da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, continuará o vindeiro martes coa conferencia Android en galego que correrá a cargo de Iago Varela Martínez, responsábel da plataforma Mallando no Android, un proxecto encamiñado a achegar información sobre android na nosa lingua.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós