DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 20 de decembro do 2013

O portal StudyPortals recolle as opinións de estudantes estranxeiros sobre os seus destinos académicos

Vigo, Universidade excelente

Os que cursaron parte dos seus estudos nos tres campus o ano pasado valoran positivamente a experiencia


Image“Vigo is great place to study and to live”. “Because Vigo is an amazing place with lovely people”. “My experience was great and I have nothing bad to say about the university or the city”. “Pontevedra a great city to live in”. “They offer you a residence for students called As Burgas”. “Because it's so fun and people are very very friendly and the professors are the best !”.... Moitas opinións como estas de moitos estudantes estranxeiros no portal StudyPortals fan da Universidade de Vigo un destino “excelente” para alumnos e alumnas doutros países. Trátase do portal líder en busca e selección de estudos superiores europeos, que conta cunha plataforma de intercambio de experiencias de estudantes na que se realiza a enquisa STeXX.

M. Del Río | Vigo
“Vigo is great place to study and to live”. “Because Vigo is an amazing place with lovely people”. “My experience was great and I have nothing bad to say about the university or the city”. “Pontevedra a great city to live in”. “They offer you a residence for students called As Burgas”. “Because it's so fun and people are very very friendly and the professors are the best !”.... Moitas opinións como estas de moitos estudantes estranxeiros no portal StudyPortals fan da Universidade de Vigo un destino “excelente” para alumnos e alumnas doutros países. Trátase do portal líder en busca e selección de estudos superiores europeos, que conta cunha plataforma de intercambio de experiencias de estudantes na que se realiza a enquisa en STeXX. A valoración dos estudantes serviulle á Universidade de Vigo para recibir o certificado de “Excelente”, o que significa que os estudantes internacionais que o pasado ano cursaron parte dos seus estudos en algún dos tres campus da Universidade a puntuaron entre o 9 e o 10. En total participaron na enquisa máis de 17.000 alumnos e alumnas que, ademais de valorar as súas universidades de destino, explican como foi a súa estadía e cales consideran que as súas características máis positivas. No caso da Universidade de Vigo, ademais do feito de que Vigo, Ourense e Pontevedra sexan cidades baratas, nas respostas destacan a contorna, as paisaxes e a oferta cultural e de ocio. Pero no tocante á vida académica, subliñan a implicación e capacidade dos docentes, as facilidades que a institución lles ofrece ao chegar, a alta integración na comunidade universitaria, a hospitalidade a amabilidade. Moitos deles valoran tamén moi positivamente os cursos de idiomas ou materias especialmente interesantes.

Con todas estas opinións e respostas StudyPortals elaborou un ránking de universidades por cada país participante. No caso de España, as primeiras clasificadas foron Granada, Salamanca e Zaragoza, seguidas das cualificadas como excelentes Politécnica de Valencia, Sevilla, Vigo, Las Palmas, Murcia e Santiago de Compostela. Nesta páxina están presentes 1225 universidades de 40 países que acadan 2,5 millóns de visitas de estudantes cada mes.

O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, explica que “estamos moi orgullosos” porque, a diferencia doutros ránkings que valoran o traballo da Universidade cara ao exterior en aspectos como a investigación, a transferencia de coñecemento ou a excelencia académica, “este ránking premia a visión que teñen os estudantes de todo o mundo sobre a nosa Universidade”. Polo tanto, esta é a percepción positiva das persoas “para as que finalmente tentamos facer o noso traballo o mellor posible”, explica o vicerreitor, “ e esa percepción indica que imos pola boa senda”.

Un atractivo destino de mobilidade

Durante o curso 2012/2013 un total de 545 estudantes estranxeiros cursaron parte dos seus estudos na Universidade de Vigo, deles 178 fixeron o curso completo, 179 estiveron no primeiro cuadrimestre e 188 no segundo. 312 do total fixérono a través do programa Erasmus. Por campus, a distribución é a seguinte: 390 en Vigo; 88 en Pontevedra e 67 en Ourense.

Neste primeiro cuadrimestre do 2013/2014, 328 alumnos e alumnas elixiron Vigo, Pontevedra ou Ourense para unha estadía internacional. O 76% son bolseiros Erasmus e, dentro deste programa, Alemaña mantense como o principal país de procedencia, con case 60 estudantes desta nacionalidade. A estes haberá que sumar os bolseiros do segundo cuadrimestre que chegarán nas primeiras semanas de 2014. Todos eles serán os que no vindeiro ano poderán valorar a súa estadía nos tres campus da Universidade a través da enquisa STeXX do portal StudyPortals.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós