DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 22 de abril do 2014

A facultade recibe a unha comisión da ACSUG para iniciar o proceso de acreditación da súa oferta académica

CCSS e da Comunicación convértese no primeiro centro da Universidade en someter a exame as súas titulacións

Outro equipo avaliador analiza o sistema de garantía interna de calidade de Fisioterapia


ImageNo marco dun proxecto piloto da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse nesta xornada no primeiro centro da Universidade de Vigo que somete a exame a súa oferta académica de cara a obter a acreditación das súas titulacións. Despois de que os diferentes estudos oficiais de grao e máster superasen a verificación previa á súa implantación e o posterior proceso de seguimento, a partires do vindeiro curso chegará o momento acreditar esta oferta académica, labor que a facultade do campus pontevedrés vén de iniciar este martes cun curso de adianto, coa visita ao centro da comisión de avaliación que durante as xornadas de martes e mércores manterá encontros con profesorado, alumnado ou titulados do centro pontevedrés.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
No marco dun proxecto piloto da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse nesta xornada no primeiro centro da Universidade de Vigo que somete a exame a súa oferta académica de cara a obter a acreditación das súas titulacións. Despois de que os diferentes estudos oficiais de grao e máster superasen a verificación previa á súa implantación e o posterior proceso de seguimento, a partires do vindeiro curso chegará o momento acreditar esta oferta académica, labor que a facultade do campus pontevedrés vén de iniciar este martes cun curso de adianto, coa visita ao centro da comisión de avaliación que durante as xornadas de martes e mércores manterá encontros con profesorado, alumnado ou titulados do centro pontevedrés.

Como un “proceso no que aprenderemos todos” definiu o reitor, Salustiano Mato, a experiencia á que se somete a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “que de xeito voluntario, nun xesto valente”, optou por converterse no primeiro centro da Universidade en iniciar a terceira fase do proceso de implantación das titulacións de grao e posgrao. Trala verificación dos plans de estudo e o posterior seguimento anual de cada título, as titulacións de grao teñen que renovar a súa acreditación cada 6 anos e as de mestrado cada 4 para poder seguir impartíndose. Por iso, o vicerreitor en funcións de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, incidiu no “valor do paso adiante dado neste centro, que está a realizar un traballo moi valioso para a Universidade, xa que o vindeiro curso moitas facultades terán que entrar neste proceso, non xa como unha experiencia piloto, senón nunha convocatoria ordinaria”.

A última etapa dun “longo camiño”

Xunto a futura vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, e o equipo decanal do centro, Mato e Barcia participaron na recepción da comisión avaliadora nomeada pola ACSUG e que preside o profesor Javier González, da Universidade de Salamanca, que agradeceu a presenza do reitor neste acto, dado que “hoxe en día, calquera modelo de excelencia o primeiro criterio que recolle é o liderado, xa que unha das cousas que se valora é o compromiso dos líderes cos procesos de garantía de calidade”, algo que entendía referendado pola presenza do reitor neste acto.

Pola súa banda, o decano, Juan Manuel Corbacho, agradeceu nesta recepción “o gran traballo realizado polo equipo decanal, as comisións dos diferentes graos, a Comisión de Calidade, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade e os distintos implicados”, xa que chegar a este proceso supuxo “un camiño longo e duro”. Para Corbacho a participación da facultade neste programa piloto “é, ante todo, unha oportunidade para ter unha instantánea de como está o centro e as súas titulacións en termos de calidade” e, ao mesmo tempo, trátase tamén dunha experiencia previa que axudará a levar a cabo a acreditación oficial no futuro e “que, evidentemente, compartiremos cos demais centros da Universidade”.

Trala recepción, os avaliadores manteñen no centro unha serie de reunións con diferentes colectivos. Neste senso, están programados encontros coa Comisión de Garantía da Calidade, con empregadores dos titulados, con persoal de apoio á docencia ou co alumnado e profesorado das catro titulacións que se someten á acreditación, os graos en Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Dirección e Xestión Pública e o máster en Dirección de Arte en Publicidade.

Un proceso que permite verse “nun espello fiable”

Para o reitor, o obxectivo final destes procedementos, cos que se culmina o “difícil proceso” de adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior, é dar un “impulso fundamental ao labor docente, que é a principal función das universidades e sobre o que se debe cimentar a nosa imaxe de marca e o noso futuro”. Neste senso, Mato recalcou o compromiso da institución co prestixio da docencia, que constitúe ademais un dos obxectivos centrais do seu próximo mandato. “Non temos ningunha dúbida de que o futuro da Universidade pasa por ter unha oferta académica de calidade, que cubra dunha forma eficiente coa súa función, que é a de formar titulados en educación superior”, concluíu o reitor.

Ciencias Sociais e da Comunicación non foi o único centro do campus que nesta xornada recibiu a visita dunha comisión avaliadora, xa que a Facultade de Fisioterapia tamén somete nesta xornada a exame o seu sistema interno de garantía de calidade. De aí que o reitor salientase o valor que estes procesos teñen para a Universidade. “É importante que poidamos vernos nun espello fiable e a avaliación da calidade ensínanos como debemos facer as cousas e como mellorar”, destacou Mato.

Tempo de avaliar o sistema de calidade de Fisioterapia

Mato, Barcia e Graña acompañaron ao equipo decanal na recepción ao comité que avalía a implantación do sistema de garantía interna da calidade do centro. Como explica Ignacio Barcia, neste plan agrúpanse ”os distintos protocolos e procedementos que permiten controlar a calidade de todos os aspectos que interveñen na docencia”, polo que trala súa certificación no marco do programa FIDES–AUDIT, agora chega o momento de “comprobar como foi a implantación dese sistema no propio centro”. Con ese obxectivo, Fisioterapia sométese nesta xornada ao análise dunha comisión de avaliadores externos, converténdose así no primeiro centro da Universidade que se somete a este exame dentro da convocatoria ordinaria, despois de que a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Facultade de Bioloxía obtivesen os informes positivos da ACSUG no programa piloto levado a cabo o pasado curso.

Trala facultade do campus pontevedrés, a comisión avaliadora visitará nas xornadas de mércores e xoves a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas e a Facultade de Filoloxía e Tradución, motivo polo cal tamén participaron na recepción o director do primeiro centro, Jose Benito Vázquez, e a decana do segundo, Rosa Pérez. Xa no mes de maio, este proceso de avaliación dos sistemas de garantía interna da calidade continuará coas auditorías a tres centros do campus de Ourense, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e as facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós