DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Ourense
Luns, 20 de febreiro do 2017

O resultado sitúao no cuarto posto da División de Honra B estatal

O Campus Universitario Ourense Coosur gaña ao Universitario de Bilbao

O primeiro equipo de xadrez convértese en líder de grupo


ImageEsta fin de semana o Campus Universitario Ourense Coosur sumou unha nova vitoria na xornada 18 da División de Honra B do rugby estatal. O equipo gañou por 20 a 32 ao Universitario de Bilbao, polo que se consolida no quinto posto da táboa e se aproxima moito ao cuarto clasificado. O marcador acadado, destacan desde o club, supón “unha nova e importante vitoria a domicilio". Alén da vitoria do equipo de baloncesto feminino contra Mesón A Vila, nesta última xornada de competición tamén destaca a vitoria do primeiro equipo de xadrez, que se situou líder do seu grupo na primeira división da liga galega por equipos.
Venres, 17 de febreiro do 2017

Unha alumna de Traballo Social conta desde este mes cunha cadela guía

Lucy, un novo e moi especial membro da comunidade universitaria

O seu é o primeiro caso deste tipo na Universidade de Vigo


ImageNunha sociedade cada vez máis diversa, as aulas universitarias son tamén cada vez máis diversas. Nelas conflúen persoas con idades, obxectivos, necesidades, orixes e perfís moi diferentes. No campus de Ourense, ese mosaico vén de ampliarse este mes coa chegada de Lucy, o primeiro can guía, neste caso cadela guía, que se incorpora ás aulas da Universidade de Vigo. Despois dun difícil proceso de selección para que lle fose concedido este apoio por parte da Fundación Once do Can Guía, Lucía González, alumna de cuarto curso do grao de Traballo Social con discapacidade visual, puido deixar de guiarse co bastón para facelo con esta cadela de raza labrador “moi xoguetona pero moi intelixente”. Antes da súa incorporación, os demais membros da comunidade universitaria recibiron indicacións sobre como tiñan que actuar ante a súa presenza e dúas semanas despois da súa chegada, Lucy xa participa da vida universitaria.
Venres, 17 de febreiro do 2017

A súa candidatura recibiu 35 votos a favor, oito en contra e oito en branco

O equipo decanal encabezado por Mar García renova o seu mandato á fronte de Ciencias da Educación

Entre os retos do centro para o novo período, a docente salientou a próxima acreditación dos graos


ImageEste venres celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense as votacións para elixir ao equipo decanal que estará á fronte do centro durante os vindeiros tres anos. Os membros da Xunta de Facultade deron o seu apoio á única candidatura presentada, a candidatura de renovación do equipo decanal que, encabezado por Mar García, dirixiu nos últimos tres anos a facultade con máis alumnado do campus de Ourense. A proposta da docente recibiu 35 votos a favor, oito en contra e oito en branco.
Xoves, 16 de febreiro do 2017

María Victoria Carrera vén de realizar un estudo sobre o acoso e o ciberacoso

Os malos tratos verbais, a exclusión social e a agresión física, principais manifestacións do 'bullying'

A investigadora enquisou a 623 adolescentes da cidade de Ourense


ImageTodas as condutas de bullying e ciberbullying estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns. Os malos tratos verbais, a exclusión social e a agresión física son as manifestacións máis habituais do acoso. En relación ao ciberacoso, as situacións de maior incidencia son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir bromas, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira ou difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén. Os mozos exercen máis significativamente estes comportamentos violentos e entre uns e outros os que máis agriden son os que teñen actitudes sexistas e racistas. Estas son algunhas das conclusións dun estudo que vén de realizar María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, no que aborda estes fenómenos.
Xoves, 16 de febreiro do 2017

O auxiliar técnico de servizos xerais finou o pasado luns aos 55 anos de idade

Pesar na comunidade universitaria polo falecemento de Arturo Rúa

Alumnado, docentes e PAS gardaron un minuto de silencio na súa memoria


ImageAlumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador do campus de Ourense gardaron este xoves un minuto de silencio na entrada do Edificio Xurídico-Empresarial en memoria de Arturo Rúa, persoal de administración e servizos falecido este luns aos 55 anos de idade. Arturo Rúa foi durante máis dunha década auxiliar técnico de servizos xerais na conserxaría do Edificio Xurídico-Empresarial. Con este xesto, a comunidade universitaria quixo amosar o seu pesar pola perda repentina deste compañeiro e o seu apoio á familia de Arturo Rúa, presente tamén no minuto de silencio.
Mércores, 15 de febreiro do 2017

A Facultade de Ciencias acolleu este mércores a fase provincial desta competición

Unha olimpíada na que a gran gañadora é a xeoloxía

Os organizadores salientaron a influencia que está tendo esta cita no incremento de alumnado nesta materia


Image60 alumnos e alumnas de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato da provincia de Ourense participaron este mércores na Facultade de Ciencias do campus na fase provincial da VII Olimpíada Galega de Xeoloxía. Desta cita sairá un ou varios estudantes que se incorporarán ao equipo que representará a Galicia na competición de ámbito estatal. Alén do recoñecemento que supón para as persoas gañadoras, os organizadores da edición en Ourense salientaron como “a gran gañadora desta Olimpíada é a xeoloxía” xa que, apuntaron, coa súa celebración están notando “un incremento do alumnado nesta materia e un maior interese por ela”.
Resultados 55 - 60 de 3570

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós