DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Vigo
Martes, 21 de marzo do 2017

Estudantes de distintas titulacións forman o conxunto e compiten con outras 31 universidades

'Los Thunders' representan á Universidade de Vigo na primeira liga estatal de eSports

A última partida, que se disputa o 2 de abril, é decisiva para os vigueses


ImageOs deportes electrónicos, máis coñecidos como eSports comezan a cobrar protagonismo na Universidade de Vigo, sobre todo no caso dos videoxogos ou gaming, como coinciden en chamalos os expertos na materia. O gaming non require dun esforzo físico, “pero si hai un desgaste mental moi grande”, explica Javier Carrera, membro de Los Thunders, equipo oficial do campus vigués que representa á institución académica viguesa no campionato de League of Legends, OGSeries University, a primeira liga estatal de deportes electrónicos na que participan 32 universidades españolas.
Luns, 20 de marzo do 2017

A nova titulación comezaría a impartirse na Escola de Enxeñería Industrial no curso 2018-2019

O Consello de Goberno aproba á declaración de interese do grao de Enxeñería Biomédica

Considerarase a futura implantación en 2019/20 dun Grao en Deseño e Creación en Pontevedra


Image A Universidade de Vigo comeza a dar pasos cara ao novo mapa de titulacións e faino coa aprobación por parte do Consello de Goberno da declaración dunha nova titulación de grao e sete de máster, que se implantarían no curso 2018-2019, mentres que cara ao curso 2019-2020 o órgano de goberno manifestou o seu interese cara á considerar unha aprobación formal doutras declaracións de interese para implantar neste caso outro grao e dous novos mestrados. En relación coas declaracións de interese aprobadas hoxe, o Consello deu luz verde á presentada pola Escola Enxeñería Industrial para a implantación no curso 2018-2019 dun Grao en Enxeñería Biomédica. Cara ao curso 2019-2020, o Consello de Goberno manifestouse favorable a considerar unha oferta futura cara á aprobación formal dunha declaración de interese para que se poida impartir na Facultade de Belas Artes un Grao en Deseño e Creación.
Luns, 20 de marzo do 2017

O encontro, con sede na Facultade de Bioloxía, está coordinado polo catedrático José Luis Soengas

O campus acollerá en xullo un congreso internacional de expertos en endocrinoloxía animal

En España e Portugal a maioría dos expertos neste campo traballan no eido da acuicultura


ImageA Facultade de Bioloxía será a sede este verán da undécima edición do congreso da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, un encontro internacional de científicas e científicos especializados no estudo dos sistemas endócrinos dos animais, tanto en vertebrados (peixes, anfibios, réptiles , aves…) como invertebrados (insectos, moluscos, crustáceos…). A cita está coordinada polo catedrático José Luis Soengas, director do Laboratorio de Fisioloxía Animal, que explica que os principais sectores nos que inciden os estudos desta rama científica, son todos os relacionados coa produción animal, sobre todo a acuicultura de peixes, que é o eido no que traballan a maioría dos grupos de investigación, tanto de España como de Portugal, relacionados con estas cuestións. O congreso celebrarase do 13 ao 15 de xullo e nel participarán arredor dun cento de especialistas.
Luns, 20 de marzo do 2017

Os de Pablo García obtiveron esta fin de semana a súa sétima vitoria consecutiva, fronte o Xaquedrum

O xadrez universitario segue contando encontros por vitorias

En tenis, o Campionato Galego comeza con vitoria feminina e dúas derrotas masculinas


ImageO Universidade de Vigo-EXP Xadrez: Estratexia pola Paz segue imparable. Esta fin de semana os universitarios volveron sumar unha nova vitoria e van xa sete, tantas como xornadas disputadas na Liga Galega. Os de Pablo García impuxéronse 1.5 a 4.5 ao ELX Xaquedrum e dan un paso máis cara o título autonómico. Por outra banda, o Campionato Galego de tenis arrancou esta fin de semana con diferente sorte para os tres equipos universitarios. Mentres as mulleres, que militan na categoría de prata, conseguiron a vitoria fronte o Salceda de Caselas por 5-0, os dous equipos masculinos caeron no arranque ligueiro.
Venres, 17 de marzo do 2017

A versión en liña da feira de emprego universitario celebrarase do 21 ao 24 de marzo

A II edición da Finde.U Virtual contará coa participación de máis de cen empresas de toda Europa

En 2016 ofertáronse 1324 postos de emprego e recibíronse máis de 4400 currículos


ImageMáis de cen empresas procedentes de toda Europa participarán a vindeira semana na II edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro, que este ano se celebrará do 21 ao 24 de marzo e na que a expectativa é superar os bos resultados que xa se acadaron na anterior edición, na que participaran 78 empresas que ofertaron 1324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4400 currículos. A matrícula para o alumnado, totalmente gratuíta, manterase aberta ata o xoves.
Venres, 17 de marzo do 2017

Traballaron na Base Gabriel de Castilla dende o 12 de febreiro e aterrarán en Vigo este sábado

A expedición antártica regresa á casa cos obxectivos cumpridos

Estudaron o efecto da actividade xeotérmica e o cambio climático sobre os procesos de descomposición das algas


ImageCase un mes e medio despois de que saíran de Vigo cara a base militar española da Illa Decepción, o equipo de científicos da Universidade de Vigo que participa na Campaña Antártica regresa á casa esta fin de semana. En total permaneceron no continente xeado un mes desenvolvendo o proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios, coordinado polo profesor Mariano Lastra cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Esta é a segunda expedición á Antártida dentro deste mesmo proxecto, e nesta ocasión os traballos de campo e de laboratorio centráronse no estudo da actividade xeotérmica sobre os procesos de descomposición da materia orgánica almacenada na liña de costa.
Resultados 13 - 18 de 5765

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós