DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Vigo
Xoves, 22 de xuño do 2017

Nun curso sobre a metodoloxía didáctica 'Flipped Classroom' (en galego, clase invertida)

75 docentes da Universidade aprenden como ‘flippear’ unha clase

A formación, de carácter semipresencial, arrancou este xoves e prolongarase ata o vindeiro 7 de xullo


ImageTras o éxito da edición anterior, o Flipped Classroom ou clase invertida volveu este xoves á Universidade en forma dun curso semipresencial impartido por Raúl Santiago, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja. A cita arrancou este xoves e prolongarase ata o vindeiro 7 de xullo, 25 horas nas que se afondará nun modelo didáctico que avoga pola transferencia de determinados procesos de aprendizaxe fóra da aula grazas a vídeos gravados e editados polo profesorado, de maneira que o tempo de clase poderá investirse en potenciar outros mecanismos de adquisición que consoliden o coñecemento mediante a participación activa dos estudantes, como debates ou actividades que fomenten a investigación e a aplicación de ideas.
Mércores, 21 de xuño do 2017

Gañaron tres alumnas de centros de Rianxo, Vigo e Tui

A Universidade premia os mellores traballos de lingua e literatura galega feitos nos institutos

A iniciativa está impulsada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a ANL e Edicións Xerais


ImageLanzáronse a comezos de ano para pór en valor o traballo feito nos institutos en lingua e literatura galega e xa están a dar os seus primeiros froitos: un traballo sobre a onomástica de Rianxo e dous relatos curtos cos que amosar os primeiros xermolos dunha creatividade que comeza a agromar. A Universidade de Vigo entregou este mércores o I Premio de investigación lingüística e etnográfica sobre lingua e culturas galegas Marcosende a Fátima Ordóñez, de Rianxo, e o I Premio de Creación Literaria Galega Cumieira das Cantigas 2017 a Laura Isasi, de Vigo (1º premio) e a Andrea Taboada, de Tui (2ºpremio).
Mércores, 21 de xuño do 2017

Amelia Verdejo publica unha obra sobre a necesidade de visibilizar o xénero feminino nesta disciplina

Un libro pon en valor as achegas "esquecidas" das mulleres matemáticas ao longo da historia

A publicación fai fincapé nas figuras femininas máis relevantes da historia


ImageEmilie Breteuil, Mery Sommerville, María Gaetana Agnesi, Emmy Noether, Sofía Kovalesky, Ada Byron e Hipatia de Alejandría son algunhas das mulleres que fixeron importantes contribucións no campo das matemáticas ao longo da historia. Aínda que na súa meirande parte estas científicas seguen a ser descoñecidas para o gran público polo mero feito de pertencer ao xénero feminino, figuras como Hipatia e Ada Byron xa se fixeron un oco no imaxinario colectivo. As súas biografías e a de moitas outras mulleres relevantes nesta disciplina aparecen recollidas no libro Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas, escrito por Amelia Verdejo, profesora da área de Análise Matemática da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que ten como obxectivo dar visibilidade ao seu talento.
Mércores, 21 de xuño do 2017

O Concello de Moaña, Campus do Mar e o GALP 7 promoven esta iniciativa de emprendemento local

O programa Empreamar selecciona as seis ideas de negocio que pasarán á fase de incubación

Os proxectos apostan polo turismo, as TIC, a reciclaxe, a planificación territorial ou a cosmética


ImageTurismo mariñeiro, hostelaría, novas tecnoloxías, reciclaxe de refugallos da industria pesqueira, planificación territorial e cosmética vertebran os seis proxectos seleccionados para a fase final do programa de emprendemento mariño e marítimo Empreamar. Esta iniciativa aposta polo aproveitamento sostible dos recursos mariños, nesta edición na área de Moaña e , tras as primeiras fases de formación e de identificación de ideas de negocio sostibles, este martes o tribunal do programa elixiu os seis proxectos de negocio que pasarán á derradeira fase, a de preincubación.
Mércores, 21 de xuño do 2017

Segundo conclúe o último informe de Economics for Energy presentado por X. Labandeira e P. Linares

Volatilidade e incrementos bruscos dos prezos dos combustibles, principais riscos para a seguridade enerxética en España

Os expertos recomendan fomentar o uso de fontes menos variables e estimular o aforro enerxético


ImageO último informe do Centro de Investigación Economics for Energy, presentado hoxe no Club Español de la Energía en Madrid, conclúe que a volatilidade e os incrementos bruscos nos prezos dos combustibles fósiles, nomeadamente petróleo e gas, son actualmente os maiores factores de risco económico en relación coa seguridade enerxética en España. O informe, presentado polos directores de Economics for Energy, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o vicerreitor de Investigación e Internacionalización da Universidad Pontificia Comillas, Pedro Linares, destaca que nun contexto de moi elevada garantía de subministro físico de enerxía, debida á actual regulación e xestión dos sistemas, os factores relacionados cos prezos supoñen un custo para a economía española de ata un 1% do PIB, equiparable en ocasións ao 100% do prezo da propia enerxía, o que indica a súa relevancia.
Martes, 20 de xuño do 2017

Participan 40 especialistas dos principais grupos de investigación a nivel mundial

O Comité de Combustión da Axencia Internacional da Enerxía dáse cita esta semana en Baiona

A xuntanza está coordinada polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo Porteiro


ImageEspecialistas de 14 países (Estados Unidos, Xapón, Corea, Alemaña e Francia, entre outros) participan esta semana en Baiona na xuntanza anual do Comité de Combustión da Axencia Internacional de Enerxía, organismo autónomo no que se reúnen os grandes consumidores de recursos enerxéticos do mundo desenvolto. Coordinados polo profesor da Escola de Enxeñaría Industrial Jacobo Porteiro, actual presidente do comité, teñen por diante catro días nos que analizar, debater e valorar os avances tecnolóxicos e científicos en materia de combustión, con especial atención a aqueles dirixidos a reducir a emisión de contaminantes á atmosfera.
Resultados 7 - 12 de 5951

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós