DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Martes, 01 de abril do 2008

O xerente do CHUVI e o vicerreitor de Investigación asinaron a súa constitución

Universidade e administración sanitaria formalizan a vinculación estable dos seus grupos de investigación coa creación de unidades compartidas

Endocrinoloxía e neumoloxía serán as súas área de traballo


Image Enfermidades como o cancro de tiroides e o de pulmón, ou a tuberculose centrarán parte do traballo que desenvolverán as dúas unidades de investigación compartidas postas en marcha polo Complexo Hospitalario Universitario, CHUVI, e a Universidade de Vigo co obxectivo de potenciar a investigación a través da colaboración, a formación de grupos multidisciplinares e a optimización de recursos.
As unidades relacionadas coas áreas de endocrinoloxía e nutrición e a de neumoloxía, créanse a partir de unidades do hospital que teñen unha vinculación previa co Grupo de Biomarcadores Moleculares (BB1) da Universidade de Vigo que segundo o seu vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa “ apoia firmemente a investigación biomédica, que ten un gran futuro”.
Luns, 31 de marzo do 2008

Os complexos enzimáticos permiten tratar residuos mediante procesos biotecnolóxicos

Nesta dirección apunta Alberto Domínguez coa súa tese de doutoramento


Image As enzimas producidas por diversos microorganismos poden ser utilizadas para o tratamento de residuos mediante procesos biotecnolóxicos, o que permiten reducir o impacto ambiental debido ó desenvolvemento industrial. Esta é a conclusión á que chegou o investigador Alberto Domínguez trala realización da súa tese de doutoramento, presentada recentemente na Facultade de Química. O principal obxectivo que Domínguez se propuxo nestes estudo foi buscar alternativas biolóxicas aos sistemas tradicionais de degradación de contaminantes.
Mércores, 26 de marzo do 2008

Unha tese de doutoramento aporta datos sobre o tema

O sur de Galicia presenta elevados índices de pacientes con enfermidade de Crohn

Estes doentes presentan mellorías con tratamentos nutricionais


ImageA frecuencia da enfermidade de Crohn no sur de Galicia é elevada situándose en cifras similares a de países setentrionais e moi industrializados como Canadá. Así o demostrou na súa tese de doutoramento Paula Costas Armada, investigadora clínica da Sección de Nutrición do Hospital Universitario de Vigo. Unha prevalencia de 178.7 casos por cada 100.000 habitantes e unha taxa de incidencia media de 10.53 casos por 100.000 habitantes/ano son algúns dos datos que se desprenderon do estudo. Son cifras pioneiras pois, nunca antes se determinaran para unha área xeográfica tan definida.
Costas, que defendeu a tese no Edificio de Ciencias Experimentais, logrou determinar coa súa investigación o gasto sanitario que xera un paciente con esta enfermidade, o que vai resultar de gran utilidade á hora da organización sanitaria desde un punto de vista económico.
Venres, 14 de marzo do 2008

Juan Manuel Corbacho, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación:

“A publicidade internacional constitúe o 80% da totalidade dos anuncios das revistas femininas de moda”

Segundo explica na súa tese, unha análise de anuncios en publicacións femininas xermanas e españolas


Image Tras un rigoroso e profundo análise comparativo sobre a publicidade en revistas de moda femininas españolas e alemanas, Juan Manuel Corbacho, agora doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade e profesor da Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación, afirma que “é posible facer publicidade internacional”. Así o concluíu na presentación da súa tese de doutoramento o pasado 3 de marzo no salón de graos do centro no que impartes clases. Estudar como as grandes marcas se dirixen ao mesmo público en países diferentes foi o punto de partida do proxecto que, durante seis anos, recompilou cantidade de exemplos nos que se pode ver como algúns produtos se anuncian do mesmo xeito ou como, en moitas ocasións, teñen que adaptarse a cada país.
Venres, 14 de marzo do 2008

Obra do laboratorio de Óptica da Facultade Ciencias de Ourense

A Universidade de Vigo, primeira en España na construción dunha trampa atómica

O traballo será presentado ao MEC o 27 de marzo


Image O laboratorio de Óptica da Facultade de Ciencias de Ourense acaba de construír a primeira trampa atómica nunha universidade española. O grupo de Óptica Física da Universidade de Vigo que dirixe Humberto Michinel foi o encargado de realizar o traballo no marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia que avaliará o resultado o vindeiro 27 de marzo nunha reunión que se celebrará en Barcelona.
A trampa atómica é un dispositivo que emprega láseres ultraestabilizados para reter e arrefriar átomos de Rb ata temperaturas da orde das millonésimas de grado. Neste estado os átomos manifestan propiedades cuánticas que permiten empregalos con diferentes fins como a construción de reloxos atómicos ou computadores cuánticos. Con esta tecnoloxía a Universidade de Vigo sitúase á cabeza de España no eido da Física que máis premios Nobel deu nos últimos anos, segundo afirma o director do grupo de Óptica Física.
Xoves, 13 de marzo do 2008

O traballo de campo desenvolveuse na República Dominicana e en Porto Rico

Investigacións do grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas conclúen que nun lustro é posible recuperar zonas boscosas deforestadas

Na cordilleira dos Andes estudan as invasións biolóxicas


Image A busca de técnicas para a recuperación de zonas boscosas deforestadas é a razón que leva ao grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo a realizar traballos de campo en Porto Rico e na República Dominicana, onde as masas forestais son moi complexas pola variedade de especies existentes e a diversidade de interaccións entre elas. “Esta investigación desenvólvese nos ecosistemas tropicais, pero podería aplicarse facilmente aos montes galegos, que precisan dunha urxente reforestación tralos incendios sufridos”, tal como apunta Luís Navarro, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan e fundador do grupo.
Unha vez realizados os experimentos precisos, “os resultados apuntan que nun prazo de cinco anos é posible repoboar os bosques talados ou queimados con especies autóctonas. Deste xeito facilítase a aparición da fauna adecuada para formar un ecosistema ben estruturado, con interaccións entre plantas e animais mutualistas”, segundo Navarro.
Resultados 2167 - 2172 de 2270

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós