DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Actividades Académicas
Mércores, 08 de marzo do 2017

A cita desenvolverase do 20 de marzo ao 6 de abril na Facultade de Ciencias da Educación

O campus acollerá unha nova edición do curso de lingua de signos

A formación ten un carácter principalmente práctico


ImageDespois de celebrar a súa última edición, a terceira, no campus de Pontevedra, o Curso complementario en inclusión educativa da discapacidade auditiva volve este ano a celebrarse no campus de Ourense. Do 20 de marzo ao 6 de abril, as persoas interesadas en completar a súa formación con coñecementos sobre a lingua de signos, especialmente o alumnado e profesionais do eido educativo e social, están chamadas a participar nun curso que en cada edición é moi demandado polo seu carácter práctico e por dar resposta a unha necesidade formativa moi especializada e que non entra no currículo académico.
Luns, 06 de marzo do 2017

O músico Didier Díaz imparte no campus un taller de ecopercusión

Como facer sustentable unha batukada

Bidóns, cubos ou botellas son empregados como instrumentos nesta actividade


Image“Todo o que soa cando se golpea é un instrumento de percusión”. Con esta frase exemplifica o músico Didier Díaz a infinidade de elementos que poden ser empregados como instrumentos musicais. Sen ir máis lonxe, elementos como bidóns, cubos de pintura, botellas ou latas de conserva que son o material co que un grupo de preto de 25 alumnos e alumnas aprende con este instrumentista a facer unha batukada con elementos reciclados, da man do taller de Ecopercusión que a Vicerreitoría promove, dentro do proxecto Green Campus, xunto co coro do campus de Pontevedra.
Luns, 06 de marzo do 2017

Destinado a estudantes, operadores xurídicos e activistas, terá 40 horas de duración

Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá un módulo europeo sobre a protección dos dereitos fundamentais

O curso arranca este mércores 8 e estenderase ata finais de abril


Este mércores arranca na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo un Módulo Jean Monnet sobre a protección dos dereitos fundamentais na Unión Europea. Esta iniciativa responde á necesidade de suplir algúns dos principais déficits formativos detectados nesta materia, contribuíndo así a unha análise reflexiva que, como explican os seus organizadores, “tome como punto de partida o recoñecemento de plena eficacia xurídica a un catálogo propio de dereitos no seo da UE, pero sen perder de vista a complexa realidade que é hoxe a efectiva protección dos dereitos e liberdades das persoas”.
Xoves, 02 de marzo do 2017

Na primeira edición dun curso complementario promovido pola facultade

O alumnado de Fisioterapia achégase ao uso terapéutico do pilates

Impartido por Sebastián Jesús Aboal, propón un achegamento práctico aos exercicios en solo


ImageO aumento da flexibilidade e a forza muscular, o fortalecemento da zona abdominal e da musculatura das costas, a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo e o movemento, da coordinación e do equilibrio. Estes son algúns dos beneficios fundamentais do método pilates, que ademais de ser unha estendida práctica de actividade física constitúe tamén unha ferramenta para os e as fisioterapeutas. Co propósito de propor un achegamento a aplicación terapéutica deste método, o decano en funcións de Fisioterapia, Gustavo Rodríguez, coordina o I Curso de Pilates en Mat para Fisioterapeutas, no que participan 14 estudantes, titulados e tituladas.
Xoves, 02 de marzo do 2017

Cada mes a Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle un taller ao abeiro desta iniciativa

As últimas novidades en programación e tecnoloxía saen á palestra nos ESEI Dojos

O seu obxectivo é complementar a formación da comunidade universitaria


ImageA palabra 'dojo' é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais. Desde hai un tempo, no eido da tecnoloxía este termo tamén se emprega para pór nome a reunións de programadores que durante unhas horas determinadas traballan nun reto de programación. Seguindo esta idea, desde principios do curso 2011/2012, docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense desenvolven os chamados ESEI Dojos, talleres que permiten aos membros da comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en programación e tecnoloxía.
Mércores, 01 de marzo do 2017

As proxeccións comezan hoxe e prolongaranse ata o vindeiro luns

Saúde, robótica, globalización das finanzas e 'fracking' enchen de contido a 7ª edición do Cineforum de Bioloxía

O ciclo está organizado polas docentes Mª Jesús Suárez, Rosa Álvarez e Encarna de Miguel


Image A historia do neuropatólogo forense Bennet Omalu, descubridor da síndrome post-conmoción cerebral que afectou a numerosos xogadores de fútbol americano, provocando incluso o suicidio dalgúns deles, é o argumento central de A verdade doe, a película de 2015 Peter Landesman, coa que este mércores arranca a 7º edición do Cineforum de Bioloxía. A proxección desta cinta, protagonizada polo actor Will Smith, comezará ás 15.30 horas no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, onde tamén terá o lugar o resto de proxeccións mañá xoves, Eu, robot; o venres, Confesións dun banqueiro, e o vindeiro luns, Gasland.
Resultados 25 - 30 de 2655

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós