DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Cultura
Martes, 23 de maio do 2017

O filólogo e escritor Isaac Xubín protagonizará o coloquio deste xoves

Gastronomía e literatura centran o próximo encontro nas Campás

Na última sesión do curso, o 1 de xuño, Amancio Castro falará de fotografía científica


Image“Unha vez escoitei que a gastronomía era o último elemento que perdía unha comunidade migrante ou absorbida por outra, que antes perdía a lingua ou a relixión”, salienta o filólogo e escritor Isaac Xubín do que é un dos eixos do coloquio que este xoves protagonizará na sede da Vicerreitoría no marco dos Encontros nas Campás que promoven o Programa para Maiores e a Área de Extensión Cultural. O recentemente recoñecido co Premio da Crítica de narrativa galega falará das relacións entre gastronomía e literatura na penúltima sesión dunha serie de coloquios que se pechará o 1 de xuño co relatorio que Amancio Castro centrará na fotografía científica.
Luns, 22 de maio do 2017

A inscrición no campamento estival abre desde hoxe, 22 de maio, ata o día 2 de xuño para Ourense e Vigo

O Campus Camp ofrece 260 prazas para un verán viaxando no tempo

Poderán participar rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos durante xuño, xullo e setembro


ImageCoa chegada do verán regresará á Universidade o Campus Camp, un campamento estival cun programa completo de actividades que mesturan a diversión e a aprendizaxe destinado especialmente para as fillas e fillos das persoas traballadoras e estudantes da Universidade de Vigo. Ofértanse 260 prazas (60 para Ourense e 200 para Vigo e Pontevedra) destinadas a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que, durante os meses de xuño, xullo e setembro, cambirán as escolas infantís e os colexios polos campus universitarios.
Venres, 19 de maio do 2017

O centro acolle unha nova edición dos seus recunchos temáticos

Ourense escribe... para os lectores da biblioteca universitaria

Nesta ocasión dedica especial atención á obra de escritores e escritoras vinculados á provincia


ImageOurense escribe. Este é o lema escollido polo persoal técnico da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense para o novo recuncho literario co que conta o centro na súa entrada. A selección de obras de autores vinculados a Ourense que se pode ver e coller emprestada neste espazo pretende dinamizar os fondos da biblioteca e chamar a atención dos potenciais lectores. A diversidade de títulos é moi ampla, abranguendo desde obras como O expreso da literatura e outros ensaios, de Carlos Casares, ata Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras.
Xoves, 18 de maio do 2017

O cuarteto 1045 ofrecerá un concerto, con entrada libre, o vindeiro martes 23

O jazz retorna á Casa das Campás para fusionarse coas músicas do mundo e o funk

A formación ofrecerá un repertorio integrado por composicións propias e improvisacións


ImageA música jazz é desde hai tempo un elemento fixo na programación cultural da Vicerreitoría do campus, que se o pasado mes de abril achegaba á Casa das Campás a homenaxe da Django Reinhardt de David Regueiro Trío, o vindeiro martes 23 dará pé á súa combinación coas músicas do mundo e o funk que promove 1045. O cuarteto que integra o batería Miguel Lamas, xunto con Iago Mouriño, Octavio Vargase Pablo Añón, presentará nunha actuación con entrada libre ata completar aforo unha serie de composicións propias que combinan estas tres influencias é que dan pé, como sinala Lamas, a unha ampla marxe para a improvisación.
Xoves, 18 de maio do 2017

O conxunto formouse no obradoiro organizado por Extensión Universitaria

Son das Lagoas pon música ao Día das Letras Galegas no campus

Interpretaron pezas tradicionais no exterior do centro comercial de Cidade Universitaria


ImageTras meses de ensaio, o grupo de música tradicional Son das Lagoas puxo en práctica todo o aprendido este xoves, 18 de maio, no exterior do centro comercial de Cidade Universitaria para homenaxear a Carlos Casares, escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O conxunto naceu de forma espontáneao abeiro do Obradoiro de canto, percusión, gaita e baile tradicional organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, que neste curso se desenvolveu no primeiro e no segundo cuadrimestre.
Martes, 16 de maio do 2017

O campus sumouse este martes á conmemoración do día grande da lingua

Música, teatro e as laranxas máis laranxas de todas as laranxas para celebrar as Letras Galegas

A biblioteca acolleu varias actuacións inspiradas na obra de Carlos Casares


ImageO campus de Ourense sumouse este mércores á celebración do Día das Letras Galegas 2017 o 17 de maio cunha programación dedicada ao escritor homenaxeado nesta edición, o ourensán Carlos Casares. Membros da comunidade universitaria de diferentes xeracións e colectivos participaron nunha actividade que tivo lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do campus e que consistiu nunha actuación musical e outra teatral inspiradas nalgunhas das obras máis populares do autor homenaxeado como son As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul.
Resultados 19 - 24 de 1999

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós