DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Publicacións
Mércores, 05 de xullo do 2017

O profesor Alberto Pena afonda seu novo libro no papel xogado pola ditadura lusa na Guerra Civil

Franco e Salazar, unidos pola propaganda

O volume completa traballos previos sobre a colaboración do Estado Novo co franquismo


ImageO papel xogado pola prensa, a nivel nacional e internacional, para captar adeptos ou desmoralizar o inimigo, o “uso pioneiro da radio e do cinema dun xeito estratéxico, con producións específicas dirixidas a diferentes públicos e en varios idiomas” son exemplos de como a Guerra Civil española “marcou o devir histórico” como un “campo de experimentación propagandística”, sostén o investigador Alberto Pena. Un ámbito no que o exército franquista tivo como grande aliado á ditadura portuguesa de Salazar, cuxo papel no conflito español constitúe unha das liñas centrais de investigación deste profesor de CCSS e da Comunicación. Unha liña de traballo que ten como culminación Salazar y Franco. La alianza del fascismo ibérico contra la España Republicana, libro no que con novas achegas e documentos, ofrece unha ampla análise do papel xogado pola prensa e a diplomacia portuguesa no conflito español.
Venres, 30 de xuño do 2017

O profesor de BBAA Alberto Ruiz de Samaniego reflexiona sobre o camiñar e o fuxir no seu novo libro

Corpos á deriva intentando responder onde e como vivir e crear

En diferentes ensaios, aborda cuestións como a necesidade de distanciarse de pensadores e artistas


Image“A necesidade de dar resposta a cuestións que afectan directamente a existencia: onde vivir, como vivir, onde crear e como” constitúe, como salienta o profesor de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego, o xerme inicial de Cuerpos a la deriva, libro no que propón unha reflexión acerca de camiñar, vagar, pecharse nunha estancia ou distanciarse da sociedade e sobre como estas accións foron abordadas por artistas e pensadores. “Todos somos en definitiva corpos á deriva que ao longo da nosa vida buscamos restablecer a significación e unha certa estrutura de sentido en medio da erosión continua do devir”, salienta este profesor.
Mércores, 28 de xuño do 2017

Na actualidade estuda cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia

O alumno Álex Garrido publica a novela 'Mafia: venganza en Chicago'

Na presentación o autor destacou o “dinamismo” e a “fácil lectura” da súa primeira obra literaria


ImageUn inspector do Departamento de Homicidios da Policía de Chicago -alcólico, mullereiro e perseguido pola morte do seu mellor amigo e compañeiro- enfróntase á posición idealista e positiva da súa compañeira que se acaba de licenciar, imposta polos altos cargos da Xefatura de Policía. Mentres tanto, a aparición do cadáver dun irlandés coa cara cortada sacará á luz unha guerra entre dúas faccións cuxo choque parece non beneficiar a ninguén, pero si ameaza a relativa tranquilidade da Cidade do Vento. Con este argumento presentouse este mércores no campus de Ourense Mafia: venganza en Chicago, unha novela de Álex Garrido, alumno de Historia.
Mércores, 21 de xuño do 2017

Amelia Verdejo publica unha obra sobre a necesidade de visibilizar o xénero feminino nesta disciplina

Un libro pon en valor as achegas "esquecidas" das mulleres matemáticas ao longo da historia

A publicación fai fincapé nas figuras femininas máis relevantes da historia


ImageEmilie Breteuil, Mery Sommerville, María Gaetana Agnesi, Emmy Noether, Sofía Kovalesky, Ada Byron e Hipatia de Alejandría son algunhas das mulleres que fixeron importantes contribucións no campo das matemáticas ao longo da historia. Aínda que na súa meirande parte estas científicas seguen a ser descoñecidas para o gran público polo mero feito de pertencer ao xénero feminino, figuras como Hipatia e Ada Byron xa se fixeron un oco no imaxinario colectivo. As súas biografías e a de moitas outras mulleres relevantes nesta disciplina aparecen recollidas no libro Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas, escrito por Amelia Verdejo, profesora da área de Análise Matemática da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que ten como obxectivo dar visibilidade ao seu talento.
Xoves, 08 de xuño do 2017

A entidade vén de facer público os datos do barómetro Baexga do primeiro trimestre

O Foro Económico destaca "a excelencia exportadora" de Galicia

Na metade dos indicadores iguala os datos do conxunto do estado


ImageO Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) para o primeiro trimestre do ano “pon de manifesto que Galicia acompaña ao conxunto da economía española no seu excelente desempeño exportador, tanto en volume exportado como en incorporación de novas empresas exportadoras”. O Foro Económico de Galicia, liderado desde o campus de Ourense polo grupo de investigación Gen, Governance and Economics Research Network, vén de facer público os últimos datos do barómetro, que realizan investigadores da entidade.
Venres, 02 de xuño do 2017

Con esta publicación Manuel Isorna quere contrarrestar a desinformación arredor desta droga

Un manual afonda nos efectos, riscos e beneficios terapéuticos do consumo de cánnabis

A marihuana é a substancia psicoactiva máis popular no mundo


ImageUnha publicación que quere ofrecer información sistemática e sinxela sobre o cánnabis, desde a súa historia e características ata os seus efectos e a prevención do seu consumo. Con este obxectivo, Manuel Isorna, profesor na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, vén de publicar o manual Cánnabis: efectos, riscos e beneficios terapéuticos. A través de 256 páxinas, este doutor en psicoloxía intenta “tocar todos os temas” relacionados coa droga máis consumida no mundo coa finaliade de contribuír a contrarrestar “a gran desinformación que hai creada ao seu redor”.
Resultados 7 - 12 de 363

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós