DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Luns, 24 de abril do 2017

A recuperación da fauna na Xunqueira de Alba centraba a proposta seleccionada polo xurado

Los Sauces gaña o Concurso Intercentros da EE Forestal

Preto de 50 estudantes de bacharelato participaron na segunda edición desta iniciativa


ImageA proposta na que o alumnado do centro educativo Los Sauces de Pontevedra propuña medidas para a recuperación da fauna na contorna da Xunqueira de Alba foi a seleccionada polo xurado do segundo Concurso Intercentros de Enxeñaría Forestal, como gañadora dun premio de 1000 euros. Aldara Merino, Rodrigo Fernández, María Canto, Ángel Cabeza e Cayetana Mosteiro integran o equipo gañador do certame no que a EE Forestal convida ao alumnado de bacharelato a deseñar accións de mellora da súa contorna natural e que nesta edición reuniu un total de 12 proxectos, realizados por 48 estudantes de cinco institutos galegos.
Xoves, 20 de abril do 2017

Representantes de Concello, Deputación e Universidade participaron no acto de entrega

O campus saca a rúa en tres meses un compost de “moita calidade”

Trátase da primeira produción saída dos módulos situados fronte a EE Forestal


ImageNun tempo inferior ao habitual, o campus sacou á rúa a primeira produción dun compost de “moita calidade”, segundo salienta o mestre composteiro Enrique Pintos dos primeiros resultados do traballo que vén desenvolvendo no composteiro situado fronte á Escola de Enxeñaría Forestal. Representantes de Concello, Deputación e Universidade participaron este mércores na entrega das primeiras bolsas de compost xerado nos módulos nos que o persoal dos servizos de comedor deste centro e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deposita diariamente os seus residuos orgánicos.
Xoves, 20 de abril do 2017

Trátase dunha acción enmarcada na implantación do plan de autoprotección do centro

Belas Artes pon a proba a súa capacidade de reacción ante emerxencias cun simulacro de incendio

Bombeiros, Policía Nacional e 061 colaboraron nunha evacuación con dous supostos feridos


ImageÁs 12.26 horas deste xoves, a alarma da Facultade de Belas Artes comezou a soar de forma continua trala detección de fume nunha das súas aulas. Apenas cinco minutos despois, o seu alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos reuníase no xardín situado ás portas do centro completando así un simulacro organizado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade como parte da implantación do plan de autoprotección da facultade. Simulacro que contou coa participación da Policía Nacional e dos Bombeiros, así como do 061, para asistir a dous supostos feridos.
Venres, 31 de marzo do 2017

A través do convenio coa Universidade que vén de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial

A Deputación destina 100.000 euros a impulsar a mobilidade internacional do alumnado

O vindeiro curso, outorgará 100 bolsas de 1000 euros a participantes nos programas Erasmus+


ImageImpulsar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra é o obxectivo principal do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo polo que a institución provincial destinará o vindeiro curso 100.000 euros a axudas complementarias para o alumnado seleccionado en programas de mobilidade internacional. Concretamente, o convenio prevé a concesión de 100 bolsas de 1000 euros ao estudantado que participe no curso 2017/2018 nos programas Erasmus+ Estudos e Erasmus+ Prácticas, así como a beneficiarios e beneficiarias das bolsas propias da institución académica.
Martes, 21 de marzo do 2017

Profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, faleceu o pasado venres

O campus fica en silencio en memoria de Antonio Maceira

Centos de persoas reuníronse ás portas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte


ImageAlumnado, profesorado e persoal de administración e servizos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte baleiraron este mediodía o interior deste centro do campus para reunirse ás súas portas e gardar un minuto de silencio en memoria do profesor Antonio Delfín Maceira Gago, falecido o pasado venres. “Era un gran profesor, moi querido por todos e o seu falecemento supón un gran pesar para toda a comunidade universitaria, especialmente para esta facultade”, salientou o decano do centro, Vicente Romo, trala celebración desta pequena homenaxe ao que foi docente deste centro desde os seus inicios.
Mércores, 08 de marzo do 2017

A profesora María Álvarez Lires foi galardoada co Premio 'uviguala' no acto do Día Internacional das Mulleres

A Universidade reivindica a educación como a chave para unha igualdade real

A comunidade universitaria sumouse ao paro convocado para este mediodía con concentracións nos tres campus


ImageReivindicar a educación como a chave para acadar unha igualdade real e efectiva. Esta foi a mensaxe que a Universidade de Vigo quixo lanzar neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, no que a institución recoñeceu o labor da profesora de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires co quinto Premio de compromiso coa igualdade de xénero uviguala 2017. No acto celebrado na facultade pontevedresa, o reitor, Salustiano Mato, puxo de relevo a “traxectoria profesional e vital” de Álvarez Lires, marcada polo seu compromiso coa “transmisión de valores igualitarios que xeren o cambio necesario para acadar unha sociedade máis xusta e democrática”, coa visibilización das mulleres nas ciencias e co feminismo, como recolle no seu fallo a Comisión de Igualdade.
Resultados 25 - 30 de 416

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós