DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Martes, 18 de outubro do 2016

O vicerreitor detallou o percorrido deste proxecto no evento celebrado este martes en Braga

Pontevedra achega a experiencia do Green Campus ao Encontro Ibérico de Eco-Universidades

A xornada tiña por obxecto amosar o traballo das diferentes institucións recoñecidas nos programas da FEE


ImageEn outubro de 2015, o campus de Pontevedra convertíase no primeiro de España en obter a bandeira verde do programa Green Campus, co que a FEE puña en valor o seu traballo en materia de xestión e educación ambiental. Un fito que levou ao vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, e ao director da Área de Planificación, Celso Cancela, a participar este martes no primeiro Encontro Ibérico de Eco-Universidades e Eco-Escolas, promovido pola Cámara Municipal de Braga, a Universidade do Minho e a asociación ABAE, co propósito de compartir experiencias entre as diferentes institucións participantes nestes dous programas da FEE.
Mércores, 05 de outubro do 2016

A directora do posgrao PIMA deste centro, Helen Richardson, reuniuse con representantes da Universidade

O proxecto CREA S2i busca establecer alianzas co Brooklyn College

O obxectivo é establecer unha colaboración en materia académica, de investigación e de intercambio


ImageExplorar posibilidades de colaboración entre a Universidade de Vigo e o proxecto de especialización do campus pontevedrés, CREA S2i, e o Brooklyn College da Universidade de Nova York, nos eidos académico, de investigación e de intercambio de alumnado e profesorado. Este é o propósito central das reunións que a directora do posgrao PIMA da institución estadounidense, Helen E. Richardson, mantén nesta xornada tanto con representantes do comité técnico de dirección do proxecto CREA S2i como con responsables das diferentes facultades e escolas do campus.
Venres, 23 de setembro do 2016

36 novas empresas presentan hoxe e mañá os seus produtos e servizos na Praza de España

O Pont-Up Store fai de Pontevedra un escaparate para novas ideas

Esta feira do emprendemento complétase con preto de 30 actividades formativas e de divulgación


ImageDo deseño, a artesanía ou os recursos educativos, ás ferramentas informáticas ou as novas tecnoloxías. Múltiples son as áreas representadas desde a mañá deste venres na carpa do Pont-Up Store 2016, o espazo de emprendemento impulsado pola Universidade, no marco do proxecto de especialización CREA S2i, que ao longo destas dúas xornadas permite a un total de 36 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria dar a coñecer os seus produtos e servizos á cidadanía. Na que é xa a súa terceira edición, salienta o seu director, o profesor Pedro Figueroa, o Pont-Up consolídase “como un espazo de referencia do novo emprendemento en Galicia e nunha cita obrigada para os diferentes axentes deste ecosistema”.
Luns, 19 de setembro do 2016

Diferentes actividades lúdicas sucédense no espazo pechado ao tráfico durante estes días

O campus de Pontevedra énchese de diversión e concienciación por unha mobilidade sostible

Esta iniciativa é unha das medidas incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus


ImageUn circuíto de ninebots, uns vehículos eléctricos de dúas rodas que poden constituír unha alternativa ecolóxica de transporte dentro das cidades, e o mural que a comunidade universitaria irá elaborando con materiais reciclados ocupan desde este luns un espazo habitualmente reservado aos coches na vía central do campus pontevedrés. Como unha das actividades incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría conmemora por primeira vez a Semana Europea da Mobilidade substituíndo os coches pola diversión e concienciación no centro do campus, a través dunha serie de actividades lúdicas ao aire libre relacionadas coa mobilidade sostible, a reciclaxe e os hábitos de vida saudables.
Xoves, 15 de setembro do 2016

Entre luns e mércores desenvolveranse diferentes actividades lúdicas na estrada central

A Semana Europea da Mobilidade pecha ao tráfico o corazón do campus

A partires deste venres, permanecerá aberta a inscrición no taller de reciclaxe de bicicletas 'Green Bike'


ImageCo peche ao tráfico da vía situada entre a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal, onde entre luns e mércores se desenvolverán diferentes actividades lúdicas, e a apertura do prazo de inscrición no obradoiro de reciclaxe de bicicletas Green Bike, o campus da inicio este venres á conmemoración da Semana Europa da Mobilidade. No marco do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría súmase por primeira vez a esta celebración co obxectivo de contribuír a “mudar as dinámicas de desprazamento e aproveitamento dos espazos públicos”, como salienta o vicerreitor, Juan Manuel Corbacho.
Martes, 13 de setembro do 2016

A través dun concurso aberto a centros de toda Galicia, dotado dun premio de 1000 euros

A EE Forestal convida ao alumnado de bacharelato a estudar como poden mellorar a súa contorna

Os estudantes dispoñen de prazo ata o 31 de marzo para presentar os seus proxectos


ImagePromover que o alumnado de bacharelato se achegue á súa contorna natural máis próxima e propoña accións de mellora e conservación da súa biodiversidade é o propósito central do II Concurso Intercentros de Enxeñaría Forestal. Dirixido a grupos de entre tres e cinco estudantes, o concurso de ideas que a EE Forestal promove no marco do proxecto Green Campus busca tamén promover “a interacción cos que poden ser no futuro os nosos alumnos e alumnas”, así como contribuír a “dar a coñecer o centro e a súa titulación”, como salientou o secretario do centro, Juan Picos, na presentación deste certame, dotado cun premio de 1000 euros.
Resultados 31 - 36 de 402

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós