DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Martes, 08 de novembro do 2016

As tres institucións asinaron un convenio para o estudo dos posibles usos do compost de baixa calidade

Universidade, Deputación e Concello de Pontevedra alíanse para avanzar nunha xestión sostible dos residuos

A investigación, que se desenvolverá ao longo de tres anos, conta cun financiamento de 230.000 euros


ImageEstudar a viabilidade de utilizar o chamado bioestabilizado, o compost de baixa calidade, na recuperación de solos degradados constitúe o obxectivo principal da investigación que durante os próximos tres anos desenvolverán os investigadores e investigadoras da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade, grazas ao convenio que a institución académica asinou nesta xornada coa Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra. Un proxecto que investigación “moi ambicioso” que, como lembrou o reitor, Salustiano Mato, “ten moito que ver cun cambio de cultura que temos que ir facendo se queremos ter futuro neste planeta” e que pasa pola integración “da xestión sostible de todo o que non utilizamos”.
Xoves, 27 de outubro do 2016

Salustiano Mato participou nun xantar con representantes do ámbito profesional e empresarial da cidade

O reitor achega o potencial en I+D da Universidade ao Rotary Club

Na súa intervención abordou as expectativas do campus neste eido


ImageDar a coñecer o traballo realizado pola Universidade en materia de I+D+i en colaboración coas empresas, así como incidir tamén nas expectativas presentes e futuras neste eido do campus de Pontevedra constituíron o eixo da intervención do reitor, Salustiano Mato, no encontro organizado polo Rotary Club cunha vintena de representantes do ámbito empresarial e profesional da cidade. No marco do seu espazo Hoy comemos con..., os representantes desta organización puideron intercambiar impresións co reitor nun almorzo no que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.
Martes, 18 de outubro do 2016

O vicerreitor detallou o percorrido deste proxecto no evento celebrado este martes en Braga

Pontevedra achega a experiencia do Green Campus ao Encontro Ibérico de Eco-Universidades

A xornada tiña por obxecto amosar o traballo das diferentes institucións recoñecidas nos programas da FEE


ImageEn outubro de 2015, o campus de Pontevedra convertíase no primeiro de España en obter a bandeira verde do programa Green Campus, co que a FEE puña en valor o seu traballo en materia de xestión e educación ambiental. Un fito que levou ao vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, e ao director da Área de Planificación, Celso Cancela, a participar este martes no primeiro Encontro Ibérico de Eco-Universidades e Eco-Escolas, promovido pola Cámara Municipal de Braga, a Universidade do Minho e a asociación ABAE, co propósito de compartir experiencias entre as diferentes institucións participantes nestes dous programas da FEE.
Mércores, 05 de outubro do 2016

A directora do posgrao PIMA deste centro, Helen Richardson, reuniuse con representantes da Universidade

O proxecto CREA S2i busca establecer alianzas co Brooklyn College

O obxectivo é establecer unha colaboración en materia académica, de investigación e de intercambio


ImageExplorar posibilidades de colaboración entre a Universidade de Vigo e o proxecto de especialización do campus pontevedrés, CREA S2i, e o Brooklyn College da Universidade de Nova York, nos eidos académico, de investigación e de intercambio de alumnado e profesorado. Este é o propósito central das reunións que a directora do posgrao PIMA da institución estadounidense, Helen E. Richardson, mantén nesta xornada tanto con representantes do comité técnico de dirección do proxecto CREA S2i como con responsables das diferentes facultades e escolas do campus.
Venres, 23 de setembro do 2016

36 novas empresas presentan hoxe e mañá os seus produtos e servizos na Praza de España

O Pont-Up Store fai de Pontevedra un escaparate para novas ideas

Esta feira do emprendemento complétase con preto de 30 actividades formativas e de divulgación


ImageDo deseño, a artesanía ou os recursos educativos, ás ferramentas informáticas ou as novas tecnoloxías. Múltiples son as áreas representadas desde a mañá deste venres na carpa do Pont-Up Store 2016, o espazo de emprendemento impulsado pola Universidade, no marco do proxecto de especialización CREA S2i, que ao longo destas dúas xornadas permite a un total de 36 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria dar a coñecer os seus produtos e servizos á cidadanía. Na que é xa a súa terceira edición, salienta o seu director, o profesor Pedro Figueroa, o Pont-Up consolídase “como un espazo de referencia do novo emprendemento en Galicia e nunha cita obrigada para os diferentes axentes deste ecosistema”.
Luns, 19 de setembro do 2016

Diferentes actividades lúdicas sucédense no espazo pechado ao tráfico durante estes días

O campus de Pontevedra énchese de diversión e concienciación por unha mobilidade sostible

Esta iniciativa é unha das medidas incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus


ImageUn circuíto de ninebots, uns vehículos eléctricos de dúas rodas que poden constituír unha alternativa ecolóxica de transporte dentro das cidades, e o mural que a comunidade universitaria irá elaborando con materiais reciclados ocupan desde este luns un espazo habitualmente reservado aos coches na vía central do campus pontevedrés. Como unha das actividades incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría conmemora por primeira vez a Semana Europea da Mobilidade substituíndo os coches pola diversión e concienciación no centro do campus, a través dunha serie de actividades lúdicas ao aire libre relacionadas coa mobilidade sostible, a reciclaxe e os hábitos de vida saudables.
Resultados 43 - 48 de 416

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós