DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Xoves, 22 de setembro do 2016

En España, só tres universidades dispoñen deste selo internacional de calidade da investigación

A Universidade inicia o proceso para acadar a acreditación HR Excellence in Research

Como primeiro paso 200 investigadores avaliarán nunha enquisa fortalezas e carencias da institución


Image Desde que a Comisión Europea recomendase no ano 2005 a implementación da Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta para a contratación de investigadores, unhas 1200 institucións de 35 países europeos e de fóra de Europa adheríronse a esta iniciativa e máis de 200 institucións xa obtiveron o selo HR Excellence in Research. No caso concreto de España, da trintena de institucións que acadaron este selo, só tres son universidades. A Universidade de Vigo inicia agora un proceso que comeza pola definición da Estratexia de recursos humanos para o persoal investigador (HRS4R), con obxectivo de incluír a Carta Europea do Investigador e o Código de Conducta para a contratación de investigadoras e investigadores dentro das súas políticas e prácticas
Venres, 16 de setembro do 2016

Vigo abre por segundo ano consecutivo a convocatoria do Programa de retención de talento investigador

Unha aposta única no sistema universitario galego pola continuidade do persoal investigador propio

A institución financia con cargo a recursos propios o 100% do custo dos contratos


Image A investigadora Marta Pazos traballa desde hai 15 anos na Universidade de Vigo, onde foi encadeando diferentes tipos de contratos, desde o de investigación con cargo a un proxecto, ata o Ramón y Cajal, pasando polo de predoutoramento da Xunta e o Ángeles Alvariño. Nun escenario de recortes e incerteza para o persoal investigador como o actual, esta viguesa que traballa no desenvolvemento de tecnoloxías medioambientais no Grupo de Bioenxeñaría e procesos sostibles ten asegurada a súa vinculación á Universidade os tres próximos anos como beneficiaria dun dos sete contratos formalizados o pasado ano pola institución ao abeiro do I Programa de retención de talento investigador. Esta iniciativa, única no sistema universitario galego, repite agora por segundo ano consecutivo.
Mércores, 27 de xullo do 2016

En 2015 apenas se defenderon na Universidade unha ducia de teses en galego

Doutores en galego: por coherencia, por compromiso, por convicción...

Os autores defenden que a lingua de Galicia é “tan válida como calquera outra” para a ciencia


ImageEn 2015 depositáronse na Universidade de Vigo preto de medio millar de teses de doutoramento pero apenas unha ducia o fixeron en idioma galego. A piques de rematar o curso o Duvi recolle a opinión dalgún destes investigadores e investigadoras que se decantaron por facer ciencia e facelo na súa lingua propia: o galego. Pertencen a distintos ámbitos: a filoloxía (Salvador Castro e Xurxo Martínez), a tradución (María Reimóndez), o dereito (Margarita Parajó), a economía (Damián Copena), a comunicación (Miguel Anxo Fernández)... e todos coinciden en que a razón principal para ter escollido este idioma como lingua das súas teses de doutoramento é a coherencia, o seu compromiso persoal coa lingua e a cultura de Galicia, e tamén o seu convencemento de que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica.
Venres, 17 de xuño do 2016

XXI Edición do ‘Workshop on Dynamic Macroeconomics’, dende 21 ata o 23 de xuño

Os economistas toman o castelo de Soutomaior

Expertos e expertas de todo o mundo avaliarán os traballos de novos investigadores nesta campo


ImageUn ano máis, as portas do castelo de Soutomaior abriranse para unha nova edición do Workshop on Dynamic Macroeconomics. Este congreso, organizado polo grupo de investigación Research Group of Economic Analysis (RGEA) da Universidade de Vigo, centrarase este ano na crise financeira, que afecta á situación macreoconómica global. Para tal fin, prestixiosos profesores e profesoras do ámbito internacional reuniránse neste castelo desde o día 21 ata o 23 de xuño, na que será a súa XXI edición. Ademais de para propiciar o encontro entre personalidades da área da economía de fronteira, este congreso ten como finalidade a presentación de traballos de investigación de alumnado de doutoramento.
Xoves, 09 de xuño do 2016

O Campus do Mar celebra en Moaña o Día Mundial dos Océanos

Un día de sol, praia… e ciencia

Máis de 150 escolares participaron nas actividades didácticas e de concienciación no areal da Xunqueira


ImageNo intermareal inferior hai máis biodiversidade ca na zona alta do areal; nunhas zonas da praia acumúlase máis área pola deriva litoral; a auga é máis ácida e menos salgada canto máis preto da desembocadura do río e as ondas viaxan en trens. Estes coñecementos básicos sobre oceanografía para os máis cativos pasan completamente desapercibidos mentres xogan con cubos, pas e castelos de area. Pero este xoves, e para conmemorar o Día Mundial dos Océanos, 155 escolares de Moaña puideron achegarse a estes feitos científicos e facelo a través da práctica, con experimentos e obradoiros que realizaron a pé de praia da man do Campus do Mar.
Venres, 03 de xuño do 2016

A EE de Telecomunicación e a Facultade de Historia participan con outros dez socios no proxecto europeo

CrossCult investirá máis de 3,5 millóns de euros en mellorar o coñecemento de Europa a través da conexión dos seus bens culturais

As novas tecnoloxías permitirán reutilizar recursos dixitalizados para ofertar experiencias culturais inéditas


Image Tras máis de dúas décadas investindo grandes cantidades de cartos na dixitalización de recursos culturais e educativos, hai algún uso para eses contidos máis aló de estar dispoñibles nos paneis informativos, pantallas interactivas ou sitios web dos museos e centros que os albergan? Un grupo de 11 socios de sete países europeos, no que se inclúen investigadores e investigadoras da área TIC, das ciencias sociais e as humanidades, pensan que si e por iso acordaron unir forzas para desenvolver o proxecto CrossCult. Esta iniciativa, que se aliña coa convocatoria europea Reflective-6 do programa H2020 da Unión Europea dirixida a favorecer a diseminar a cultura e a historia de cada país da UE por todos os demais, acadou unha subvención de máis de 3,5 millóns de euros.
Resultados 25 - 30 de 196

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós