DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Martes, 14 de febreiro do 2017

Os corredores sométense nestes días a unha avaliación do rendemento en CC da Educación e do Deporte

Os ciclistas do Rías Baixas poñen a proba a súa forza sobre o pedal

Coordinadas polo profesor Óscar García, estas probas permiten tamén obter datos para investigacións


ImageCoñecer a potencia máxima que son capaces de aplicar ao pedal, para a partires de aí poder definir que frecuencias e intensidades permitirán optimizar o seu proceso de adestramento. Ese é o propósito central das probas de valoración do rendemento ás que, da man do profesor Óscar García, se someten nestes días en Ciencias da Educación e do Deporte os deportistas do Club Ciclista Rías Baixas. Os corredores veñen realizando desde decembro nun programa de adestramento de forza nas instalacións do centro, ás que nestes días se lles suman unhas probas “que supoñen esforzos máximos”, como explica García.
Xoves, 09 de febreiro do 2017

Pontevedra acolle entre o 27 e o 29 de abril a décimo terceira edición dun congreso centrado nestes eidos

Un encontro internacional e multidisciplinar para estreitar lazos entre deporte e saúde

A organización agarda poder reunir a máis de 300 asistentes no evento que terá lugar no Pazo da Cultura


ImageUn enfoque multidisciplinar, no que teñan cabida as investigacións e innovacións en rendemento deportivo, educación física, nutrición ou actividade física saudable constitúen o eixo en torno ao que cada ano se articula o Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde, que entre os días 27 e 29 de abril celebrará en Pontevedra a súa décimo terceira edición. Conferencias, talleres e a presentación de investigacións combinaranse ao longo de tres xornadas nun evento organizado polo Concello, a Vicerreitoría do campus, a Universidade da Coruña e a asociación Sportis, no que a organización agarda reunir a máis de 300 expertos, profesionais e estudantes.
Luns, 30 de xaneiro do 2017

O profesor Juan Picos presenta en Eslovenia un informe ao abeiro do grupo de expertos do EIP-AGRI

Nove incentivos para acabar cos problemas de mobilización de biomasa forestal e madeira na UE

Galicia, cunha produtividade alta pero cos seus montes repartidos en pequenas propiedades, é un "caso paradigmático"


Image"É como dicir que hai moitos peces no mar: que os haxa non quere dicir que ti os pesques. Pode ser que non teñas caña, que non saibas pescar, que estean demasiado profundos e non chegues...". Así é como explica o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos o obxectivo do grupo de traballo impulsado pola Asociación Europea de Innovación e Agricultura Produtiva e Sustentable (EIP-Agri). Os 20 expertos que conforman o grupo reúnense esta semana en Eslovenia, onde Picos presentará un informe realizado polo grupo de traballo que coordina con nove incentivos forestais directos e indirectos cos que intentar fomentar o uso da biomasa e da madeira con fins enerxéticos e de innovación.
Mércores, 11 de xaneiro do 2017

Un estudo analizou 75 partidos das ligas europeas para cuantificar os efectos de competir cun xogador menos

Tras unha expulsión, o equipo con 11 futbolistas incrementa nun 14% a posesión de balón e o número de pases

O profesor de CC da Educación e do Deporte Carlos Lago é un dos autores deste traballo


ImageFronte á clásica sentencia de Helenio Herrera de que “ao fútbol xógase mellor con dez que con once”, unha expulsión ten uns claros efectos negativos para o equipo que a padece. Concretamente, ve reducido o seu dominio do balón e as súas accións ofensivas ao tempo que o seu rival incrementa nun 14% o tempo de posesión e en idéntica porcentaxe o número de pases curtos que realiza. Efectos que vén de cuantificar un grupo de investigadores, entre os que figura o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, despois de analizar 75 partidos das principais ligas europeas nos que se tivese producido unha expulsión, co propósito de poñer cifras aos efectos que ten un cartón vermello neste deporte. O traballo está recollido pola revista International Journal of Performance and Analysis in Sport, xunto co investigador da Politécnica de Madrid Miguel Gómez Rúano; Jaime Sampaio, da UTAD, e Adam Owen, do Centre for Football Research de Xenebra.
Martes, 20 de decembro do 2016

Desenvolven un programa de adestramento de forza na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

O Club Ciclista Rías Baixas comeza a rodar no campus

Este traballo permitirá aos investigadores medir os efectos deste tipo de preparación neste deporte


ImagePor terceiro ano consecutivo, os traballos de preparación para unha nova tempada deportiva achegan á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aos deportistas do Club Ciclista Rías Baixas, que baixo a supervisión do profesor Óscar García e do titulado José Abalo inician nestas semanas un programa de adestramento de forza e flexibilidade dirixido a mellorar as súas prestacións sobre a bicicleta dentro duns meses. “O ano pasado fixemos un seguimento dos ciclistas ao longo da tempada e comprobamos que o adestramento de forza é un estímulo moi útil para o ciclista, moito máis mesmo do que pensabamos”, salienta García.
Venres, 16 de decembro do 2016

A Deputación recoñeceu os traballos de fin de grao e máster de seis egresadas cos Premios Sofía Novoa

Seis exemplos de como a perspectiva de xénero aflora nas aulas

O xurado nomeou gañadores os proxectos de Laura Serén, Cristina Gandón, Lucía Pereyra e Isabela Andrés


ImageAs mensaxes que trasladan os libros de texto, o uso de asembleas como recurso educativo para fomentar a igualdade ou o impacto psicosocial na muller mastectomizada son algúns dos ámbitos nos que se centran os traballos de fin de grao e máster defendidos na Universidade de Vigo que a Deputación de Pontevedra vén de recoñecer cos Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nestes traballos académicos. Laura Serén e Cristina Gandón, na categoría de grao, e Lucía Pereyra e Isabela Andrés, na de máster, foron as catro gañadoras da primeira edición deste certame, no que se outorgaron accésits a Carla Novo e Andrea Álvarez.
Resultados 19 - 24 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós