DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Alumnado arrow Campus Ourense

Campus Ourense

Martes, 21 de xuño do 2016

O campus de Ourense acolleu unha xornada aberta na que se informou sobre o novo grao

Para os que soñan con ser enxeñeiros ou enxeñeiras aeroespaciais...

50 estudantes comezarán en setembro esta titulación pioneira no sistema universitario galego


ImageCoas notas de selectividade xa publicadas, é tempo para o alumnado preuniversitario de decidir que estudar exactamente e onde facelo. Para aqueles cuxo soño está no espazo, a Universidade de Vigo comezará a impartir o vindeiro curso académico 2016/2017 o Grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense. Dado que é unha titulación nova no sistema universitario galego, este martes celebrouse unha xornada aberta de presentación na que as persoas interesadas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as características destes estudos e as súas saídas profesionais. A todos eles e elas, os responsables da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que acolle esta titulación salientaron que os novos estudos nacen “con todas as garantías” tanto en recursos humanos coma materiais. Con toda a planificación realizada, recalcaron, só falta coñecer os nomes das 50 persoas que en setembro iniciarán esta titulación.
Venres, 17 de xuño do 2016

O alumnado da Facultade de Ciencias celebrou este venres o seu acto de graduación

Catro novas promocións para dar alento á ciencia galega

Trátase de 59 titulados de grao e 12 de mestrado


ImageEste venres celebrou o remate dos seus estudos alumnado de último curso de grao e de mestrado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Rodeados de membros da comunidade universitaria, familiares e amigos recolleron os froitos do seu esforzo 33 estudantes da terceira promoción do Grao en Ciencias Ambientais; 17 da terceira promoción do Grao en Enxeñaría Agraria; 9 da cuarta promoción do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e 12 da terceira promoción do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental.
Martes, 14 de xuño do 2016

Así llo trasladaron a varios grupos parlamentarios cos que mantiveron reunións

Representantes de estudantes reclaman a entrada deste colectivo no Consello Galego de Universidades

Tamén demandan a aplicación dun prezo reducido de 20 euros ás materias de grao e mestrado con só dereito a exame


ImageIncluír representación estudantil no Consello Galego de Universidades; a posibilidade de designación directa do presidente do Consello de Estudantes como representante no Consello Social e a aplicación do prezo reducido de 20 euros ás materias onde só exista dereito a exame tamén para as titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior. Estas son as tres reclamacións principais que os representantes de estudantes da Universidade de Vigo están a trasladar a diferentes axentes cos que se veñen reunindo nas últimas semanas co obxectivo de mellorar a situación do colectivo que representan.
Luns, 13 de xuño do 2016

A cuarta promoción do grao celebrou este venres o remate dos seus estudos

54 novos egresados e un novo decano honorífico para Dereito

O catedrático Luis Rodríguez Ennes foi distinguido pola súa dilatada traxectoria e o seu compromiso coa facultade


ImageA Facultade de Dereito do campus de Ourense conta desde este venres, 10 de xuño, con 54 novos egresados e egresadas e cun novo e primeiro decano honorífico. A celebración do acto de graduación da cuarta promoción do grao de Dereito foi aproveitada para facer un recoñecemento público á traxectoria do catedrático de Dereito romano e pai fundador do centro Luis Rodríguez Ennes, que recibiu con emoción o seu nomeamento como decano honorífico da Facultade de Dereito da que foi primeiro decano. O acto tivo lugar no salón Marie Curie do Edificio Politécnico, que se encheu de membros da comunidade universitaria, familiares e amigos dos homenaxeados.
Martes, 07 de xuño do 2016

O alumnado do Programa Universitario de Maiores celebrou este luns o seu acto de graduación

Remata un ciclo, continúan as ganas de seguir aprendendo

Remataron os seus estudos 52 persoas


ImageEntre o alumnado que estas semanas celebra os seus actos de graduación e de fin de estudos está un grupo que se diferenza especialmente dos demais. Son os estudantes do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo. Eles e elas decidiron estudar xa con máis de 55 anos non para enfocar a súa vida profesional senón pola ansia de seguir aprendendo. Este luns, 52 destes alumnos e alumnas celebraron o seu acto de graduación coa ilusión de acadar unha meta pero coa convicción de continuar aprendendo nas aulas universitarias.
Resultados 73 - 81 de 389

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós