DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 21 de maio do 2008

Organizado pola Universidade de Santiago de Compostela

Catro spin-offs da Universidade de Vigo galardoadas no VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores

Bit Oceans, centrada na seguridade documental, obtén o premio ao mellor proxecto de base tecnolóxica


ImageCatro empresas xurdidas ao abeiro da Universidade de Vigo resultaron galardoadas na oitava edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela. Bit Oceans, centrada no ámbito da seguridade documental foi galardoada co primeiro premio, dotado de 9000 euros, mentres que Inbiogal, xurdida do grupo de Biomarcadores Moleculares, foi elixida na categoría Muller Emprendedora. Unha terceira iniciativa emprendedora, Sonen, posta en marcha por titulados en Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, recibiu o galardón como mellor proxecto medioambiental, mentres que IDM Maquinaria Automatizada foi recoñecida na modalidade de Empresa Xove.

Image
Acto de entrega dos premios
Duvi | Vigo
Catro empresas xurdidas ao abeiro da Universidade de Vigo resultaron galardoadas na oitava edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela. Bit Oceans, centrada no ámbito da seguridade documental foi galardoada co primeiro premio como mellor empresa de base tecnolóxica, dotado de 9000 euros, mentres que Inbiogal, xurdida do grupo de Biomarcadores Moleculares, foi elixida na categoría Muller Emprendedora. Unha terceira iniciativa emprendedora, Sonen, posta en marcha por titulados en Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, recibiu o galardón como mellor proxecto medioambiental, mentres que IDM Maquinaria Automatizada foi recoñecida na modalidade de empresa xove.
Impulsada polo catedrático Fernando Pérez e o profesor Óscar W. Márquez, ambos membros do grupo de Procesado da Sinal e Comunicacións, xunto co investigador Alberto Malvido, Bit Oceans traballa na área de seguridade documental e na seguridade dixital asociada á firma dixital. Segundo subliñan os seus promotores, a tecnoloxía que comercializan “será a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos falsos como a alteración do seu contido mediante técnicas manuais e informatizadas”. Estes produtos e servizos que comercializa Bit Oceans están baseados na tecnoloxía Fividoc, que se atopa en proceso de solicitude de patente, e que emprega unicamente impresoras e escaners convencionais.
Segundo explica Fernando Pérez, “este premio para nós é moi importante, non tanto pola aportación económica, senón polo recoñecemento ao traballo que hai detrás de Bit Oceans, que é moito”. A empresa, que se constituíu como tal no mes de xaneiro, ten tras de si anos de investigación e de proxectos ata poder formalizar a iniciativa, “a través do programa Empresa-Concepto, que foi o que nos permitiu poñer en marcha a spin-off”, destaca Pérez. Director tamén do Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia, Gradiant, Fernando Pérez destacou tamén que importancia deste galardón para unha empresa que acaba de nacer, porque “os principios sempre son duros e hai que gañarse a confianza dos clientes e isto axuda a que xente crea en ti”.
No que se refire á tecnoloxía de autentificación de documentos que ofrece Bit Ocean, os seus promotores salientan que permite trasladar ao papel a seguridade que ofrece a firma electrónica, algo que ata o de agora se perdía no momento de imprimir o documento. Segundo Pérez, “permite saltarse trámites como ter que compulsar documentos para validalos” e explica que, con súa tecnoloxía, cando se imprimen os documentos, estes teñen un código de barras con información sobre a validez do documento. “Cando este papel é pasado polo escáner, este código dinos se o documento foi modificado dende a súa impresión, pero tamén pode sinalar que parte do mesmo foi a manipulada”, explica, “e ningún sistema que existe actualmente permite esta aplicación”.
Outra das vantaxes do sistema é que permite a protección global do contido, indistintamente da tipoloxía do mesmo, detectando alteracións de texto, imaxes e táboas, o que permite solucionar a problemática do fraude, obter telematicamente documentación oficial ou vinculante, verificar automaticamente a documentación ou a xestión interna da mesma.
Unha segunda área de negocio de Bit Oceans é a seguridade dixital a medida, o que inclúe firmado dixital, privacidade tanto de datos como de comunicacións facendo uso dos protocolos criptográficos máis seguros, plataformas web de prestacións de servizos seguros, e plataformas de voto electrónico.

Inbiogal, premio Muller Emprendedora

Apenas uns meses despois de constituírse, Inbiogal, a empresa xurdida do grupo de investigación de Biomarcadores Moleculares, recibiu xa o seu primeiro premio. Cun 70% do seu capital social en mans de mulleres, a súa administradora, Yohanna Lemos, recolleu o galardón de Muller-Emprendedora.
Dotado con 2000 euros, Lemos destaca que se trata sobre todo“dunha primeira recompensa a toda a inversión que levamos realizado en tempo, cartos e esforzo. Ademais, é nesta primeira etapa cando máis precisamos estas axudas”.
Constituída por 14 membros do grupo de investigación Biomarcadores Moleculares e por un membro do Departamento de Bioquímica da USC, un dos principais obxectivos da empresa é dotar á sociedade dun centro no que de xeito rutineiro e fiable se leven a cabo análises xenéticos e bioquímicos que axuden ao diagnóstico e tratamento de diversos tipos de patoloxías, sobre todo cancros. “Acabamos de empezar pero as expectativas son moi positivas. De momento todo depende do esforzo dos socios pero, cando comece a haber unha maior facturación, todo será máis doado”, subliña Lemos.
Levan dez anos investigando neste campo e, froito deste traballo, obtiveron xa seis patentes de innovación susceptibles de ser explotadas e cun elevado potencial de aplicarse no ámbito sanitario.

Sonen, centro de acústica e servizos de telecomunicación

Empresa constituída en outubro de 2007 por tres enxeñeiros técnicos en Telecomunicación recén titulados pola Universidade de Vigo, Sonen recibiu o premio ao mellor proxecto Medio Ambiental.
A actividade principal da empresa é o asesoramento e consultaría no campo das telecomunicacións e da acústica aplicada, enfocado tanto a empresas privadas como a administracións ou particulares.

IDM Maquinaria Automatizada

A empresa IDM Maquinaria Automatizada foi recoñecida como mellor Empresa Xove polo seu traballo na investigación, deseño industrial e desenvolvemento de novas máquinas e metodoloxías de produción que permiten automatizar tarefas no sector do mármore, granito, pedra e novos materiais como o silestone.
Posta en marcha polo enxeñeiro técnico industrial da Universidade de Vigo Pablo Iglesias Noya e o delineante e técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos Agustin García, as aplicación que ofrece permiten aos profesionais mellorar a produtividade e competitividade e obter un produto final de maior calidade e idéntico en todas as pezas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós