DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de maio do 2008

As mobilizacións continuarán a vindeira semana

O equipo directivo de Empresariais defende a viabilidade do grao en Comercio


Image“O grao en Comercio non sería un título novo, senón unha transformación do existente na actualidade, unha evolución dos planos de estudo, como se pode observar noutras universidades españolas nas que se está realizando a mesma conversión”. Esta é a postura que defende a dirección da E.U. de Estudos Empresariais ante a decisión do Equipo de Goberno de adiar o debate sobre a implantación deste grao ata 2010, data sinalada polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Image
Equipo directivo e representante dos alumnos
D. Besadío | Vigo
“O grao en Comercio non sería un título novo, senón unha transformación do existente na actualidade, unha evolución dos planos de estudo, como se pode observar noutras universidades españolas nas que se está realizando a mesma conversión”. Esta é a postura que defende a dirección da E.U. de Estudos Empresariais ante a decisión do Equipo de Goberno da Universidade de Vigo de adiar o debate sobre a implantación deste grao ata 2010, data sinalada polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Segundo o equipo directivo da escola, encabezado polo profesor Patricio Sánchez, a actual diplomatura conta con todos os requisitos precisos para facilitar en gran medida a transformación a Europa. Entre eles, fixeron fincapé na ampla experiencia da escola na xestión de prácticas e na sólida rede de contactos con empresas. “Un bo exemplo é a posta en marcha no vindeiro mes de outubro do Máster en Comercio Internacional, que conta co apoio explícito e entusiasta de múltiples empresas e organismos”, salientaba Pilar López, profesora e exdirectora da escola.
A vocación internacional da escola é outro dos argumentos nos que centran a súa demanda. “Fomos pioneiros na oferta de linguas estranxeiras e o noso actual plan de estudos inclúe a docencia de inglés, francés e alemán adaptados ao sector comercial”, sinalou López. “Ademais, fomos pioneiros no intercambio de alumnos con outros países”, subliñou.
Pola súa banda, o director da escola, Patricio Sánchez, destacou que, "tanto a diplomatura en Ciencias Empresariais como a licenciatura en Administración e Dirección de Empresas son titulacións que están funcionando moi ben e teñen unha saída de inserción laboral perfectamente adecuada ao mercado, ademais, en ambas titulacións, cada curso superamos as cifras de 200 novos alumnos”.
As diferenzas nos plans de estudo e a diltada tradición do centro, que foi Escola de Comercio durante parte da súa historia, foron outros argumentos esgrimidos pola dirección para defender a súa petición.

Máis mobilizacións

As mobilizacións dos alumnos para reclamar o novo grao continuarán a vindeira semana. “Estamos ante unha carreira de fondo. Non imos a parar ata lograr o noso obxectivo”, indicaba Natalia Fernández, representante dos alumnos.
De cara a vindeira semana as previsión dos alumnos son realizar unha manifestación dende a avenida de Beiramar ata o edificio da Xunta de Galicia, o mércores ás 12.30 horas. Ademais, acudirán o vindeiro lunes ao pleno que se celebrará no Concello de Vigo e no que no apartado de mocións abordarase unha referida ao futuro da escola.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós