DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 13 de decembro do 2016

O estudo está dirixido polo Grupo EPhysLab do campus de Ourense

Un proxecto estatal analiza en que medida o transporte de humidade atmosférica é responsable do desxeo ártico

Conta coa participación de expertos da Universidade de Gante e da Woods Hole Oceanographic Institution de USA


ImageA preocupación polo avance do cambio climático e do seu impacto no planeta é unha das grandes cuestións que atrae a atención da comunidade científica internacional. Neste marco, un dos seus focos prioritarios de atención é a situación do Ártico e do desxeo que está a padecer nas últimas décadas. O interese neste enclave débese ao feito de que a zona ártica é a primeira na que se manifesta o impacto do cambio climático e porque modificacións nela teñen consecuencias para o resto de planeta. O Environmental Physics Laboratory, o Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo, iniciou este ano un proxecto con financiamento estatal e participación internacional no que está a analizar en que medida o transporte de humidade atmosférica é responsable deste desxeo ártico. O seu obxectivo é ofrecer unha interpretación física ao que está a ocorrer, non só unha descrición cuantitativa.

Rosa Tedín | Ourense
A preocupación polo avance do cambio climático e do seu impacto no planeta é unha das grandes cuestións que atrae a atención da comunidade científica internacional. Neste marco, un dos seus focos prioritarios de atención é a situación do Ártico e do desxeo que está a padecer nas últimas décadas. O interese neste enclave débese ao feito de que a zona ártica é a primeira na que se manifesta o impacto do cambio climático e porque modificacións nela teñen consecuencias para o resto de planeta. O Environmental Physics Laboratory, o Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo, iniciou este ano un proxecto con financiamento estatal e participación internacional no que está a analizar en que medida o transporte de humidade atmosférica é responsable deste desxeo ártico.

O proxecto, titulado O transporte de humidade atmosférica, a ponte entre a evaporación oceánica e o desxeo no Ártico, está financiado con 146.410 euros pola convocatoria do Ministerio de Economía e Competitividade para proxectos de investigación I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do ano 2015. Os investigadores principais do estudo, que se desenvolverá durante tres anos, son Luis Gimeno e Raquel Nieto, do Grupo EPhysLab. Tamén participan Lisan Yu, oceanógrafa do Woods Hole Oceanographic Institution de Estados Unidos, e Diego Miralles, docente na Universidade de Gante e investigador na de Amsterdam, recentemente galardoado cunha ERC Starting Grant e recoñecido experto internacional en temas de evaporación terrestre. “É un proxecto multidisciplinar que reúne a centros de referencia en cada unha das súa áreas de coñecemento", sinala Luis Gimeno.

Incremento do transporte de humidade desde rexións extratropicais ao Ártico

“O Ártico é a rexión do planeta que antes se quenta, que antes padece os efectos do quecemento global, e os efectos dese quecemento non só afectan a esta zona senón que inflúen en todo o planeta”, explica Luis Gimeno. “Se tivésemos que elixir unha rexión onde os efectos do quentamento global serán máis pronunciados e ao mesmo tempo onde eses cambios poderán afectar ao clima global, esa rexión sería sen dúbida o Ártico”, engade Raquel Nieto. Estes cambios, indican os investigadores, traen consigo “enormes repercusións socioeconómicas, ambientais e científicas” e “unha enormemente preocupación por saber como e en que medida este quecemento vai afectar ao resto de rexións”.

Detrás deste vínculo entre o clima global e o sistema ártico está, sinalan os líderes do proxecto, a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico. “Cambios no transporte de humidade atmosférica téñense proposto como vehículo para interpretar os cambios máis significativos na rexión ártica. Isto é así porque o transporte de humidade desde rexións extratropicais ao Ártico incrementouse nas últimas décadas e se agarda que se incremente aínda máis co quecemento global”, subliña Raquel Nieto. Este incremento, engade, “pode ser debido a cambios na circulación atmosférica que alteren as fontes de humidade ou cambios na intensidade das fontes ao incrementarse a evaporación, ou a unha combinación de ambos mecanismos”.

Revisión de todos os mecanismos hidrolóxicos e atmosféricos

Tendo en conta este marco de traballo, o obxectivo do proxecto, explican os seus responsables, é “indagar en todos os mecanismos hidrolóxicos e atmosféricos que inflúen no desxeo ártico, facendo unha relación destes mecanismos e estudando cada un deles” coa finalidade última de “ofrecer unha interpretación física ao que está a ocorrer no Ártico, non só unha descrición cuantitativa”. Durante o desenvolvemento do estudo, indican, “analizaremos de maneira crítica resultados anteriores que suxiren un vínculo entre transporte de humidade atmosférica e a extensión do xeo mariño no Ártico”. Os investigadores usarán “un sofisticado método lagranxiano" e contrastarán os resultados así obtidos cos xa existentes, "achegando nova información e perspectivas futuras”. Para o estudo do transporte de humidade o equipo empregará o modelo físico de dispersión de partículas 3D instalado en EPhysLab, que emprega as traxectorias de máis de dous millóns de partículas na atmosfera para cuantificar os cambios de humidade que se producen ao largo do camiño que as leva desde as rexións fonte nos océanos ata os seus sumidoiros.

Os mecanismos a analizar durante o proxecto, sinalan os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, son moi variados, podendo ser de carácter hidrolóxico (incrementos en descarga de ríos árticos), radiactivos (incrementos en cuberta nubosa de vapor de auga) e meteorolóxicos (incrementos en ciclóns de verán cruzando o Ártico ou en precipitación). Finalmente, no estudo analizaranse os cambios nas anomalías de transporte de humidade e os precursores de desxeo Ártico para o século XXI, tendo en conta os cambios no clima que son atribuídos ao ser humano, e compararanse co clima presente.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós