DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de xaneiro do 2017

A presentación de traballos das e dos poñentes realizarase en inglés e publicaranse na web

O ciclo 'Café con sal' da Ecimat aposta pola internacionalización na súa sétima edición

As sesións comezan o día 19 de xaneiro a coa proxección do documental ‘Mareas rojas’


Image Os valores de turbidez no río Ulla; a intoxicación por cigüatera; a adaptación ao cambio climático; o uso enerxético das algas… Estes son os temas sobre os que tratan algúns dos traballos de investigación que se presentarán na sétima edición do ciclo Café con sal, que organiza a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, e que arrancará o vindeiro xoves día 19 de xaneiro coa proxección do documental Mareas rojas de Manuel E. García Blanco (IIM-CSIC) e Jorge Hernández Urcera (IEO). Café con sal comezou no ano 2011 co obxectivo de ofrecer un punto de encontro e debate entre persoal investigador, alumando e profesionais do sector do mar na cidade de Vigo.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Os valores de turbidez no río Ulla; a intoxicación por cigüatera; a adaptación ao cambio climático; o uso enerxético das algas… Estes son os temas sobre os que tratan algúns dos traballos de investigación que se presentarán na sétima edición do ciclo Café con sal da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, que arranca o vindeiro xoves día 19 de xaneiro coa proxección do documental Mareas rojas de Manuel E. García Blanco (IIM-CSIC) e Jorge Hernández Urcera (IEO). “Co obxectivo de que as e os participantes, especialmente aqueles que se atopen na súa etapa formativa, dispoñan de foros onde pór en práctica as súas habilidades na lingua na que se fai a comunicación científica e tamén de chegar ao maior número de persoas, as conferencias serán en inglés”, confirma a bióloga e técnica da Ecimat Alba Hernández, en relación coa principal novidade do ciclo, que, tamén por primeira vez, será gravado en vídeo, publicándose as conferencias e as presentacións nas webs da estación.

A andaina de Café con sal comezou no ano 2011 co obxectivo de ofrecer un punto de encontro e debate entre persoal investigador, alumando e profesionais do sector do mar nunha cidade coma Vigo, na que conflúen varias entidades dedicadas á investigación mariña. Transcorridos sete anos desde aquel 2011, o ciclo organizado pola Ecimat enfronta esta nova edición con obxectivos renovados que pasan por dar ás investigadoras e investigadores en formación a oportunidade de dispor dun lugar “onde poder practicar a arte de presentar traballos en foros e reunións científicas; fomentar a difusión da investigación mariña da Universidade e dar a coñecer os proxectos do persoal investigador que realiza parte do seu traballo na Ecimat”, explica Alba Hernández.

Variedade de temáticas ao longo de todo o ano

Unha proxección e trece conferencias integran o programa da edición deste ano de Café con sal, na que para elixir ás e aos poñentes tívose en conta o interese da temática do seu traballo de investigación, así como a súa participación nas actividades de divulgación da Ecimat, a súa presenza na Estación e a súa predisposición e ánimo de colaborar na difusión da investigación mariña que se fai en Vigo.Trala proxección do documental co que se abrirá o ciclo o vindeiro xoves, sucederanse as conferencias cunha periodicidade de dúas ou unha por mes, ata chegar a decembro. Fulvio Marucci da Stazione Zoologica Anton Dohrn de Nápoles e Montserrat López do Instituto de Investigación y Formación Agraria y Pesquera, Centro Agua del Pino, son dous dos investigadores de fóra da Universidade e de centros da contorna de Vigo que participarán nesta edición do ciclo, que contará coas intervencións de persoal “da casa” como Jose González, Óscar Álvarez, Ana García, Anxo Sánchez, Tania Ballesteros, Elena Ojea, Francisco José Santos, Elsa Vázquez, Marina Gómez e Marta Román.

As actividades terán lugar no salón de actos da Ecimat o primeiro e terceiro xoves de cada mes, salvo excepcións, entre as 11.00 e as 11.30 horas, con 15 a 20 minutos de exposición das e dos poñentes e 5 a 10 minutos de debate.

Para comezar: unha aposta polas producións audiovisuais locais

Os científicos do IIM-CSIC e IEO, respectivamente, Manuel E. García Blanco e Jorge Hernández Urcera son os directores de Mareas rojas, o documental co que o vindeiro xoves arranca o ciclo. “Esta produción amosa a relación existente entre as condicións oceanográficas e a dinámica fitoplanctónica responsable da presenza de biotoxinas nas rías, así como o papel da comunidade científica na investigación de sistemas fiables de detección e de métodos de análises exhaustivas que consigan a prevención ou detección temperá destes episodios tóxicos”, detalla Alba Hernández, que tamén destaca a vontade da organización do ciclo de apoiar e dar visibilidade a este tipo de producións locais.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós