DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 25 de xaneiro do 2017

Polo seu labor como fundadora de Nanoimmunotech, spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza

A catedrática África González, finalista dos premios da Comisión Europea Women Innovators 2017

As catro premiadas, elixidas de entre 12 finalistas, coñeceranse o vindeiro 8 de marzo


Image “Gústanme os retos e non teño medo, por iso tamén no seu día me metín no tema da empresa”. Así explica desde Bruxelas a catedrática da Universidade de Vigo África González a súa decisión o pasado mes de novembro de presentar a súa candidatura como fundadora da spin-off Nanoimmunotech aos premios Women Innovators 2017 da Comisión Europea. A tamén directora do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, vén de ser seleccionada xunto a outras 11 mulleres como finalista dos galardóns europeos que o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, premiarán a catro mulleres, unha delas nunha nova categoría dedicada ás mozas innovadoras de menos de 30 anos e que percibirá 20.000 euros, mentres que as outras tres galardoadas recibirán 100.000, 50.000 e 30.000 euros, respectivamente.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
“Gústanme os retos e non teño medo, por iso tamén no seu día me metín no tema da empresa”. Así explica desde Bruxelas a catedrática da Universidade de Vigo África González a súa decisión o pasado mes de novembro de presentar a súa candidatura como fundadora da spin-off Nanoimmunotech aos premios Women Innovators 2017 da Comisión Europea. A tamén directora do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, vén de ser seleccionada xunto a outras 11 mulleres como finalista dos galardóns europeos que o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, premiarán a catro mulleres, unha delas nunha nova categoría dedicada ás mozas innovadoras de menos de 30 anos e que percibirá 20.000 euros, mentres que as outras tres galardoadas recibirán 100.000, 50.000 e 30.000 euros, respectivamente.

Para África González, á quen Comisión Europea recoñece o seu labor como co-fundadora dunha empresa de éxito baseada nunha idea innovadora, figurar entre as finalistas ao galardón “é un orgullo e unha gran satisfacción e ademais somos catro finalistas españolas co cal a alegría é maior porque as posibilidades de que llo dean a unha española son altas”, asegura, ao tempo que recoñece o elevado nivel das outras 11 candidaturas finalistas do total de 47 que se presentaron a esta edición dos premios.

“A doce finalistas son innovadoras con talento, con interesantes historias que contar sobre como rachar barreiras e tomar riscos. As súas historias poden inspirar a outras mulleres e homes para converterse en innovadores”, asegurou o comisionado para Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, no acto celebrado nas últimas horas en Bruxelas, no que se deron a coñecer as finalistas dos premios deste ano 2017. Xunto ás catro españolas, unha delas na categoría de mozas innovadoras, as restantes candidatas aos premios proceden de Francia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Italia e Bulgaria. O obxectivo destes galardóns é sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da innovación e de mulleres empresarias e recoñecer os éxitos femininos na innovación.

Candidaturas avaliadas por un xurado de expertos independentes

Vendas de máis de 100.000 euros nos últimos anos; ter recibido axudas europeas e sobre todo o carácter innovador, son os principais requisitos que deben cumprir as empresas impulsadas polas promotoras das iniciativas que concorren ao premio. As propostas foron avaliadas por un xurado formado por expertas e expertos independentes dos ámbitos empresarial, de capital risco, do emprendemento e o académico, ante o que África González e as outras 11 finalistas realizaron unha exposición de 15 minutos para a continuación someterse a unha quenda de preguntas de media hora. No caso da catedrática da Universidade de Vigo, centrou a súa exposición sobre Nanoimmunotech na importancia da multidisciplinariedade no ámbito da nanotecnoloxía, así como na necesidade de prover ao mercado de produtos nanotecnolóxicos ben deseñados e sobre todo o carácter innovador da empresa e o seu impacto social.

“A selección cobre empresas de ámbitos moi diversos: social, educativo, medioambiental, neurocientífico, tecnolóxico… “, explica África González, que destaca o elevado nivel das outras candidatas coas que compartiu cea onte no Parlamento Europeo e que confirman que “en Europa hai mulleres emprendedoras que teñen moito éxito e queremos que a UE nos faga visibles para que a sociedade saiba que existimos”.

Sete anos de traxectoria e presenza en 45 países

Hai sete anos, por iniciativa de cinco cofundadores e inversores, nacía Nanoimmunotech, unha empresa spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza, centrada no ámbito da nanotecnoloxía. A empresa, que a día de hoxe integran preto de 30 persoas, localizadas en Vigo, Zaragoza e Madrid e que acadou en 2016 uns ingresos de 0,6 millóns de euros, desenvolve e comercializa produtos e tamén ofrece servizos á carta, con distribuidores e clientes en máis de 45 países, centrándose na actualidade en catro áreas principais: Heatsens, un biosensor moi específico para a detección rápida de diversos analitos nos ámbitos clínico e agro-alimentario; a medicina rexenerativa; os estudos de biocompatibilidade de nanomateriais e a oferta de servizos para unir a nanomateriais elementos como anticorpos, enzimas, elementos fluorescentes e o deseño de nanoestruturas como nanopartículas magnéticas recubertas de ouro, únicas no mercado.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós