DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 25 de xaneiro do 2017

Representantes de Universidade, Concello e Deputación asistiron á posta en marcha do composteiro

O campus comeza o seu camiño cara os residuos cero

Con 10 módulos, acollerá os restos dos preto de 250 servizos diarios dos dous comedores universitarios


ImageRestos de entre 200 e 250 comidas diarias dos comedores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría Forestal que servirán para abonar os xardíns universitarios. O campus de Pontevedra puxo en marcha este mércores o seu propio composteiro, instalado coa colaboración do Concello e da Deputación e co que a comunidade universitaria se suma ao Plan Revitaliza da institución provincial. Este plan de compostaxe intégrase de xeito harmonioso tanto no proxecto Green campus como no de especialización CREA S2i, que ten a innovación sustentable como un dos seus eixos principais.

Noemí Rey | Pontevedra
Restos de entre 200 e 250 comidas diarias dos comedores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría Forestal que servirán para abonar os xardíns universitarios. O campus de Pontevedra puxo en marcha este mércores o seu propio composteiro, instalado coa colaboración do Concello e da Deputación e co que a comunidade universitaria se suma ao Plan Revitaliza da institución provincial. Este plan de compostaxe intégrase de xeito harmonioso tanto no proxecto Green campus como no de especialización CREA S2i, que ten a innovación sustentable como un dos seus eixos principais.

Situado nunha zona verde diante da EE Forestal, á posta en funcionamento deste composteiro de 10 módulos asistiron ademais do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e do director da Área de Planificación, Celso Cancela, a concelleira de Medio Ambiente, Carmen da Silva, e o concelleiro e vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

Futura horta ecolóxica

Para o vicerreitor, "con este composteiro xeramos un sistema circular, xa que recolle todos os residuos orgánicos dos dous cáterings do campus para logo revertelos nos nosos xardíns". Trátase dunha iniciativa que continuará a crecer, xa que dende a Vicerreitoría están a traballar para crear unha bolsa dentro do proxecto Green Campus, dirixida especialmente ao alumnado de Enxeñaría Forestal, que contemple a creación e coidado dunha futura horta ecolóxica no campus pontevedrés.

Neste mesmo sentido afondou a concelleira Carmen da Silva, quen asegurou que coa posta en marcha do composteiro do campus conséguese un dobre obxectivo, "estender a máis zonas da cidade a compostaxe comunitaria, que xa está a funcionar en Monteporreiro e que se vai estender a outros barrios ata cubrir toda a cidade" previsiblemente en 2018 e que o campus "peche o ciclo dos biorresiduos con cafeterías con residuos cero, xa que todos os restos virán parar para compost que rematará nas zonas verdes universitarias".

Todo tipo de residuos orgánicos

Durante a posta en marcha, o mestre composteiro, Enrique Pintos, explicou ás responsables dos dous comedores do campus como empregar este sistema e que tipo de restos reciclar nel. “Existe sempre a dúbida de se se poden botar restos de ósos, carne ou peixe ou se só poden ser restos limpos de froitas e verduras. A verdade é recomendable que entren todos estes tipos de residuos orgánicos para que os restos acaden unha temperatura maior aos 60 graos e se leve adiante o proceso”, explicou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós