DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de febreiro do 2017

Representantes das dúas entidades asinaron este martes un convenio marco de colaboración

A Universidade alíase coa Fundación Dorzán para fomentar a investigación en beneficio das persoas maiores

A primeira iniciativa posta en marcha ao seu abeiro é o financiamento dun proxecto


ImageEste martes o campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade. A iniciativa, explicou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, permitirá “dedicar talento universitario a mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”. Como primeiro froito deste acordo presentáronse as Bolsas Fundación Dorzán destinadas a financiar un proxecto de investigación centrado no eido da xeriatría ou xerontoloxía.

Rosa Tedín | Ourense
Este martes o campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade. A iniciativa, explicou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, permitirá “dedicar talento universitario a mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”. Como primeiro froito deste acordo presentáronse as Bolsas Fundación Dorzán destinadas a financiar un proxecto de investigación centrado no eido da xeriatría ou xerontoloxía.

Segundo subliñou Salustiano Mato, a “alianza estratéxica” asinada este martes entronca co proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga no que se refire á súa liña estratéxica de innovación social. O reitor apuntou como un dos piares desta innovación social é precisamente a atención ás persoas maiores, eixo de traballo da Fundación Dorzán. A sinatura deste convenio, afirmou, “achéganos á sociedade” pois “axudaranos a transferir o coñecemento que se xera na universidade para solucionar problemas sociais”. Durante a súa intervención, Mato recalcou a importancia de que o envellecemento se aborde en positivo. “Os maiores non son un problema, son unha oportunidade”, afirmou.

Pola súa banda, Secundino Vidal, vicepresidente da Fundación Dorzán, lembrou como a entidade que representa financia desde hai cinco anos a celebración na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense do curso Intervención socioeducativa con persoas afectadas de alzhéimer. “O respaldo da Universidade ten sido determinante para fomentar a formación sobre a atención especializada a persoas maiores dependentes, o que nos estimula a seguir promovendo este tipo de iniciativas e dar un paso máis noutro campo, a investigación no ámbito universitario", dixo Vidal.

Convenio marco

O propósito do convenio marco é realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións implicadas. Entre elas, o texto do acordo contempla o desenvolvemento de proxectos de investigación e apoio a investigadores e estudantes; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos e o intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos culturais de interese común. Constituirase unha comisión mixta, con representantes designados por ambas partes, que será o órgano encargado da planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas do convenio.

Primeira Bolsa Fundación Dorzán de investigación

A Bolsa Fundación Dorzán de investigación presentada este martes como primeiro froito deste acordo ten como obxectivo facilitar apoio económico para a realización de traballos científicos na área de atención ás persoas maiores, financiando con 1500 euros un proxecto de investigación. Pode presentarse a esta convocatoria o alumnado matriculado durante o curso 2016/2017 na Universidade de Vigo no campus de Ourense e o persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. A axuda está dirixida tanto a persoas físicas como a grupos de investigación.

Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense. O prazo de solicitude está aberto ata o 17 de abril de 2017.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós