DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 21 de febreiro do 2017

A entidade, xestionada polo Grupo Gen, v閚 de presentar un informe sobre este tema

A rede de expertos en financiamento auton髆ico Rifde aposta por unha nivelaci髇 entre autonom韆s m醝s transparente

No documento rec髄lese a visi髇 dun centenar de expertos


ImageA Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (Rifde), xestionada polo Grupo de Investigación Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, acaba de facer público o informe A nivelación interterritorial e a estimación das necesidades de gasto. Nel aposta por una nivelación máis transparente entre comunidades autónomas, destacando como “debería estar baseada nun criterio claro e obxectivo, comprometéndose as partes a non aplicar fondos específicos que adulteran os resultados e complican a comprensión e o funcionamento deste mecanismo”.

Duvi | Ourense
A Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (Rifde), xestionada polo Grupo de Investigación Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, acaba de facer público o informe A nivelación interterritorial e a estimación das necesidades de gasto. Nel aposta por una nivelación máis transparente entre comunidades autónomas, destacando como “debería estar baseada nun criterio claro e obxectivo, comprometéndose as partes a non aplicar fondos específicos que adulteran os resultados e complican a comprensión e o funcionamento deste mecanismo”.

Asinado por un grupo de expertos encabezados por Roberto Fernández e Santiago Lago, representante este último de Galicia na comisión de especialistas que traballará no deseño do novo sistema de financiamento autonómico estatal, o documento pretende ser segundo os seus responsables “o primeiro dunha serie de traballos que deberán servir como elementos rigorosos de reflexión ante a reforma do financiamento autonómico”. O informe, sinalan, está enriquecido polas suxestións realizadas polos expertos que se deron cita nunha xornada organizada por esta rede a finais de 2016 en Santiago de Compostela e por unha enquisa sobre os aspectos clave da nivelación realizada a un centenar de expertos da maioría de comunidades autónomas, incluíndo membros de Rifde e responsables de direccións xerais.

Buscando unha “solución razoable e transparente”

Segundo explica Rifde en nota de prensa, “o mecanismo de nivelación é un dos alicerces do sistema de financiamento autonómico, xa que afunde os seus fundamentos no principio constitucional de solidariedade e na equidade para o acceso aos servizos públicos fundamentais”. Por iso, recalcan, “a próxima revisión do sistema de financiamento autonómico debería dar unha solución razoable e transparente ao complexo panorama actual da nivelación”. No modelo aínda vixente, indican desde a rede, “entrecrúzanse diversos fondos e instrumentos que desdebuxan os resultados finais, producindo agravios comparativos e impulsando a percepción fundada de certa arbitrariedade”.

A próxima reforma do sistema de financiamento autonómico, indican desde Rifde, "ten que abordar varias cuestións de natureza técnico-política, con implicacións moi transcendentes en materia de nivelación". En particular, citan aspectos como o modo de incorporar as comunidades autónomas de réxime foral ao financiamento do mecanismo de nivelación interterritorial; a clarificación do singular papel de Canarias como rexión ultraperiférica; o grao de nivelación e se esta inclúe só os servizos fundamentais ou todos os descentralizados; a superación do criterio de statu quo como criterio de repartición dos recursos; a determinación da pertinencia ou non de aplicar límites á reordenación e o cómputo afinado das necesidades de gasto per cápita, así como das recadacións normativas por tributos cedidos.

Diferentes visións

O informe, explican os seus promotores, “expón varias conclusións a partir dos resultados da enquisa, cuxa contundencia nalgúns casos orienta posibles recomendacións de actuación”. Deste xeito, apuntan, “existe práctica unanimidade sobre a existencia dun desequilibrio vertical entre ingresos e gastos en contra das comunidades autónomas, así como sobre a necesidade de corrixir as diferenzas en suficiencia financeira que proporciona o sistema foral respecto ao común”. Dentro dos asuntos pendentes de reforma, engaden, “o vector da nivelación centra as preocupacións dos expertos”. Unha ampla maioría, sinalan, considera “arbitrarias ou discutibles” as diferenzas actuais no financiamento per cápita que proporciona o sistema común. “Aínda que son maioría os que pensan que a nivelación debe centrarse nos servizos públicos fundamentais (sanidade, educación e servizos sociais esenciais), un terzo dos enquisados considera que a nivelación debe alcanzar a todos os servizos descentralizados”, recóllese no informe.

Os expertos de comunidades autónomas con renda e capacidade fiscal superior á media, detállase no documento, tenden a defender a nivelación parcial (só servizos públicos fundamentais) ou mesmo unha redución da nivelación. Ao contrario, os expertos de comunidades autónomas con renda e capacidade fiscal por baixo da media apoian a nivelación de todos os servizos descentralizados. Ademais, indican desde Rifde, existe unha notable diversidade de opinións sobre o chamado criterio de ordinalidade ou non reordenación, sendo defendido en maior medida polos expertos de comunidades autónomas con renda per cápita superior á media.

Outras das conclusións do informe apuntan a que “existe amplo consenso sobre a necesidade de eliminar, de forma máis ou menos gradual, a cláusula do statu quo ou de aseguramento do financiamento actual” e “unha ampla maioría considera necesario facer axustes sobre a actual forma de estimar as recadacións normativas por tributos cedidos, así como sobre a fórmula de estimación dos habitantes axustados”. Ademais, engádese no documento, existe división de opinións sobre o organismo técnico que debería facer as estimacións de necesidades, aínda que se descarta ao goberno central.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con n髎