DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 10 de marzo do 2017

O profesor Xosé Rúas é un dos coordinadores do libro ‘Media and Metamedia Management’

Unha ollada coral aos cambios que as novas tecnoloxías provocan no panorama mediático

O volume publicado por Springer forma parte do traballo da rede de investigación Xescom


Image“Hai catro anos, na segunda toma de posesión de Obama, a televisión seguía a ser o medio dominante, mentres que na toma de posesión de Trump, o tema central era a loita entre Facebook e Twitter por retransmitir o acontecemento vía streaming”. Con esta situación exemplifica o profesor de CCSS e da Comunicación Xosé Rúas os efectos que as novas tecnoloxías e as redes sociais dixitais están a ter no panorama mediático, un dos eixos centrais da análise de Media and Metamedia Management, un volume publicado pola editorial Springer que reúne as achegas de 118 autores de 31 universidades de España, Portugal, Inglaterra e Ecuador.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Hai catro anos, na segunda toma de posesión de Obama, a televisión seguía a ser o medio dominante, mentres que na toma de posesión de Trump, o tema central era a loita entre Facebook e Twitter por retransmitir o acontecemento vía streaming”. Con esta situación exemplifica o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas os efectos que as novas tecnoloxías e as redes sociais dixitais están a ter no panorama mediático. Abordar os efectos que os novos medios están a ter nos medios tradicionais, avaliar tendencias de futuro e ver “como se xestionan as novas audiencias e novas canles de comunicación” constitúen un dos obxectivos centrais de Media and Metamedia Management, un volume publicado pola editorial Springer que reúne as achegas de 118 autores de 31 universidades españolas, portuguesas, inglesas e ecuatorianas, e que este docente coordinou xunto cos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Campos e Xosé López e o investigador da Universidade da Coruña Valentín Alejandro Martínez, dentro dos traballos da rede Xescom, que coordina López, do grupo Novos Medios da USC.

Afondar na incidencia que as TIC teñen nos procesos e contextos mediáticos, abordar os “novos hábitos de consumo” ou incidir no papel que desempeñan na actualidade as redes sociais son algúns dos propósitos dun volume que reúne as achegas de diferentes expertos e expertas xunto cunha “selección das mellores comunicacións” presentadas á primeira edición do congreso da rede Xescom, celebrado en 2015 no campus pontevedrés. Estruturado en seis apartados, o libro reúne un total de 66 artigos sobre novos medios na era dixital, xornalismo e ciberxornalismo, sector audiovisual, comunicación corporativa e institucional, márketing e publicidade; internet e redes sociais e novos medios e metamedios.

Nesta ollada coral ao futuro da comunicación participan, entre outros, investigadores da Universidade de Vigo como o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza e a profesora Emma Rodríguez, que analizan se unha empresa ten ou non dereito a inspeccionar as comunicacións do seu persoal; ou as profesoras Montse Vázquez e Ana Belén Fernández Souto, que abordan o papel dos medios dixitais para facer do deporte un elemento de apreciación das cidades. Mabel Míguez, Alberto Dafonte e Iván Puentes, pola súa banda, analizan a incidencia das redes sociais académicas nun volume no que Blanca Piñeiro e Aurora García inciden na evolución da “web semántica á webs intelixente” e no que tamén participan investigadores e doutoras e doutores pola Universidade como Esperanza Pouso, Diego Rodríguez, Yolanda Domínguez, Jessica Fernández, Verónica Crespo, Lorena Arévalo ou Carla López.

Unha mirada á mente

“Saber que pensan realmente as persoas e o rexistro da súa percepción é un dos retos da comunicación, o márketing e a publicidade”, sostén Rúas, quen afonda neste libro nos avances que se teñen producido nas últimas décadas no estudo das emocións que provoca a comunicación, da man de “distintos métodos e técnicas de medición”, como o eye-tracking, dispositivo que permite coñecer en que puntos dunha imaxe fixan a atención as persoas. “O que trato é de asociar os cambios na tecnoloxía que implican cambios na estrutura mental”, engade este investigador dun artigo no que incide así mesmo nos efectos do big data no sistema democrático, co propósito de formular a pregunta de “en que medida os novos amos do mundo son as empresas de contidos tecnolóxicos e como iso inflúe no devir da democracia”.

Dous anos de traballo en rede por diante

Coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Xosé López, a Rede Internacional de Investigación de Xestión da Comunicación vén de ser seleccionada, por segunda vez, na categoría de redes da convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG. O financiamento do goberno galego permitirá continuar durante os próximos dous anos o traballo de investigación en ámbitos como o impacto das redes sociais no xornalismo e nas empresas de comunicación dunha rede que integran os grupos Novos Medios, da USC, e iMarka da Coruña, xunto co grupo CP2 que coordina a profesora de CCSS e da Comunicación Montse Vázquez e co que ven de fusionarse o grupo Necom, que dirixe Rúas. A estes súmase, nesta nova convocatoria, o grupo T13, da Facultade de Filoloxía e Tradución, co propósito, como explica Rúas, “de incorporar a semántica e a computación lingüística á análise de contidos”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós