DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 10 de marzo do 2017

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu a presentación do libro 'Six Galician Poets'

Unha antoloxía bilingüe fai voar as voces da poesía galega actual

O profesor do Centro de Linguas Keith Payne traslada ao inglés poemas de seis escritores contemporáneos galegos


ImageFacer voar máis aló das fronteiras do país as letras e as voces da poesía galega actual. Este é o gran mérito, a xuízo dos asistentes a súa presentación, da antoloxía Six Galician Poets, un libro bilingüe promovido pola editora británica Arc Publications co apoio da Xunta de Galicia e que esta mañá se presentou na Facultade de Filoloxía e Tradución coa participación de boa parte de todas e todos os que fixeron posible que este proxecto internacional vise a luz: poetas, editora, tradutor e autoridades implicadas. O novo volume recolle unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, reescritos en inglés polo poeta e tradutor keith Payne.

D. Besadío | Vigo
Facer voar máis aló das fronteiras do país as letras e as voces da poesía galega actual. Este é o gran mérito, a xuízo dos asistentes a súa presentación, da antoloxía Six Galician Poets, un libro bilingüe promovido pola editora británica Arc Publications co apoio da Xunta de Galicia e que esta mañá se presentou na Facultade de Filoloxía e Tradución coa participación de boa parte de todas e todos os que fixeron posible que este proxecto internacional vise a luz: poetas, editora, tradutor e autoridades implicadas. O novo volume, presentado no Reino Unido o pasado mes de decembro e que agora ve a luz en Galicia, recolle unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, reescritos en inglés polo profesor do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, poeta e tradutor keith Payne, que puxo todo o seu empeño en “traducir a música das súas voces, seis voces moi distintas, pero cun fío común, o galego”, tal e como el mesmo indicou.

Na presentación do volume coincidiron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o decano da facultade, Luis Alonso Bacigalupe; os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Estevo Creus e Daniel Salgado; a editora da antoloxía e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Manuela Palacios; o tradutor, Keith Payne, e o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez-Lugrís, que fixo fincapé no importante papel de difusión da poesía galega, sobre todo nos países de lingua anglófona, que cumpre este volume.

“Traducir poesía é reescribir poesía, e aquí fíxose de maneira brillante”

“Esta obra ofrécenos a posibilidade de facer voar as voces máis novas da produción poética galega actual polo mundo adiante”, subliñou durante a presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao tempo que explicou que “desde o momento en que se nos deu a posibilidade de editar este volume tivemos claro que era algo que había que apoiar”, ao que engadiu que “para a poesía actual e para a literatura galega dispoñer deste tipo de materiais en lingua inglesa, toda unha reescritura desta selección de poemas, é un extraordinaria ferramenta para a proxección exterior da nosa cultura nunha das linguas francas da nosa contemporaneidade, en definitiva, unha excelente tarxeta de presentación no exterior do que é a nosa literatura”.

Os parabéns para a editora, para o tradutor e para as e os poetas que participaron no proxecto chegaron tamén da voz do reitor, Salustiano Mato, que coa súa presenza quixo darlle a “máxima relevancia” a todo o traballo que se está a levar a cabo dende a Facultade de Filoloxía e Tradución, “o noso centro máis internacional e no que son consciente de que se se está a levar a cabo un intenso traballo de colaboración con profesionais máis aló do mundo académico, como é o caso deste libro, no que traballan escritores de máximo prestixio”.

Na complicación de traducir poesía insistiu tamén o decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, que gabou o traballo realizado por Payne na tarefa de levar a outra lingua os versos en galego, “traducir poesía é reescribir poesía, é un traballo difícil e laborioso e aquí fíxose de maneira brillante”.

Colección bilingüe de poesía europea

Tal e como explicou a editora do volume, Manuela Palacios, directora de varios proxectos de investigación sobre poesía galega e irlandesa contemporánea, Six Galician Poets é o décimo terceiro volume dunha serie de antoloxías bilingües de poesía europea dirixidas a un público lector en lingua inglesa. Dentro desta colección figuran escolmas de poesía finesa, estoniana, polonesa e checa, entre outras. “No noso caso son 190 páxinas dun traballo inxente de tradución e no que tivemos moi en conta criterios como o equilibrio de xénero e a convivencia de xeracións”, explicou Palacios, que eloxiou o traballo realizado por Payne, do que destacou a súa faceta, ademais de tradutor, de poeta, “o seu dominio dos ritmos, do idioma, da linguaxe poética...”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós