DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de marzo do 2017

Os vigueses compiten en División de Prata masculina e feminina e Primeira División masculina

O equipo de tenis, disposto a manter os bos resultados que acadaron a pasada tempada

Os universitarios estrearon novas pistas de herba artificial


Image Este sábado 18 comeza o Campionato Galego de Tenis e os 35 membros que compoñen o club da Universidade están preparados para o xogo. Este ano os dous equipos masculinos estréanse en novas categorías xa que a tempada pasada lograron o ascenso, acadando así a División de Prata o masculino A e a Primeira División o masculino B. O equipo feminino, pola contra, mantense na categoría á que ascenderon na tempada anterior, División de Prata. Ata mediados de maio as 10 mulleres e os 25 homes que conforman os tres equipos disputarán a fase de liga, previa á fase eliminatoria na que se xogarán o ascenso ou o descenso.

Duvi | Vigo
Este sábado 18 comeza o Campionato Galego de Tenis e os 35 membros que compoñen o club da Universidade están preparados para o xogo. Este ano os dous equipos masculinos estréanse en novas categorías xa que a tempada pasada lograron o ascenso, acadando así a División de Prata o masculino A e a Primeira División o masculino B. O equipo feminino, pola contra, mantense na categoría á que ascenderon na tempada anterior, División de Prata.

Ata mediados de maio as 10 mulleres e os 25 homes que conforman os tres equipos disputarán a fase de liga, previa á fase eliminatoria na que se xogarán o ascenso ou o descenso. Jorge Comesaña, responsable técnico do equipo, ten boas expectativas para este ano, pero recoñece que teñen por diante “unha tempada dura”, xa que aínda que coñecen os equipos aos que se enfrontarán nas categorías masculinas, non saben como se desenvolven na pista nin cales son os puntos fortes e débiles dos xogadores. “Moitos deles estiveron antes na máxima categoría, a División de Ouro, como por exemplo o Club Campo de Vigo, que conta cos dous mellores xogadores galegos”, matiza o adestrador. “A tempada pasada, que foi moi boa para todo o club, buscabamos manternos e os dous equipos masculinos conseguiron ascender. Este ano faremos o que sexa posible para mellorar e traballar o ascenso” confirma, sinalando que o ambiente é moi bo e que afrontan o campionato con moitas ganas e motivación.

Novas instalacións e novo equipo

Dende a semana pasada, o club universitario xa adestra nas novas pistas de herba artificial que están ao seu dispor no campus e contan, para esta tempada, con sete novos xogadores con experiencia previa noutros clubs para os equipos masculinos. “Varios dos nosos deportistas tiveron que marchar por verse obrigados a cambiar a súa residencia habitual, co que era inviable que seguiran con nós” subliña Comesaña. Ademais, recuperan dúas tenistas do equipo feminino que “nos últimos dous anos non puideron estar por motivos persoais” resalta o técnico.

As persoas que integran o CD Universidade de Vigo de Tenis adestran de tres a catro días á semana entre unha e dúas horas cada día. Ademais, os e as integrantes do club traballan a súa forma física á marxe da preparación na pista. “Algúns acoden ao ximnasio e outros prepáranse pola súa conta facendo actividades ao aire libre” sinala Comesaña. A metade do cadro de xogadores son parte do estudantado vigués e o resto son persoal e titulados da Universidade. Só hai tres persoas que non teñen ningunha vinculación coa institución. O club conta tamén cun grupo de veteranos, pero a súa liga comeza en setembro, co que contan con seis meses para prepararse. A pasada tempada o equipo de tenis +35 acadou o terceiro posto na División de Ouro, da súa modalidade de veteranos.


< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós