DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de marzo do 2017

150 proxectos de toda España concorreron á quinta edición do certame organizado por Telefónica

Seis estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acadan o 2º premio HackForGood Global 2017

Learnfordown desenvolve un sistema para axudar a ler e escribir a persoas con síndrome de Down


Image Todo empezou a finais do pasado mes de xaneiro cando seis estudantes do derradeiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación comezaron a traballar nun proxecto para unha materia da carreira. Por que deixar nun caixón, unha vez rematado, un proxecto interdisciplinar no que cada un dos membros do equipo debería investir 300 horas de traballo? Esta foi a reflexión que levou a Juan Fernández, Francisco González, Cristina González, Aaron Diéguez, Susana Díaz e Alejandro Fernandez a presentar o seu proxecto académico, Learnfordown, á terceira edición en Vigo do encontro de desenvolvedores e hackers HackforGood. A decisión non puido ser máis acertada, Learnfordown non só acadou o primeiro premio do certame celebrado na Universidade de Vigo, senón que nas últimas horas alzábase co segundo premio HackforGood Global 2017.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Todo empezou a finais do pasado mes de xaneiro cando seis estudantes do derradeiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación comezaron a traballar nun proxecto para unha materia da carreira. Por que deixar nun caixón, unha vez rematado, un proxecto interdisciplinar no que cada un dos membros do equipo debería investir 300 horas de traballo? Esta foi a reflexión que levou a Juan Fernández, Francisco González, Cristina González, Aaron Diéguez, Susana Díaz e Alejandro Fernandez a presentar o seu proxecto académico, Learnfordown, á terceira edición en Vigo do encontro de desenvolvedores e hackers HackforGood. A decisión non puido ser máis acertada, Learnfordown non só acadou o primeiro premio do certame celebrado a pasada fin de semana na Universidade de Vigo, senón que nas últimas horas alzábase co segundo premio HackforGood Global 2017, ao que concorreron 150 proxectos, desenvolvidos por máis de 1500 hackers de toda España.

“Sorprendeunos bastante conseguir o premio nacional, non o esperábamos. No caso do premio de Vigo tamén houbo parte de sorpresa, aínda que podíamos sospeitar que podíamos levar algún premio aínda que non dos importantes. Si foi unha grata sorpresa”, asegura Juan Fernandez, un dos promotores de Learnfordown, que recibirá un galardón de 3000 euros polo segundo premio nacional acadado, mentres que o primeiro premio, un semáforo para invidentes desenvolvido en Valencia, percibirá 5000 e o terceiro, Biocast de Sevilla, terá un premio de 1000 euros.

Como mellorar o sistema de lectoescritura das persoas con síndrome de Down

Á hora de escoller unha temática para o traballo que tiñan que desenvolver para o grao, o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación optou atender unha demanda da Asociación Down Coruña que lle chegou a través dunha das súas integrantes. “Susana ten moita relación coa asociación porque o seu irmán ten síndrome de Down e comentounos que non tiñan ningunha aplicación que lles servise de verdade para que os nenos coa síndrome aprendesen a ler e escribir”, explica Juan Fernández.

Foi a propia asociación a que foi guiando ao grupo de estudantes á hora de desenvolver o seu proxecto no que se axudan dunha App Android, un sistema hardware (joystick, botóns, arduino, teclado) e un sistema de monitorización mediante unha interfaz web. “Traballamos con eles porque queremos que o que desenvolvamos sexa realmente útil para as o os usuarios”, sinala Juan Fernández, que explica que as dinámicas de grupo, habituais ao longo da carreira, facilítanlles o traballo en conxunto, a boa comunicación e o reparto de tarefas.

'Pode ser interesante continuar'

Tralo éxito acadado nos certames nacional e vigués de HackForGood, as e os promotores de Learnfordown aseguran que teñen que sentar para falar do futuro do seu proxecto, que cando menos ten que continuar ata abril, cando remata a materia do grao para a que foi creado. “Non agardabamos o recoñecemento acadado e xa que tivo interese podería ser interesante continuar”, sinala Juan Fernández que a poucos meses de rematar o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación ten claro que continuará ampliando a súa formación, probablemente cun mestrado.

A 5º edición do HackForGood celebrouse de xeito simultáneo entre os días 9 ao 11 de marzo en quince sedes españolas, nas que se desenvolveron 150 aplicacións tecnolóxicas co obxectivo de resolver os 200 restos sociais propostos previamente pola organización mediante o uso masivo de datos. Esta edición do HackForGood contou coa participación das cátedras Telefónica dunha vintena de universidades, entre elas a de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós