DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de marzo do 2017

O campus acolleu o sábado un encontro amigable entre as seleccións de Francia e Galicia deste deporte

Elas empataron, eles perderon e o gran gañador foi o fútbol gaélico

Desde a organización subliñan o “altísimo nivel” dos partidos disputados


ImageA gran cita deportiva desta fin de semana para o campus de Ourense foi a celebración nas súas instalacións dun encontro amigable entre as seleccións femininas e masculinas de fútbol gaélico de Francia e Galicia. Na categoría feminina, as galegas acadaron un empate que a piques estivo de ser unha vitoria. Na categoría masculina, os galegos perderon ante unha selección que non en van é a segunda mellor selección do mundo de fútbol gaélico. O bo xogo visto e a resposta da afección, que seguiu o encontro desde a gradas ou a través da televisión autonómica, apuntan desde a organización, fan que o gran gañador desta cita sexa o fútbol gaélico no seu conxunto.

Duvi | Ourense
A gran cita deportiva desta fin de semana para o campus de Ourense foi a celebración nas súas instalacións dun encontro amigable entre as seleccións femininas e masculinas de fútbol gaélico de Francia e Galicia. Na categoría feminina, as galegas acadaron un empate que a piques estivo de ser unha vitoria. Na categoría masculina, os galegos perderon ante unha selección que non en van é a segunda mellor selección do mundo de fútbol gaélico. O bo xogo visto e a resposta da afección, que seguiu o encontro desde a gradas ou a través da televisión autonómica, apuntan desde a organización, fan que o gran gañador desta cita sexa o fútbol gaélico no seu conxunto.

“Éxito. Así pode resumirse o encontro disputado polas seleccións galega e francesa no campo de fútbol da Universidade. Os partidos, que foron os primeiros da historia televisados en directo fóra de Irlanda (a través da segunda canle da TVG), trouxo a curiosos e seareiros do deporte de toda Galicia. Cun tempo excepcional para a práctica deportiva, os encontros non defraudaron e puidemos gozar do altísimo nivel de ambas seleccións”, explica Millán Brea en nome do Auriense FG, equipo creado no campus de Ourense pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE e anfitrión deste encontro entre seleccións.

O dobre amigable comezou co encontro feminino. “O partido das rapazas foi, sen dúbida, un dos encontros máis emocionantes vividos nesta tempada. Cun empate final, as nosas rapazas tiveron a vitoria ao seu alcance a falta de dous minutos, onde dominaban o marcador por cinco tantos de diferenza. Ao final, un 28-28 que entusiasmou á grada e deixou un gran sabor de boca”, explican desde a organización do encontro. Polo que atinxe ao masculino, sinalan, “o partido dos rapaces deixou claro que estábamos ante, sen dúbida, a segunda mellor selección do mundo de fútbol gaélico. Os franceses, marcaron un ritmo trepidante dende o comezo, cun despregue físico que non puido conter o combinado galego. O resultado, 17-50, deixa clara a superioridade do conxunto visitante”.

Unha derrota e unha vitoria en baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense gañou esta fin de semana 62-43 a Academia A Mariña CB Burela na fase clasificatoria A-2 da primeira división autonómica feminina. Con este resultado, as ourensás mantéñense primeiras na táboa, con seis vitorias e ningunha derrota. A vindeira xornada de liga, o día 26 de marzo, desprazaranse á Coruña para xogar contra Maristas Coruña. Pola contra, a categoría masculina perdeu 48-54 o encontro disputado na segunda fase A-2 da segunda división masculina contra CB Celtas CCA Foz. Con este resultado, os ourensáns sitúanse cuartos do seu grupo, visitando o día 26 ao Santo Domingo Betanzos B.

Puntos "valiosos" en xadrez

A fin de semana tamén tiveron encontros de liga os equipos de xadrez, que disputaron a sétima xornada da liga galega por equipos. Na primeira división, o Universitario de Ourense A empatou a dous en Marín contra Knobbe Cafetería&Marín A, con vitorias de José Doval e Breixo Gómez e derrotas de Xabier Gómez e Álvaro Suárez. Con este resultado, o equipo mantense no segundo posto, a un punto do líder, o Xadrez Tui-Xadrez Galego. A próxima xornada, os universitarios xogarán na casa contra Laroca Nigrán A. En segunda división, o Universitario de Ourense B perdeu na casa contra Ajedrez Ateneo-Taberna do Perico 1.5-2.5, con táboas de David Feijoo, Jose Jaime González-Viso e José Javier Lamas e derrota de Lino Hermida. Pola súa banda, o Universitario de Ourense C desprazou a O Barco de Valdeorras para xogar contra Adas Barco A, obtendo un valioso empate para evitar o descenso. Acadaron vitorias Alberto Iglesias e Xurxo Gerpe e derrotas Cesar Pérez e Raúl Martínez. A próxima xornada o B xogará en Bande contra Attake Peonil e o C na casa contra Club Ágora.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós