DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de marzo do 2017

‘Fulgor’ e ‘Anverso’ foron realizadas nun obradoiro integrado na programación do festival Novos Cinemas

Dúas curtas nacidas mirando o Lérez, finalistas do festival Suroscopia

Os traballos de Iria Silvosa e Aldara Pregue figuran entre os 15 seleccionados neste certame universitario


ImageCrear unha serie de pezas audiovisuais que tivesen como punto de partida a contorna do Lérez foi o propósito central do obradoiro Mirar o río. Cinema e paisaxe, que no marco da primeira edición do Festival Novos Cinemas, impartiu o pasado curso no campus o realizador Lois Patiño. Daquel proxecto xurdiron once curtas que foron estreadas na xornada inaugural deste festival promovido pola produtora Matriuska xunto ao Concello e a Vicerreitoría do campus. Entre elas, Fulgor, de Iria Silvosa, e Anverso, de Aldara Pregue, que veñen de ser seleccionadas como finalistas do Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Crear unha serie de pezas audiovisuais que tivesen como punto de partida a contorna do Lérez foi o propósito central do obradoiro Mirar o río. Cinema e paisaxe, que no marco da primeira edición do Festival Novos Cinemas, impartiu o pasado curso no campus o realizador Lois Patiño. Daquel proxecto xurdiron once curtas que foron estreadas na xornada inaugural deste festival promovido pola produtora Matriuska xunto ao Concello e a Vicerreitoría do campus. Entre elas, Fulgor, de Iria Silvosa, e Anverso, de Aldara Pregue, que veñen de ser seleccionadas como finalistas do Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia, que promoven as dez universidades públicas de Andalucía a través do Proyecto Atalaya.

Un total de 128 proxectos, procedentes de diferentes universidades españolas e de América Latina, concorreron á sexta edición dun festival no que as autoras e autores das 15 pezas finalistas, ademais de optar ao primeiro premio, dotado con 600 euros, nas catro categorías do certame, son galardoadas coa súa participación no seminario de creación audiovisual que impartirá o cineasta Andrés Duque na Filmoteca de Andalucía, en Córdoba, entre o 27 e o 30 de marzo. “O premio xa é que che leven alí”, recoñece Silvosa, titulada en Comunicación Audiovisual, quen admite que non agardaba figurar entre as seleccionadas polo xurado dun festival do que xa foi finalista na súa anterior edición pola súa curta Extraño. “É un tipo de certame máis formativo, no que che coñeces a xente de todas as partes de España que fan curtas do mesmo estilo para ti, dun corte máis experimental ou pouco convencional, o que sempre é interesante”, apunta esta egresada.

“Sinceramente, creo que é a parte que máis me motiva”, engade nese mesmo senso Pregue, egresada tamén da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quen destaca como o máis positivo desta selección “coñecer e compartir a experiencia con outros creadores novos”. Así mesmo, esta titulada tamén destaca a posibilidade supón Suroscopia á hora de “amosar o noso traballo noutros espazos e noutras cidades”, e así, “abrir o noso marco de exhibición, algo fundamental baixo o meu punto de vista”.

Os sons e a memoria do Lérez

No obradoiro desenvolvido na propia Facultade de CCSS e da Comunicación e que neste 2017 terá continuidade co taller que impartirá a partires do mes de abril o cineasta Oliver Laxe,“todos partíamos da mesma premisa", salienta Silvosa, que optou por centrar a súa peza "en representar a propia contorna do río a través dos seus reflexos e a través do son. Así optou en Fulgor por levar a un primeiro plano “todos eses sons, de pasos ou de respiracións” que se producen a carón do Lérez e que o propio ruído das augas fai imperceptibles. “Quixen destacar sobre todo eses sons tapados polo propio río, como os da xente que dá vida a súa contorna”, salienta do que foi o resultado dun taller que recoñece “moi positivo”, xa que lle permitiu traballar durante dous meses co asesoramento de Patiño, así como compartir ideas e experiencias co resto de participantes. “Foi moi interesante ver como, partindo todos da mesma idea, saíron pezas moi diferentes", engade.

Neste festival, Silvosa optará ao primeiro premio na categoría de videoarte, á que se presentaron un total de 63 proxectos, xunto coas creacións impulsadas por alumnado das universidades de Málaga, Complutense de Madrid e Autónoma de Puebla (México); mentres que Pregue farao na de documental, na que concorreron 32 curtas e para a que tamén foron seleccionados como finalistas as curtas de estudantes de Complutense, Sevilla, Rey Juan Carlos de Madrid e da colombiana Universidad del Valle.

A adquisición dunha serie de vellas postais o río permitiu a Pregue unir en Anverso “a paisaixe actual do río Lérez co seu pasado”, nunha curta na que “son as propias mensaxes das postais e as súas imaxes” as que fan posilbe ese vínculo entre pasado e presente e na que buscou “outorgarlles un novo valor” ás mensaxes “tan persoais” que atopou escritas nestas postais. Trátase, como recoñece, dunha peza “á que lle gardo un cariño moi especial” precisamente por ser resultado “de traballar man a man co director Lois Patiño”, é que agora da pé a unha selección que recoñece “toda unha alegría”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós