DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 05 de abril do 2017

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de abril

A convocatoria Inou volve para financiar estudos centrados na provincia ou no Campus da Auga

Un dos seus obxectivos é potenciar a traxectoria de novos investigadores


ImageA convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou correspondente ao ano 2017 está aberta. A Universidade de Vigo, co apoio económico da Deputación Provincial de Ourense, realiza un ano máis unha chamada destinada a apoiar estudos centrados na provincia ou no Campus da Auga realizados por investigadores e investigadoras emerxentes do campus de Ourense. Para iso financiaranse proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, como o turismo, a agricultura, a gandería, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de abril.

Duvi | Ourense
A convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou correspondente ao ano 2017 está aberta. A Universidade de Vigo, co apoio económico da Deputación Provincial de Ourense, realiza un ano máis unha chamada destinada a apoiar estudos centrados na provincia ou no Campus da Auga realizados por investigadores e investigadoras emerxentes do campus de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de abril.

O obxectivo das axudas Inou, explícase nas súas bases, “é apoiar as investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga”. Para iso financiaranse proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, como o turismo, a agricultura, a gandería, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos, especialmente os relacionados co termalismo, ou calquera outro sempre que se xustifique axeitadamente a súa relación coa provincia de Ourense ou coa especialización do Campus da Auga. A dotación total das axudas é de 45.150 euros.

Fomento de novos grupos

Os solicitantes desta convocatoria teñen que desenvolver a súa tarefa investigadora no campus de Ourense e ter unha relación contractual laboral coa Universidade de Vigo como mínimo ata a data de finalización da execución da subvención, quedando excluído o persoal investigador contratado con cargo a proxectos de investigación. A convocatoria quere fomentar a traxectoria de investigadores novos e emerxentes do campus de Ourense, ser un primeiro empuxe nas súas traxectorias no liderado de proxectos. Por este motivo, para solicitar unha das súas axudas a persoa solicitante ten que cumprir requisitos como non ter sido investigador principal en ningún outro proxecto de investigación de carácter competitivo de ámbito autonómico, estatal ou europeo e non ter recibido financiamento desta convocatoria no ano 2016 como investigador principal.

Ademais, a solicitude terá que estar apoiada por un equipo de ata un máximo de catro investigadores, incluída a persoa solicitante, vinculados ao campus de Ourense durante todo o período de execución do proxecto con dedicación a tempo completo e que non sexan actualmente investigadores principais de ningún proxecto de investigación de carácter competitivo de ámbito autonómico, estatal ou europeo. Ningún grupo de investigación, dos recollidos no catálogo de grupos de investigación da Universidade de Vigo, poderá presentar máis dun proxecto.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós