DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de abril do 2017

A área de Formación e Innovación Educativa organiza un curso sobre intelixencia emocional

Traballar a aprendizaxe social e emocional na aula

O curso será impartido polas expertas en coaching e xestión das emocións Ana Sanjuán e Belén Varela


ImageCada vez máis as empresas demandan candidatos que, ademais de ter un currículo académico brillante e experiencia profesional, teñan un perfil con capacidades sociais como a comunicación, o liderado e control das emocións. Para isto é importante que o profesorado poida formar ao alumnado nestas competencias. Por iso, a área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado organiza un curso para traballar estas competencias na docencia en relación á intelixencia emocional. A matrícula está aberta ata o venres 21 de abril e pódese inscribir tanto o profesorado como o persoal investigador.

Duvi | Vigo
Cada vez máis as empresas demandan candidatos que, ademais de ter un currículo académico brillante e experiencia profesional, teñan un perfil con capacidades sociais como a comunicación, o liderado e control das emocións. Para isto é importante que o profesorado poida formar ao alumnado nestas competencias. Por iso, a área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado organiza un curso para traballar estas competencias na docencia en relación á intelixencia emocional.

A matrícula do obradoiro está aberta ata o venres 21 de abril e pódese inscribir tanto o profesorado como o persoal investigador. Durante as 20 horas que dura o taller, as e os participantes traballarán a intelixencia emocional, a capacidade persoal de manexar, entender, seleccionar e traballar as emocións e a dos demais con eficiencia e xerando resultados positivos.

O curso impartirase no campus de Vigo os días 3, 4, 9, 10 e 11 de maio, de 16.30 h a 20.30 h, polas docentes Ana Sanjuán e Belén Varela, expertas en coaching e na xestión de emocións con ampla traxectoria na dirección de persoas e liderado. Resaltan que procurarán dotar “ao profesorado de ferramentas para a obtención de resultados na aula e facilitar o desenvolvemento da súa propia intelixencia emocional para aplicala non só no traballo, senón tamén na vida”.

Emocións na aula

“Algunha vez tiveches un mestre que espertara interese por aprender? Cando nos facemos esa pregunta, case todos pensamos en alguén a quen lle apaixonaba o que facía e o transmitía cunha intensidade contaxiosa” explica Sanjuán. Isto é o que se busca con este curso, traballar a xestión emocional na aula para que as persoas que acudan ao curso coñezan como inflúen os sentimentos nos resultados e nos éxitos acadados polo alumnado.

As empresas tamén valoran as habilidades sociais á hora de seleccionar persoal, por iso “é importante que o profesorado que está a formar aos futuros traballadores afonde non só nas cuestións teóricas, senón tamén nas sociais” confirma Varela. Cada vez máis, os e as docentes son conscientes desta necesidade e están interesados en desenvolvelas nas aulas. “Traballar en equipo, resolver diferencias, comunicar ben e relacionarse de maneira positiva, son habilidades que se adestran cada día na aula”, salienta a docente.

Programa da formación

O curso divídese en cinco módulos nos que traballar a intelixencia emocional, comezando por coñecela e diferenciala do talento. Ao longo das cinco sesións distinguirán as competencias emocionais que inflúen tanto na intelixencia intrapersonal como na interpersoal. “As persoas somos máis ou menos sensibles a diferentes estímulos e temos reaccións de diferente intensidade por iso, cada quen controla mellor unha emoción ou outra” matiza Varela.

O desenvolvemento das habilidades no profesorado axudara a este a afrontar e manexar as respostas emocionais negativas que se atopan no seu día a día laboral cos compañeiros de traballo e os propios alumnos. Ademais, no taller farán fincapé na felicidade e no benestar, en como xestionalos e expresalos, traballando a psicoloxía positiva e a esencia do benestar.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós