DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 18 de abril do 2017

A comunidade universitaria poderá coñecer e opinar sobre os avances nas distintas liñas de traballo

A iniciativa Conectamos permitirá que o proceso de renovación da comunicación dixital da Universidade sexa aberto e participativo

O proxecto inclúe a renovación da web e a reorganización de toda a estrutura de páxinas


ImageA Universidade de Vigo estreábase no universo dixital en 1998. Dende aquela, a web da institución sufriu cambios substanciais adaptándose aos avances tecnolóxicos, ás necesidades da sociedade na que se insire e ás correntes de estilo e imaxe. A última modificación substancial foi en 2010 e a institución traballa agora nunha nova reorganización, tanto de contido como de estilo, de toda a súa contorna dixital co obxectivo de asentar boas prácticas e xerar outras novas que permitan modernizar e construír unha mellor comunicación colectiva. Neste contexto nace a iniciativa Conectamos, un sitio web no que se dará conta dos avances e novidades deste proceso de remodelación para que toda a comunidade universitaria poida opinar e facer suxestións.

Duvi | Vigo
A Universidade de Vigo estreábase no universo dixital en 1998. Dende aquela, a web da institución sufriu cambios substanciais adaptándose aos avances tecnolóxicos, ás necesidades da sociedade na que se insire e ás correntes de estilo e imaxe. A última modificación substancial foi en 2010 e a institución traballa agora nunha nova reorganización, tanto de contido como de estilo, de toda a súa contorna dixital co obxectivo de asentar boas prácticas e xerar outras novas que permitan modernizar e construír unha mellor comunicación colectiva. Neste contexto nace a iniciativa Conectamos, un sitio web no que se dará conta dos avances e novidades deste proceso de remodelación para que toda a comunidade universitaria poida opinar e facer suxestións. A finalidade é que o proxecto sexa participativo, que as persoas que forman parte da institución poidan proporcionar as súas achegas, opinións e pareceres en cada unha das liñas de traballo que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses.

Unha aposta pola reorganización e a rexeneración

O proceso de renovación da imaxe da Universidade de Vigo comprende cinco grandes áreas. Por unha banda, trabállase no eido da comunicación dixital, é dicir, fixando definicións e normativas que permitan avanzar con seguridade, planificando tanto os cambios a medio como a longo prazo de xeito estruturado. Por outro lado, avánzase xa no deseño das webs, tanto no relacionado coa aparencia como coa navegación e as versións para a visualización da web para computadores e pantallas de dispositivos móbiles. Un terceiro eixo xira arredor da organización do portal institucional, para o que se considera fundamental ter un mapa o máis acabado posible dos contidos e navegación da mesma. A cuarta liña de traballo está estreitamente ligada á anterior e refírese aos contidos do portal, que inclúe a reorganización dos contidos, así como a planificación e metodoloxía para facer a migración á nova web. Finalmente, todas estas fases confluirán na construción do novo portal, un proceso do que se irá dando conta puntualmente na web da iniciativa Conectamos. Actualmente, neste portal xa se recollen avances relativos ás cores, tipografía e estilo, así como normas xerais referidas a dominios, subdominios e URLs. De feito, para comezar este proceso de cambio realizouse un estudo previo de todo o universo web da Universidade de Vigo que detectou a existencia de máis de 400 nomes de dominios e subdominios que xeran problemas de disgregación de identidade e de falta de harmonía do conxunto.

Toda a Universidade en cinco seccións

Un dos avances que xa se recollen en Conectamos é a estrutura do novo portal, que se artellará arredor de cinco grandes seccións: A Universidade; Estudar; Investigar, No campus e Ven á UVigo! Cada un destes cinco grandes bloques conterá, nos niveis interiores, todos os apartados, sub-apartados e informacións necesarias para comunicar que é, que pretende e que fai a Universidade de Vigo.

Por exemplo, na sección A Universidade incluirase a información relativa a administración e servizos, o goberno, a historia, os valores, as políticas, as normativas, o persoal, a comunicación, etc. A sección Estudar dará conta de todo o relativo á docencia, dende os graos ata os mestrados e doutoramentos, así como as posibilidades de prácticas e emprego. A investigación será outro dos cinco piares da nova web e nel recollerase a política de I+D+i, o traballo dos grupos e agrupacións, a transferencia, a divulgación científica… O bloque temático denominado No campus artellará a información de todo aquilo que alén de estudar e investigar define e mantén a nosa comunidade. Finalmente, Ven á UVigo! será un espazo para os futuros membros da comunidade universitaria, tanto estudantes como persoal investigador, no que atoparán a información precisa sobre a institución, o que ofrece e porqué “ten que ser a súa casa”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós