DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de abril do 2017

Nunha xornada organizada ao abeiro do cuarto proxecto DivulGATE

Alumnado de Bioloxía chama a atención sobre o perigo que supoñen as especies invasoras

O programa inclúe charlas, unha saída polo campus e, xa en xuño, unha visita ás illas Cíes


ImageÁrbores como o eucalipto ou a mimosa (Acacia dealbata), plantas como as uñas de gato (Carpobrotus edulis) ou herbas como a Pampa (Cortaderia selloana), a tintureira (Phytolacca americana) ou a da envexa (Vinca difformis)... forman xa parte da paisaxe galega malia tratarse todas elas de especies exóticas invasoras que chegaron a este territorio de maneira intencionada ou accidental e que a día de hoxe supoñen un serio perigo para a conservación da diversidade biolóxica orixinal. Co obxectivo de concienciar sobre esta problemática e dar pautas sobre como axudar a mellorar a situación a Delegación de Alumnos Lynn Margulis da Facultade de Bioloxía organizou este mercores as III Xornadas de Especies Invasoras.

D. Besadío | Vigo
Árbores como o eucalipto ou a mimosa (Acacia dealbata), plantas como as uñas de gato (Carpobrotus edulis) ou herbas como a Pampa (Cortaderia selloana), a tintureira (Phytolacca americana) ou a da envexa (Vinca difformis)... forman xa parte da paisaxe galega malia tratarse todas elas de especies exóticas invasoras que chegaron a este territorio de maneira intencionada ou accidental e que a día de hoxe supoñen un serio perigo para a conservación da diversidade biolóxica orixinal. Co obxectivo de concienciar sobre esta problemática e dar pautas sobre como axudar a mellorar a situación a Delegación de Alumnos Lynn Margulis da Facultade de Bioloxía organizou este mercores as III Xornadas de Especies Invasoras, unha iniciativa levada a cabo xunto ao cuarto proxecto DivulGATE: A falar apréndese falando, relatorios de divulgación cos que dar a coñecer os traballos científicos desenvoltos polo alumnado do centro.

“Esta é unha actividade que facemos para que todos os estudantes, tanto do noso centro como do resto da Universidade, poidan coñecer máis de preto a problemática que supoñen as especies invasoras, pois, pese a que moitas entran como plantas ornamentais, poden chegar a ser un verdadeiro problema”, explica Julio César Alonso, presidente da delegación, ao tempo que fai fincapé en que “o máis importante é que se coñeza o problema e que se saiba tratar, cando menos os que somos da Facultade de Bioloxía, xa que este é un tema totalmente do noso interese”, apuntou o alumno, que quixo tamén remarcar o carácter “didáctico, entretido e accesible” das xornadas.

Dos eucaliptos á avespa velutina

O programa das xornadas arrancou coa participación do decano do centro, Jesús M. Míguez Miramontes, que loou a iniciativa destas alumnas e alumnos e garantiu o apoio do decanato a unha actividade “que agardo teña moitas edicións”. Tras a súa intervención, comezaron as charlas dos e das especialistas. O primeiro en intervir foi José María Sánchez, investigador do grupo de Ecoloxía e evolución das plantas da propia Universidade que afondou do caso de Oxalis pes-caprae, coñecida en Galicia co nome común de vinagreta ou pan de cuco, unha planta invasora presente en toda a comunidade, pero con especial presenza na zona costeira. “Procedente da rexión do Cabo, en Sudáfrica, esta especie estendeuse por diferentes partes do mundo como planta ornamental e, se ben no seu lugar de orixe nunca chega a ser dominante, aquí si o é”, explicou Sánchez, que se referiu tamén a que o seu principal método de reprodución é o sistema de bulbos “aínda que xa se atoparon casos de reprodución sexual, algo que se cría só propio do seu lugar de orixe e non de aquí”.

A ecoloxía dos eucaliptais, os seus impactos e a integración ecolóxica en Galicia; a divulgación de plantas invasoras en Portugal ou como actuar despois da invasión foron outros dos temas que se trataron ao longo da mañá.

Ademais das plantas, “que é o que máis tratamos”, este ano o programa inclúe tamén unha charla sobre a situación actual da invasión por avespa velutina en Europa impartida por Sandra Rojas, investigadora do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación. “Este é un tema máis coñecido e, polo tanto, sobre o que as persoas xa están máis concienciadas”, salientaron os organizadores, que fixaron fincapé en que “con esta charla tamén introducimos a problemática dos animais que, malia que non a comentamos tan extensamente si é igualmente importante e existe”.

Saídas de campo

Tamén pola tarde terá lugar unha charla e unha saída de campo guiada por persoal da Oficina de Medio Ambiente da Universidade sobre as especies invasoras presentes no campus. “Sería unha parvada non aproveitar o falado ao longo de todo o día para levar estes coñecementos ao campo e poder así palpalo de primeira man, facelo máis visual e que o impacto que teñan estas actividades sexa maior para os asistentes”, explicou Alonso.
As persoas asistentes a xornada teñen tamén a posibilidade de optar a unha saída teórico-práctica que se levará a cabo nas illas Cíes a primeira fin de semana de xuño, con 28 prazas dispoñibles.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós