DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

A cita enmárcase dentro das actividades do proxecto de especialización do Campus da Auga

Ourense acollerá en setembro o II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida

Desde a organización agardan superar os 200 participantes


ImageOurense acollerá os días 20 e 21 de setembro de 2017 a celebración do II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida. A cita está organizada no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e ligada á celebración da 17ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia) que se celebrará do 20 ao 23 dese mesmo mes en Expourense. As expectativas da organización son superar a cifra de 200 participantes e un centenar de comunicacións.

Rosa Tedín | Ourense
Ourense acollerá os días 20 e 21 de setembro de 2017 a celebración do II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida. A cita está organizada no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e ligada á celebración da 17ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia) que se celebrará do 20 ao 23 dese mesmo mes en Expourense. As expectativas da organización son superar a cifra de 200 participantes e un centenar de comunicacións.

O simposio, que se celebra con carácter bianual, foi presentado este xoves no campus de Ourense nun acto que contou coa participación de representantes das catro entidades organizadoras, estando Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense e presidente da cita; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Cristina Álvarez, directora de Administración e interventora da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense Expourense, e José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense e presidente do comité organizador do evento.

Destacando o traballo realizado na organización deste evento polos comités científico e organizador, Virxilio Rodríguez subliñou como a celebración deste evento se liga á de Termatalia, encontro internacional de profesionais do sector, xa que “a nosa visión é achegar, sumar, desde a ciencia, a investigación básica e a investigación aplicada”. Deste xeito, apuntou Cristina Álvarez, o simposio permitirá “reforzar as capacidades técnicas de Termatalia” e achegarlle “unha perspectiva innovadora”. Pola súa banda, Jesús Vázquez e Rosendo Fernández recalcaron a aposta estratéxica que supón para Ourense o termalismo. “Ourense Termal é un reto de todos e este simposio axudará a elo”, apuntou o alcalde, que lembrou como entre outras cousas a cidade aspira a ser no eido do termalismo “un referente de vangarda e innovación”. A cita, subliñou pola súa banda o vicepresidente da Deputación, constitúe “un evento científico de gran relevancia que temos que aproveitar” e “unha verdadeira oportunidade para avanzar nesa estratexia de colaboración interinstitucional” no eido do termalismo.

Transferir do ámbito investigador ao profesional

Segundo explicou José María Faílde, II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida destaca polo seu carácter multidisciplinar e internacional, contando cuns comités científico e organizador acordes a esas características. Esta segunda edición, apuntou, “xorde como unha proposta coa que pretendemos consolidar un evento científico de gran relevancia que permita incrementar o potencial de desenvolvemento do proxecto de especialización do Campus da Auga pero tamén o desenvolvemento termal da provincia e da cidade de Ourense”. Deste xeito, entre os seus obxectivos están ser un foro de encontro entre profesionais e investigadores, achegando os dous mundos, a transferencia de coñecemento e o estímulo dos contactos entre os diferentes axentes do sector.

O programa, detallou o presidente do comité organizador, estrutúrase arredor de tres áreas temáticas prioritarias, como son caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais; patrimonio e arquitectura termal e turismo experiencial e de saúde en termalismo. A estas tres áreas úneselle unha cuarta de carácter xenérico, de investigación xeral sobre a auga relacionada co enfoque do simposio. Durante a celebración da cita, adiantou, participarán expertos de países como Portugal, Italia ou Estados Unidos, estando agora aberto o prazo de presentación de comunicacións. Ao longo dos dous días de celebración, apuntou José María Faílde, desenvolverase unha sesión plenaria, unha conferencia inaugural e outra de clausura con relatores de prestixio internacional; a presentación de 36 comunicacións orais de investigadores, dúas sesións de comunicacións de póster; dúas sesións de 16 paneis nos que se presentarán tanto traballos académicos excelentes como innovacións e novas experiencias en termalismo. Tamén se levarán a cabo dous talleres, un centrado nas potencialidades para Galicia do enoturimo en relación co termalismo e outro sobre a biodiversidade das augas termais e as aplicacións en dermoestética.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós