DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de abril do 2017

Representantes de Concello, Deputación e Universidade participaron no acto de entrega

O campus saca a rúa en tres meses un compost de “moita calidade”

Trátase da primeira produción saída dos módulos situados fronte a EE Forestal


ImageNun tempo inferior ao habitual, o campus sacou á rúa a primeira produción dun compost de “moita calidade”, segundo salienta o mestre composteiro Enrique Pintos dos primeiros resultados do traballo que vén desenvolvendo no composteiro situado fronte á Escola de Enxeñaría Forestal. Representantes de Concello, Deputación e Universidade participaron este mércores na entrega das primeiras bolsas de compost xerado nos módulos nos que o persoal dos servizos de comedor deste centro e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deposita diariamente os seus residuos orgánicos.

Duvi | Pontevedra
Nun tempo inferior ao habitual, o campus sacou á rúa a primeira produción dun compost de “moita calidade”, segundo salienta o mestre composteiro Enrique Pintos dos primeiros resultados do traballo que vén desenvolvendo no composteiro situado fronte á Escola de Enxeñaría Forestal. Representantes de Concello, Deputación e Universidade participaron este mércores na entrega das primeiras bolsas de compost xerado nos módulos nos que o persoal dos servizos de comedor deste centro e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deposita diariamente os seus residuos orgánicos. Este labor permitiu reunir ao longo destes tres meses 5 toneladas de bioresiduos que, combinados con restos de poda, están a dar lugar ao compost que se proxecta empregar nas propias zonas verdes do campus.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, participaron este mediodía, xunto co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e representantes da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, EE Forestal e dos comedores, na entrega das primeiras bolsas co abono que xerado neste composteiro. Trátase dunha actuación que suma “a liña de sensibilización que desenvolvemos no proxecto Green Campus e que nos permite ademais pechar o círculo empregando o compost no propio campus”, salientou Corbacho da iniciativa coa que, grazas a Concello e Deputación, o campus sumouse ao Plan Revitaliza da institución provincial.

Un compost rápido e equilibrado

Segundo recolle o Concello nun comunicado, os técnicos puxeron de relevo a calidade do produto xerado na Xunqueira, “sen materiais pesados e cun índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7%”, por riba da porcentaxe do 2% que se require para obter uns resultados de calidade. “Tráennos un residuo moi limpo, sen apenas impropios, moi equilibrado”, explica Pintos, que incide no traballo de separación en orixe que realizan desde ambos dous comedores como un dos motivos da calidade da primeira tonelada de compost producida no campus, a recollida en dous módulos cos que explica, comezouse a traballar os días 25 e 31, cun método de traballo co que “estase conseguindo que o proceso vaia máis rápido”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós