DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de abril do 2017

O director de 'Pisconautas', Alberto Vázquez, rememora en Belas Artes as orixes deste filme

A historia que naceu no papel e rematou nun Goya

Ex-alumno do centro, a súa conferencia enmárcase no programa da Semana da Creatividade e da Innovación


ImageUn dos nomes propios da última edición dos premios Goya foi o ilustrador e director de animación Alberto Vázquez, que na gala celebrada o pasado mes de febreiro alzábase cos galardóns ao mellor filme e á mellor curta de animación por Psiconautas e Decorado, respectivamente. Achegar ao alumnado ás diferentes fases do proceso polo que se xestou esta longametraxe, nacida dun cómic que editou hai máis dunha década, é un dos propósitos cos que Vázquez retorna na tarde deste venres á Facultade de Belas Artes, no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Un dos nomes propios da última edición dos premios Goya foi o ilustrador e director de animación Alberto Vázquez, que na gala celebrada o pasado mes de febreiro alzábase cos galardóns ao mellor filme e á mellor curta de animación por Psiconautas e Decorado, respectivamente. Achegar ao alumnado ás diferentes fases do proceso polo que se xestou esta longametraxe, nacida dun cómic que editou hai máis dunha década, é un dos propósitos cos que Vázquez retorna na tarde deste venres á Facultade de Belas Artes, no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación.

Do papel ao píxel é o título do relatorio no que este ex-alumno da facultade afonda nas diferentes fases dun proxecto de animación, ámbito ao que, recoñece, chegou “por casualidade”, a raíz precisamente da publicación do cómic Psiconautas. O interese dun produtor polo seu proxecto levouno a realizar Birdboy, co que obtivo en 2012 o Goya á mellor curta de animación, e posteriormente esta premiada longametraxe codirixida por Pedro Rivero. “Unha cousa vaiche levando á outra, grazas ao cómic saíume a posibilidade de facer unha curta e grazas a esta, a de facer unha película”, salienta este ilustrador, que explica tamén como o éxito de Psiconautas lle permitiu a súa vez “que esteamos agora traballando para poder sacar adiante varios proxectos”, o que ao seu xuízo supón precisamente “o maior recoñecemento”.

O que importa é a historia a contar

O relato de como naceu e medrou Psiconautas e a proxección de Decorado serven tamén a Vázquez para poñer de relevo que, no eido da animación, tamén é posible traballar con poucos medios. “A idea é que a xente vexa que ao final para facer unha curta o que precisas e poñerte, pensar nos medios que tes e no que sabes facer e ser consecuente con iso”, salienta este ilustrador, que destaca como un dos principais valores deste eido “que se non se pode representar unha cousa dunha maneira, pode facerse de outra”. Non en van, “o que importa na animación son as historias e podes facer grandes historias con poucos medios”.

Mais ao mesmo tempo, a animación é tamén “unha industria con moitos postos de traballo, con moitas seccións nas que podes traballar, desde o guión ao story board, a arte...”, salientou do que podería ser un ámbito de futuro para o alumnado, ao igual que industria do videoxogo, que, como destacou, recorre con frecuencia aos profesionais da animación, xa que en aspectos como por exemplo o estudo da cor ou o deseño de personaxes o traballo é “completamente similar”.

Non obstante, Vázquez tamén incide en que se ben é posible levar adiante unha curta con poucos recursos, chegar a facer unha longametraxe de animación, especialmente se non está dirixida ao público infantil, resulta un proceso “moi complexo, no que tes que ter varias produtoras, presentarte axudas, facer coproducións con outros países...” De aí que se trate, ao seu xuízo, dun camiño “ao que non chegas se antes non pasaches por certas curtas coas que ir coñecendo este mundo pouco a pouco”.

O 3 de maio, de volta no campus

Nunha xornada na que tamén mantivo un encontro co alumnado do Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, Vázquez retornou á facultade na que iniciou os seus estudos, o que lle permitiu rememorar “unha época na que todo era novo, na que estabas aberto a todo, os mellores anos da miña vida”. Mais a deste venres non será a única visita ao campus, xa que o vindeiro mércores 3 de maio presentará Psiconautas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na última sesión da sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal.

Colofón á Semana da Creatividade e da Innovación

A conferencia de Vázquez serviu tamén para pechar unha semana na que o campus acolleu unha vintena de conferencias, obradoiros ou actividades culturais, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Xunto co seu relatorio, o programa deste venres abrangue tamén o seminario sobre o uso de exercicios hipopresivos na prevención e tratamento de patoloxías, que Iria Da Cunha impartiu en Fisioterapia, ou a última sesión do curso de iniciación ao deseño 3D desenvolvido na EE Forestal. Preto de 25 estudantes deste centro participaron ademais, no marco dunha saída de campo da materia Hidroloxía forestal, nun percorrido en kaiak polo río Umia, dirixido a que puidesen coñecer diferentes actuacións de restauración fluvial.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós