DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 26 de abril do 2017

O profesor Norbert Lütkenhaus impartiu dous seminarios ao alumnado da EE de Telecomunicación

Un dos maiores expertos mundiais en criptografía e comunicacións cuánticas ao alcance do estudantado

O docente da Universidade de Waterloo colabora co profesor da Universidade de Vigo Marcos Curty


Image “O profesor Norbert Lütkenhaus é sen lugar a dúbidas un dos maiores expertos internacionais en criptografía cuántica e comunicacións cuánticas e entre os seus traballos destacan aqueles dedicados a demostrar a seguridade destes sistemas”. Nestes termos refírese o docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo Marcos Curty ao seu colega da Universidade de Waterloo (Canadá) Norbert Lütkenhaus, que vén de ofrecer ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dous seminarios, ao tempo que participou en varias reunións de traballo co grupo de Curty.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
“O profesor Norbert Lütkenhaus é sen lugar a dúbidas un dos maiores expertos internacionais en criptografía cuántica e comunicacións cuánticas e entre os seus traballos destacan aqueles dedicados a demostrar a seguridade destes sistemas”. Nestes termos refírese o docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo Marcos Curty ao seu colega do Institute for Quantum Computing (IQC) da Universidade de Waterloo (Canadá) Norbert Lütkenhaus, que vén de ofrecer ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dous seminarios, ao tempo que participou en varias reunións de traballo co grupo de Curty, con quen colabora desde hai anos. “Vir a Vigo permítenos falar persoalmente de varios proxectos nos que estamos interesados ambos, que pertencen á área da criptografía cuántica”, explica Lütkenhaus, que considera que “a combinación de coñecementos en mecánica cuántica co coñecemento enxeñeril en comunicacións ópticas podería ofrecer oportunidades moi interesantes no futuro”.

Pola súa banda, máis aló dos seminarios que sobre as súas liñas de traballo impartiu o docente e investigador alemán ao alumnado da Universidade de Vigo, Marcos Curty destaca da visita de Lütkenhaus a oportunidade que nos ofrece de “explorar novos proxectos nos que traballar xuntos”.

Liñas de traballo

O traballo nun interfaz entre as comunicacións ópticas e protocolos abstractos que empregan a mecánica cuántica para realizar certas tarefas de telecomunicacións é unha das liñas de traballo de Norbert Lütkenhaus, que tamén está a investigar a conversión da criptografía cuántica nunha aplicación práctica. “Tamén quero desenvolver novos protocolos cuánticos para as aplicacións que empregan dispositivos de comunicacións ópticas actuais como láseres e receptores, tanto homodinos como heterodinos”, explica o docente e investigador da Universidade de Warterloo, que tamén está traballar neste intre en repetidores cuánticos, que desempeñarán o papel dos actuais amplificadores ópticos pero con sinais cuánticos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós