DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 02 de maio do 2017

Investigadores da EE Forestal estudan os cambios etolóxicos en libélulas de diferentes continentes

O comportamento animal, un elemento esencial da biodiversidade

Nun proxecto financiado polo Mineco, estudan a súa adaptación a contornas alteradas por plantacións


ImageEtodiversidade. Este é o novo concepto que o profesor da EE Forestal Adolfo Cordero vén de poñer sobre a mesa nun artigo publicado na revista Frontiers in Ecology and Evolution co propósito de pór de relevo a importancia do comportamento como “un elemento esencial da biodiversidade, que ata o de agora está sendo ignorado”. Máis aló da “variabilidade xenética e a diversidade de especies e de ecosistemas”, existe tamén unha diversidade e variabilidade de comportamentos, que resulta “crucial” na conservación das especies animais, sostén. Analizar posibles cambios de comportamento entre libélulas que están vendo alterados os seus hábitats por plantacións de árbores de uso industrial é, de feito, o propósito central do proxecto, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, que nos últimos meses levou aos investigadores do grupo ás selvas de Brasil, Ecuador ou China.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Etodiversidade. Este é o novo concepto que o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero vén de poñer sobre a mesa nun artigo publicado na revista Frontiers in Ecology and Evolution co propósito de pór de relevo a importancia do comportamento como “un elemento esencial da biodiversidade, que ata o de agora está sendo ignorado”. Máis aló da “variabilidade xenética e a diversidade de especies e de ecosistemas”, existe tamén unha diversidade e variabilidade de comportamentos, que resulta “crucial” na conservación das especies animais, sostén o investigador principal do grupo EcoEvo (Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Analizar posibles cambios de comportamento entre especies de libélulas que están vendo alterados os seus hábitats por plantacións de árbores de uso industrial é, de feito, o propósito central do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, que nos últimos meses levou aos investigadores e investigadoras do grupo ás selvas de Brasil, Ecuador ou China.

“O comportamento ten profundas consecuencias ecolóxicas, particularmente nas interaccións entre especies e é un elemento crucial na adaptabilidade dos animais a novos ambientes”, sinala Cordero, que apunta que a conservación de especies “en hábitats moi diferentes dos seus pode dar lugar a individuos incapaces de manifestar as condutas necesarias para a supervivencia”. Por iso, propón no seu estudo que este novo concepto, que abrangue a variabilidade de comportamentos na xerarquía biolóxica, como unha idea “complementaria” á biodiversidade, que considera preciso estudar e cuantificar “do mesmo xeito que se fai coa diversidade xenética”. Casos próximos como os das píntegas que en Ons son nocturnas e, a tan só doce quilómetros, nas Cíes, son diúrnas, “quizais debido a réximes de depredación diferentes ”serven neste senso como exemplos para pór de relevo como “na maioría dos casos a función ecolóxica realízase con adaptacións comportamentais moi diversas”.

Un concepto nacido en Australia e China

As viaxes realizadas por Cordero nos anos 2013 e 2014 á Australia e China co propósito de estudar dúas especies de cabaliños do demo, Hemiphlebia mirabilis e a Pseudolestes mirabilis, respectivamente, “que non teñen parentes próximos vivos”, e que son “as únicas representantes das súas familias”, constitúen o punto de inicio desta reflexión sobre a etodiversidade. “O que sorprendeu foi o seu comportamento excepcional”, explica o investigador, que en diferentes artigos ten descrito, entre outros, os estraños comportamentos de cópula da Hemiphlebia mirabilis. “Por iso, empecei a pensar no feito de que se desapareceran non só se perdería unha libeliña máis das máis de 6500 especies coñecidas, senón que se perderían comportamentos únicos e irrepetibles”, salienta.

A capacidade de mudar comportamentos determina a supervivencia

Ver como se modifica o comportamento dos organismos cando muda o seu hábitat é precisamente o obxetivo central do proxecto que os investigadores do grupo EcoEvo desenvolven ata 2018, ao abeiro da convocatoria de Fomento da Investigación Científica de Excelencia. Un estudo que centran nuns insectos, as libélulas, e nos efectos que teñen nas súas poboacións os cambios que se producen cando os bosques de ribeira nos que habitan se ven alterados por plantacións. “O noso obxectivo é comparar a estrutura de comunidades de libélulas en regatos forestais que se atopan en bosques pouco ou nada modificados pola actividade antrópica, co que acontece cando estes son transformados en plantacións”, explica Cordero dun traballo que desenvolven en zonas tropicais, “porque partimos de comunidades moito máis diversas, con moitas máis especies”.

Mediante un traballo de campo no que as libélulas son capturadas, marcadas e liberadas para a súa observación, os investigadores buscan comprobar se as especies que atopan, por exemplo, en plantacións de palma, eucalipto ou da árbore do caucho varían respecto das que figuran en espazos próximos nos que o bosque non sufrise alteracións. “Pero sobre todo, o que queremos ver é que é o que as diferencia, que especies desparecen e por que”, sinala dun traballo que lles leva a rexistrar as “posibles variedades de comportamento para diferentes propósitos”, desde a forma de actuar ante individuos doutra especie, ao xeito no que os machos contactan coas femias ou os cambios de posición e orientación que deberían adoptar para adaptarse a ambientes máis solleiros. “Ao final, o que queremos ver é se algunhas das especies que desaparecen teñen algunha característica común, para saber se podemos chegar a predicir a probabilidade de extinción dunha especie a partires do seu comportamento”, salienta este docente.

Ecuador, Brasil ou China

A diferenza dos bosques non alterados, as plantacións con fins comerciais de árbores “xeralmente de crecemento rápido” dan lugar a ambientes máis solleiros e calurosos nos que “moitas especies, que son estritamente de zonas forestais non poden sobrevivir”, como recoñece Cordero. Así o puideron constatar nas viaxes realizadas o pasado ano e nas que, “como era o esperable”, atoparon cambios nas especies presentes nos espazos non alterados fronte aos que si o estaban, onde, pola contra, atoparon “especies típicas de ambientes moito máis abertos, que foron capaces de colonizar” estas ribeiras.

O proxecto no que, ademais de Cordero, veñen traballando tamén investigadores do grupo EcoEvo como Iago Sanmartín Villar e Anais Rivas levounos a realizar estudos de campo en plantacións de caucho na China ou de palma e eucalipto en dúas rexións de Brasil. Cuba, México, Filipinas ou mesmo Fiji son outros dos destinos proxectados para continuar, ao longo de 2017 e 2018, cunha investigación que desenvolven sempre coa colaboración de investigadores locais, como os brasileiros Rhanier Guillermo-Ferreira, Leandro Juen, Diogo Vilela, Isana Amorim e Thaís Almeida. Unha investigación que, de xeito paralelo á análise do comportamento estalles a permitir tamén avanzar no coñecemento das diferentes especies de libélulas, como as pertencentes aos xéneros Polythore ou Chalcopteryx ou a Dicterias atrosanguinea, "unha especie moi rara, da cal non se coñecía a femia" e que atoparon na rexión de Pará.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós