DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 03 de maio do 2017

Participou no ciclo 'Entre poetas', financiado pola Unidade de Igualdade

Ángeles Mora, Premio Nacional de Poesía 2016, comparte experiencias co alumnado de filoloxía

Afondou na súa traxectoria poética, así como no seu proceso e intereses creativos


ImageO alumnado do Grado de Estudos Galego-Español tivo este mércores a oportunidade de compartir experiencias cun dos grandes nomes da poesía española actual, a poeta cordobesa Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016, polo seu poemario Ficciones para una autobiografía (Bartleby Editores). Con ela tiveron a oportunidade de escoitar en primeira persoa un resumo da súa traxectoria poética, do seu proceso e intereses creativos e de sentir na súa voz os seus propios versos. Financiada pola Unidade de Igualdade, con esta charla pechouse o ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, que tamén trouxo a Vigo –o pasado mes de marzo- á poeta Gloria Bosch, quen afondou na figura de Gloria Fuertes.

D. Besadío | Vigo
O alumnado do Grado de Estudos Galego-Español tivo este mércores a oportunidade de compartir experiencias cun dos grandes nomes da poesía española actual, a poeta cordobesa Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016, polo seu poemario Ficciones para una autobiografía (Bartleby Editores). Con ela tiveron a oportunidade de escoitar en primeira persoa un resumo da súa traxectoria poética, do seu proceso e intereses creativos e de sentir na súa voz os seus propios versos.

Gustoulle a poesía desde nena. “Encantábanme as poesías que lía nos libros de lingua, eran textos que me dicían cousas e axiña comecei a escribir, aínda que este paso me resultou moito máis complicado” confesoulles aos asistentes á charla, entre os que había numerosos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tivo lugar a súa charla. Foi o punto de partida dunha intervención na que lembrou cando e por que comezou a escribir poesía. “Cando naces danche un nome, pero logo cadaquén ten que encontrarlle o seu sentido”, explicou a autora, a quen o Premio Nacional de Poesía lle chegou como “unha auténtica sorpresa”, logo de gañar –apenas uns meses antes- o Premio da Crítica. “Foi unha inmensa alegría, a única pena que me queda foi non poder compartilo coa miña parella, que faleceu apenas uns días antes”, lamentou a autora.

Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Granada, onde logo exerceu como docente de Lingua e Literatura Española, e foi alí onde comezou a relacionarse con diferentes poetas. “A miña intención sempre foi escribir poesía, aínda que os primeiros versos que escribín eran máis ben unha expresión dos meus sentimentos e iso non é a poesía, aínda que diso funme decantando pouco a pouco”. Hoxe defende a poesía coma “unha maneira de pensar e de transformar a vida e a nós mesmos” e, nese sento, considera que “non se trata dunha expresión dos sentimentos, iso sería un diario máis que unha expresión da creación, e a poesía é creación”.

Abrindo camiño “co coitelo da palabra”

Ao longo da súa charla leu tamén poemas dos diferentes libros que leva publicado ao longo do tempo, centrándose sobre todo no propio Ficciones para una autobiografía. “Este libro en teoría é unha autobiografía pero en realidade co termo ficciones quero dicir que estes poemas parten de imaxes e de recordos que están en min, tanto do pasado como do presente, pero no poema transfórmanse noutra cousa, digamos que o propio poema dálles vida”, recalca Mora, ao tempo que exemplifica esta idea comparando o papel do poeta co “dun explorador que se introduce na selva e vai, co coitelo da palabra, abrindo camiño, e cada verso forma parte dese camiño”.

Novos folgos para a poesía que chegan da man das redes sociais

Consciente de que a poesía é o xénero literario con menos lectores, ironiza co feito de que “os poetas lémonos uns a outros”, non obstante, é positiva e defende que na actualidade as novas tecnoloxías están a axudar a que poesía gañe adeptos. “Nos últimos tempos xurdiron poetas mozos que están a vender moitos libros, exemplares que ao meu modo de ver, independentemente de que me guste ou non esa poesía, están a crear un público xuvenil que é moi interesante e que, pouco a pouco, irán chegando á poesía que eu considero mellor”, recalca a autora.

No seu paso por Vigo e como consellos para as novas xeracións de poetas insistiulles que “o máis importante é ler e escribir moito” e, a maiores, repetiu un consello que lle dera a ela un vello poeta cando aínda era unha moza e que sempre seguiu, “ler, escribir, romper e darlle caixón ao que escribes, no sentido de deixar repousar os textos e retomalos cando xa practicamente te esqueceras deles”.

Poesía que transluce “a muller que son"

O seu carácter reivindicativo feminista forma tamén parte da súa poesía e tamén neste aspecto fixo fincapé. “Non me gusta escribir poesía sobre a diferencia, senón que na miña poesía se transluza a muller que son”, explica Mora, que admite “non escribo sobre mulleres, escribo sobre calquera tema pero, por suposto, desde o meu punto de vista, sempre en feminino”.
Financiada pola Unidade de Igualdade, con esta charla pechouse o ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, que tamén trouxo a Vigo –o pasado mes de marzo- á poeta Gloria Bosch, quen afondou na figura de Gloria Fuertes.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós