DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 04 de maio do 2017

Expertos internacionais analizan en Vigo as bases e retos do financiamento privado

Excelencia e comunicaci髇, claves no mecenado universitario

As IV Xornadas de Fundraising organizadas pola Universidade Vigo prolongaranse ata ma襻


ImageChegados do Rockefeller Philanthropy de Londres; do Instituto Tecnolóxico de Israel, Technion; da Nova School of Business and Economics de Lisboa; da Universidade de Porto e de Afundación, expertas e expertos internacionais e nacionais analizaron esta mañá na sesión inaugural das IV Xornadas para a promoción do mecenado universitario as claves da captación de recursos de natureza privada, así como a súa xestión. A directora do Rockefeller Philanthropy de Londres, Donzelina Barroso foi a encargada de moderar unha mesa redonda na que os poñentes presentaron cadanseu modelo e analizaron as tendencias e desafíos cara o futuro para o financiamento universitario, que na súa opinión, precisa de excelencia, así como dunha axeitada comunicación para captar os recursos das e dos potenciais mecenas.

Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río | Vigo
Chegados do Rockefeller Philanthropy de Londres; do Instituto Tecnolóxico de Israel, Technion; da Nova School of Business and Economics de Lisboa; da Universidade de Porto e de Afundación, expertas e expertos internacionais e nacionais analizaron esta mañá na sesión inaugural das IV Xornadas para a promoción do mecenado universitario as claves da captación de recursos de natureza privada, así como a súa xestión. A directora do Rockefeller Philanthropy de Londres, Donzelina Barroso foi a encargada de moderar unha mesa redonda na que os poñentes presentaron cadanseu modelo e analizaron as tendencias e desafíos cara o futuro para o financiamento universitario, que na súa opinión, precisa de excelencia, así como dunha axeitada comunicación para chegar e captar os recursos das e dos potenciais mecenas. A exposición de varios exemplos de éxito de consolidación da marca pública universitaria como os programas Crusoe e Iacobus; Campus do Mar; as cátedras José Saramago, Jean Monet e Telefónica puxeron o punto e final á primeira sesión matinal das xornadas, que se completan esta tarde cun obradoiro sobre o financiamento de campañas a través de Internet.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi o encargado de inaugurar as xornadas, nas que os presidentes dos consellos sociais das universidades de Oviedo, Lalo Azcona e de Vigo, Ernesto Pedrosa, foron os primeiros en tomar a palabra, no caso de Azcona para incidir na necesidade que teñen as institucións académicas públicas de acadar fondos privados, “temos un déficit de financiamento privado, que só achega aproximadamente un 7% dos orzamentos das universidades públicas”, asegurou o presidente do Consejo Social de la Universidad de Oviedo. Pola sua banda, Ernesto Pedrosa asegurou que as universidade seguen sen ser un destino dos fondos das e dos filántropos, aínda que no caso de Galicia, afirmou que “temos motivos para ser optimistas xa que historicamente se moveu ben entre a compasión e a filantropía”.

Mato comezou a súa intervención defendendo a conxelación das matrículas universitarias, así como a necesidade de multiplicar a captación de recursos procedentes de fontes privadas e lembrou que no caso da Universidade de Vigo, 70 dos 170 millóns de euros de orzamento da institución foron captados externamente, mentres que os 100 restantes son fondos públicos. “A filantropía actual fundaméntase nun compromiso social”, asegurou o reitor, que avogou por acadar un equilibrio entre a mellora do benestar común e da imaxe de marca. “En poucas palabras, trátase de confianza pública”, asegurou Mato que considera que a continua mellora das instituciones académicas é unha condición imprescindible para que poidan contar coa confianza das e dos filántropos, que así revertirán na sociedade o que esta lles axudou a acadar.

De Israel a Portugal pasando polo Reino Unido, experiencias internacionais

O modelo de fundación pública adoptado desde 2009 pola Universidade de Porto, abriu as exposicións do panel de expertas e expertos que hoxe interviron na sesión inaugural das xornadas de mecenado universitario e que completaron as e os representantes do Rockefeller Philanthropy de Londres; do Instituto Tecnolóxico de Israel, Technion; da Nova School of Business and Economics de Lisboa e de Afundación. Tras aclarar que o desenvolvemento deste modelo está en suspenso por mor da crise económica que dun xeito especialmente intenso afectou a Portugal, o representante da Universidade de Porto foi o primeiro en incidir en dúas cuestións sobre as que volverían o resto de poñentes ao asegurar que “a confianza xorde da reputación e a comunicación é moi importante. Nós queremos construír confianza”, sinalou.

David Shem Tov, xerente de Technion, tras explicar a importancia que a captación de fondos procentes de fontes privadas ten para os diferentes centros que conforman o Instituto Tecnolóxico de Israel, asegurou que “é importante convencer á xente da nosa excelencia”. Shem Tov citou como exemplos da capacidade de Technion para facerse con investimentos de mecenas os 200 millóns de dólares achegados por un doante para a construción dun centro tecnolóxico en EEUU e outra de 150 millóns de dólares dun doante chinés que permitiu a posta en marcha dunha universidade nunha rexión de China. Pola súa banda, Pedro Santa-Clara, catedrático de Finanzas da Nova School of Business and Economics de Lisboa, lembrou o carácter público da institución cun 80% de ingresos procedentes de fontes deste tipo e referiuse á construción dun novo campus que Nova está a desenvolver con financiamento totalmente procedente do fundraising, salvo os terros sobre os que asentará que son públicos. “O noso próximo reto é elevar este traballo á esfera internacional” explicou Santa-Clara, que incidiu na obriga de asumir o rexeitamento cando se está na procura de fondos privados. O xerente de Afundación, Pedro Otero, foi o encargado de pechar as intervencións do panel de expertos explicando o funcionamento dunha fundación que ten a Abanca como único mecenas e que se centra en tres ámbitos: educación superior, envellecemento activo e cultura. “Hai que saber pedir e pedir ben; superar a ansia polo curto prazo e dar recoñecemento público e retorno ao doante”, demadou Otero.

No debate posterior ás intervencións, Donzelina Barros volveu poñer o acento na importancia de comunicar a excelencia das institucións que queren obter recursos, ademais de asegurar que “a xente quere sinceridade para confiar en nós”. Á confianza tamén se referiu David Shem Tov, que asegurou que “se tés boa reputación a xente te escoitará”, ao tempo que destacou a importancia da rendición de contas.

Casos de éxito para consolidar a marca Universidade

Na segunda parte da xornada presentáronse varios casos de éxito para consolidar a marca pública universitaria, como cátedras, programas de mobilidade ou campus de excelencia que responden a diferentes modelos do márketing de servizos. Por unha banda, Carlos Ramos, vicepresidente do Instituto Politécnico do Porto e Xosé Lago, subdirector xeral de Acción Exterior da Xunta de Galicia, presentaron un exemplo do modelo B2B ou entre entidades, ao que se corresponde a alianza da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, e o programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e norte de Portugal, Iacobus. Lembraron que dende a primeira convocatoria destas bolsas de intercambio en 2014 realizáronse 367 mobilidades, un éxito que, segundo avanzaron, fai que xa se estea a traballar para amplialo a outras rexións da Crusoe.

Outro exemplo, neste caso de B2C ou sponsor, é o que representa a Cátedra Telefónica. José Cidrás, director da mesma, e Fabián García, xerente de Relacións Institucionais da empresa, explicaron os beneficios que este tipo de “espazos de innovación” representan para ambas partes e subliñaron que a relación empresa-universidade é clave “pero aínda queda moito que traballar para que sexa óptima”. Outro exemplo de marca universitaria é o campus de excelencia internacional Campus do Mar, que foi presentado polo seu director, Emilio Fernández, e por José Manuel Silva, doutor honoris causa da Universidade de Vigo e exdirector xeral na Comisión Europea. Ambos remarcaron que é un exemplo de especialización e cooperación transfronteiriza que, máis aló de Portugal, se está a estender a Brasil, China, Cabo Verde ou México. Fernández avanzou que no proxecto de Campus do Mar na ETEA contarase co tecido empresarial para a creación dunha escola de emprendedores, unha incubadora de empresas e as infraestruturas necesarias para xerar “un verdadeiro polo de innovación no que non existan fronteiras entre academia, empresa e administración”.

Un segundo panel reuniu dous exemplo do modelo P2P ou marcar persoa, como son a Cátedra Internacional Saramago e as Cátedras internacionais de excelencia Jean Monnet. A primeira, sustentada por fundacións e entidades da esfera pública, apostará de cara ao futuro por involucrar neste proxecto máis mecenas, pero desta volta do sector privado, como explicaba o seu director, o profesor Burghard Baltrusch. No caso das cátedras Jean Monnet, naceron nun momento no que a Unión Europea precisaba xerar coñecemento e estudos sobre o seu proceso de integración para trasladalos ao eido académico. “Con moi pouca inversión por parte da UE, acadouse un altísimo impacto que axudou a reducir o déficit de coñecementos en estudos europeos”, sinalaba Celso Cancela, responsable do Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet da Universidade de Vigo, polo que na actualidade apostouse por seguir traballando do mesmo xeito pero ampliando os estudos e proxectos a outras áreas do coñecemento que garden relación coa UE.

Programa das xornadas para o venres

As xornadas rematan este venres cunha mesa redonda sobre o libro branco do mecenado universitario, con José Pedreira, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Oviedo e cunha presentación de diferentes experiencias de observatorios de antigos alumnos na que intervirán Noelia Sanz, directora executiva da Oficina de Alumni da Universidade de Navarra e Alberto Brito, responsable de Relacións Institucionais da Federación Alumni España.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con n髎