DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 08 de maio do 2017

O xestor da agrupación, David Sánchez, trasládase temporalmente a Bruxelas

Ecobas obtén unha das seis axudas para Capacitación de Xestores concedidas en España polo CDTI

Facilita un acceso máis directo ás institucións europeas e gañar visibilidade internacional


ImageA agrupación estratéxica Ecobas, Economics and Business Administration for Society, acaba de obter unha das seis axudas para a Capacitación de Xestores que concede en España o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, CDTI, organismo que busca con este programa apoiar a especialización no ámbito europeo do persoal de diferentes entidades españolas (grupos de investigación, empresas, administración...) que participan en propostas e iniciativas do Horizonte 2020 (e iniciativas paralelas). Grazas á consecución da axuda David Sánchez, xestor da agrupación, trasladarase temporalmente a Bruxelas.

D. Besadío | Vigo
A agrupación estratéxica Ecobas, Economics and Business Administration for Society, acaba de obter unha das seis axudas para a Capacitación de Xestores que concede en España o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, CDTI, organismo que busca con este programa apoiar a especialización no ámbito europeo do persoal de diferentes entidades españolas (grupos de investigación, empresas, administración...) que participan en propostas e iniciativas do Horizonte 2020 (e iniciativas paralelas).

Grazas á consecución da axuda David Sánchez, xestor da agrupación, trasladarase temporalmente a Bruxelas. Durante oito semanas –desde o 15 de maio ao 7 de xullo- instalarase na oficina do CDTI en Bélxica (oficina SOST) onde, ao tempo que seguirá desenvolvendo as súas actividades para ECOBAS, recibirá formación especializada sobre H2020, asistirá a charlas de membros da Comisión Europea, o CDTI e outros actores participantes na I+D+i a nivel internacional e desenvolverá un plan de traballo que permita impulsar os proxectos da agrupación que xa están en marcha e dar comezo a novas iniciativas.

“Para nós conseguir este tipo de axudas é tremendamente importante porque entra xusto dentro das liñas do plan estratéxico da agrupación, tanto polo que se refire a conseguir entrar na captación de recursos europeos como a darlle unha maior visibilización internacional á agrupación”, explica Sánchez, facendo fincapé na relevancia dunha axuda que lle proporcionará á agrupación un acceso máis directo ás institucións europeas ao tempo que permitirá impulsar a súa visibilidade a nivel internacional e ampliar a rede de contactos, facilitando así a consecución de futuros consorcios. “Aínda que poida parecer que non é un gran fito, debido á temporalidade da agrupación e aos obxectivos que nos marcamos no plan estratéxico cobra moita relevancia”, insistiu o xestor.

“É todo un reto e estou encantado coa oportunidade que se me brinda”

A nivel persoal, o xestor da agrupación subliñou que esta experiencia “é todo un reto e estou encantado coa oportunidade que se me brinda, para min e para a agrupación en xeral”, ao que engadiu que fará todo o posible por botar unha man a iniciativas que xa están en marcha dentro da Universidade e, máis particularmente, dentro de Ecobas. “Hai que ter en conta que un dos nosos obxectivos principais é precisamente conseguir aumentar a participación das nosas investigadoras e investigadores no proxecto do H2020”, explicou Sánchez, que fixo fincapé en que se ben a agrupación é moi activa en programas europeos doutro tipo (Interreg Sudoe, Poptec…) “o gran reto son os proxectos do programa H2020”.

A agrupación estratéxica Ecobas, constituída en novembro de 2015 baixo a coordinación do catedrático vigués Carlos Hervés, está composta por 11 grupos de investigación de Economía e Empresa da Universidade de Vigo e un da Universidade de A Coruña, e dela forman parte máis de 150 investigadoras e investigadores, dos que máis do 80% son doutores.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós