DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 12 de maio do 2017

Nos XVIII Encuentros dos Servicios de Información y Orientación Universitarios que ten lugar en Valencia

O Siope recibe un premio nacional ás boas prácticas polo curso de formación de orientadores

Celebrado en marzo, estaba destinado ao persoal que asesora o alumnado dos institutos de secundaria


ImageA Sección de Información, Orientación e Promoción do Estudantado (Siope) puxo en marcha en 2016 un curso en liña para orientadores de secundaria e de formación profesional. A boa aceptación desta iniciativa entre o persoal dos institutos fixo que neste 2017 se organizase unha segunda edición, co obxectivo achegar toda a información posible ás persoas que levan a cabo tarefas de asesoramento nos centros de ensino secundario, de xeito que teñan todos os coñecementos precisos para orientar e aconsellar o alumnado que queira cursar estudos superiores universitarios. Agora, esta iniciativa repórtalle tamén á Universidade un premio nacional, que lle foi entregado aos representantes do Siope nos XVIII Encuentros dos Servicios de Información y Orientación Universitarios (SIOU) que se celebra dende o mércores en Valencia.

Duvi | Vigo
A Sección de Información, Orientación e Promoción do Estudantado (Siope) puxo en marcha en 2016 un curso en liña para orientadores de secundaria e de formación profesional. A boa aceptación desta iniciativa entre o persoal dos institutos fixo que neste 2017 se organizase unha segunda edición, co obxectivo achegar toda a información posible ás persoas que levan a cabo tarefas de asesoramento nos centros de ensino secundario, de xeito que teñan todos os coñecementos precisos para orientar e aconsellar o alumnado que queira cursar estudos superiores universitarios. Agora, esta iniciativa repórtalle tamén á Universidade un premio nacional, que lle foi entregado aos representantes do Siope nos XVIII Encuentros dos Servicios de Información y Orientación Universitarios (SIOU) que se celebra dende o mércores en Valencia. O galardón corresponde á III Convocatoria de Boas Prácticas do SIOU que ten como finalidade divulgar as iniciativas e proxectos que teñan acadado resultados probados nas universidades, así como amplificar a visibilidade destes esforzos e actividades para fomentar a participación dos membros dos SIOU na elaboración deste tipo de iniciativas. Para outorgar este galardón, o xurado tivo en conta a innovación desta iniciativa e valorou o seu formato virtual; a transferibilidade, xa que se pode replicar en calquera universidade; a factibilidade e o impacto que xera na contorna e a súa transversalidade.

Dolores González, vicerreitora de Estudantes, destaca que con este premio se recoñece un grande esforzo institucional e, sobre todo por parte do persoal do Siope, para poñer en marcha iniciativas que sirvan para achegar a Universidade aos equipos orientadores dos institutos. “Era preciso estreitar a relación que a Universidade tiña co persoal do ensino secundario que se encarga de orientar o futuro académico do alumnado” apunta a vicerreitora, de xeito que o contacto fose o suficientemente fluído para que coñecesen a realidade universitaria e puidesen responder ás dúbidas do estudantado pre-universitario.

O galardón foi recollido este venres por Conchi Hermida e Carmen Álvarez, xefa de sección e xefa de negociado, respectivamente, do Siope, acompañadas por Ricardo Corderí, xefe de Servicio de Extensión Universitaria. Álvarez valora moi positivamente esta distinción e destaca a importancia de que a actividade premiada sexa recoñecida, non só polos orientadores “que quedaron moi satisfeitos, senón tamén polos propios compañeiros doutras universidades”, que son os que outorgaron o premio. Agora, avanza, comezarán a traballar nunha nova edición do curso para o vindeiro ano e tratarán de poñer en marcha outro curso en liña para o alumando pre-universitario.

Unha feira de orientación para dar paso ao curso virtual

O curso desenvolveuse no mes de marzo coa participación de máis de 100 orientadores e orientadoras de institutos de toda Galicia. O programa incluíu temas como orientación vocacional; recursos de apoio e orientación na Universidade de Vigo; problemas de aprendizaxe; modalidades de acceso á universidade, tanto dende FP como dende Bacharelato e, finalmente, unha sesión sobre as novidades que as ABAU supoñen no acceso á educación superior.

Previamente, no mes de xaneiro, e como novidade desta edición, tivo lugar unha xornada de orientación no Pavillón Universitario, á que as e os orientados acudiron acompañando aos seus estudantes. Nela puideron coñecer os centros e os graos que oferta a Universidade e servizos como Centro de Linguas, a Área de Benestar, Saúde e Deporte, Extensión Universitaria, etc. Para achegarse á realidade universitaria tiveron á súa disposición non só ao persoal e docentes de cada centro, senón tamén a estudantes actuais das distintas escolas e facultades para orientar aos futuros universitarios dende a súa experiencia persoal.

A vicerreitora Dolores González destaca que este é un exemplo do camiño a seguir para que a Universidade se achegue aos centros de ensino pre-universitario, e poder ofrecer así ao alumnado a mellor e máis completa información de cara a comezar a súa andaina na educación superior.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós