DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de maio do 2017

Desenvolveuse entre o 8 e o 12 de maio, dentro do proxecto Green Campus

A semana de recollida de RAEEs reúne máis dun cento de obxectos

Móbiles, cargadores e cables foron os elementos presentes en maior número nesta campaña


ImageNumerosos móbiles, cables ou cargadores, pero tamén impresoras, pantallas, ordenadores, altofalantes ou electrodomésticos remataron a pasada semana nas caixas emprazadas nos diferentes centros e instalacións do campus de Pontevedra. No marco do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría promoveu entre o 8 e o 12 de maio a cuarta edición da Semana de Recollida de RAAEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), que permitiu reunir máis dun cento de obxectos, que coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, serán trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Numerosos móbiles, cables ou cargadores, pero tamén impresoras, pantallas, ordenadores, altofalantes ou electrodomésticos remataron a pasada semana nas caixas emprazadas nos diferentes centros e instalacións do campus de Pontevedra. No marco do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría promoveu entre o 8 e o 12 de maio a cuarta edición da Semana de Recollida de RAAEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), que permitiu reunir máis dun cento de obxectos, que coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, serán trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.

Dirixida tanto á recoller unha serie de dispositivos que funcionan con pilas ou baterías e que resultan contaminantes para o medio ambiente como a promover a concienciación da comunidade universitaria ao respecto, esta cuarta semana de recollida péchase “cun balance que ten que ser positivo, porque segue contando coa implicación da comunidade universitaria”, salienta o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela.

De elementos informáticos a torradoras ou aspiradores

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se reuniron 17 electrodomésticos e dispositivos informáticos, xunto con numerosos cables e ratos, e a Casa das Campás, cunha ducia de aparellos aos que hai que sumar varios cargadores, foron os dous puntos con maior participación nunha iniciativa que se estendeu ás diferentes facultades e escolas ao Pavillón Universitario. Se ben os ordenadores, pantallas, impresoras e demais equipos informáticos foron, xunto cos cables, cargadores e teléfonos os obxectos depositados en maior medida pola comunidade universitaria, esta campaña permitiu tamén recoller outra serie de electrodomésticos, como catro torradoras, unha cafeteira ou as dúas aspiradoras depositadas na sede da Vicerreitoría.

“O obxectivo máis inmediato é retirar da circulación estes aparellos, pero a medio prazo é concienciar de que non se poden botar por aí en calquera colector e creo que nese senso estamos na boa liña”, engade o coordinador desta iniciativa, que como sinala “haberá que agardar aos próximos anos” para constatar se segue contando, edición tras edición, coa implicación "dun grupo máis ou menos amplo de xente”. Nese senso, Cancela adianta que se trata dunha actividade que “se fai con moi poucos medios que vai ter continuidade no próximo plan de acción do Green Campus, xa que responde perfectamente á lóxica de sensibilización e concienciación do proxecto”. Deste xeito, o propósito é que “pouco a pouco a comunidade universitaria se familiarice coa caixa verde”, na que dúas veces, por curso, poden depositarse estes residuos, cifra que, como indica, estudarase ampliar a tres o vindeiro ano académico.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós