DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

Ecimat abandeira a creación do EBB que coordinará o funcionamento de biobancos mariños europeos

O programa Interreg Atlantic Area achega á Universidade máis de 400.000 euros para dous proxectos do ámbito mariño

Pola súa banda, o grupo de investigación en Aplicacións dos Láseres participa no proxecto Bluehuman


ImageSon a creación do maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños do mundo e a valorización dos resultados da investigación no ámbito dos materiais de orixe mariña para aplicacións nos campos da saúde e do benestar humano, dúas iniciativas que poden contribuír a mellorar a calidade de vida dos habitantes das rexións atlánticas de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal? A Unión Europea considera que si e por iso o programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020, como parte da estratexia europea 2020, vén de concederlle máis de 418.000 euros a estes dous proxectos de tres anos de duración: 268.000 no caso do EBB- European Marine Biological Resource Centre Biobank, coordinado polo Centro de Singular de Investigación Mariña Ecimat e Campus do Mar e 150.000 euros no do proxecto Bluehuman, Biotecnoloxía azul como innovación na saúde humana para o crecemento intelixente en Europa, no que participa o grupo de investigación en Aplicacións Industriais dos Láseres e que coordina a Universidade do Minho.
Dos máis de 100 proxectos presentados á primeira fase do programa Interreg Espazo Atlántico, só 42 recibirán financiamento para o seu desenvolvemento.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Son a creación do maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños do mundo e a valorización dos resultados da investigación no ámbito dos materiais de orixe mariña para aplicacións nos campos da saúde e do benestar humano, dúas iniciativas que poden contribuír a mellorar a calidade de vida dos habitantes das rexións atlánticas de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal? A Unión Europea considera que si e por iso o programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020, como parte da estratexia europea 2020, vén de concederlle máis de 418.000 euros a estes dous proxectos de tres anos de duración: 268.000 no caso do EBB- European Marine Biological Resource Centre Biobank, coordinado polo Centro de Singular de Investigación Mariña Ecimat e Campus do Mar e 150.000 euros no do proxecto Bluehuman, Biotecnoloxía azul como innovación na saúde humana para o crecemento intelixente en Europa, no que participa o grupo de investigación en Aplicacións Industriais dos Láseres e que coordina a Universidade do Minho.

“Que un centro novo como a Ecimat, conseguise o primeiro proxecto liderado pola Universidade de Vigo nunha convocatoria internacional tan competida como a de Cooperación Interrexional na Área Atlántica e sexa quen de aglutinar a algunhas das principais coleccións de recursos biolóxicos mariños a nivel mundial, a clústeres empresariais mariños e administracións de toda Europa, non é máis que o resultado dun esforzo de longo percorrido e da dedicación e paixón de todo equipo humano da Ecimat e do Campus do Mar e supón que estamos a traballar na dirección axeitada”, asegura Antonio Villanueva, xestor da Ecimat, en relación co proxecto de creación do EBB, que promove o European Marine Biological Resource Centre e que ademais da coordinación da Ecimat e de Campus do Mar, conta coa participación do persoal investigación da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Pola súa banda, Juan Pou, considera que a subvención do proxecto Bluehuman no que participa o grupo de investigación en Aplicacións Industriais dos Láseres da Universidade de Vigo, “é unha oportunidade para por en valor os resultados dos nosos traballos de investigación, axudando a que as empresas interesadas poidan comercializar novos produtos no campo biomédico, o que dan un gran valor engadido aos proxectos de orixe mariña”.

A concesión destes máis de 400.000 euros ás dúas propostas da Universidade de Vigo é para a vicerreitora de Investigación e Transferencia “un resultado satisfactorio, tendo en conta que se solicitaron seis proxectos na primeira fase, dos que dous (un terzo) foron seleccionados para pasar a segunda e finalmente os dous resultaron concedidos na convocatoria, que se planteaba en dúas fases, cunha primeira preselección e unha segunda á que só accedía un número limitado de propostas, tras unha avaliación”, destaca Asunción Longo.

O maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños do mundo

As principais coleccións de cultivos mariños mundiais localizadas en Noruega, Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal; catro clústeres de biotecnoloxía mariña de España, Francia, Portugal e Reino Unido; seis empresas con actividade no campo da biotecnoloxía mariña e as administracións competentes en España, Portugal e Reino Unido en materia de acceso aos recursos xenéticos, participan no proxecto para crear o European Marine Biological Resource Centre Biobank, EBB, que coordinará o funcionamento conxunto dos principais biobancos mariños de Europa. Cun orzamento total de preto de dous millóns de euros “o proxecto centrarase no desenvolvemento de novas tecnoloxías e protocolos comúns para o mantemento ex situ de recursos biolóxicos mariños e na harmonización dos xa existentes para que os diferentes biobancos traballen de xeito coordinado baixo o paraugas do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, constituíndo de feito o maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños do mundo”, explica Villanueva.

O proxecto coordinado por Ecimat e Campus do Mar prestará especial atención á implementación de procedementos para cumprir coa nova lexislación sobre acceso aos recursos xenéticos, inicialmente destinada a protexer os intereses dos países de orixe dos recursos e que “neste intre se atopa en fase de implementación no ámbito nacional e supón unha importante barreira burocrática para as entidades interesadas en levar a cabo investigación utilizando recursos xenéticos”, explica Villanueva, que lembra que o proxecto aglutina ás entidades implicadas no proceso para presentar diferentes casos de uso “que nos axuden a elaborar, implementar e comunicar unha guía de boas prácticas para que tanto as coleccións como os usuarios finais do recursos accedan aos mesmos en cumprimento da normativa minimizando, na medida do posible, a carga administrativa e a barreiras que esta poda supor para a investigación”.

Biotecnoloxía azul como innovación na saúde humana

16 universidades, centros de investigación, axencias e agrupacións de Portugal, España, Francia, Irlanda e Reino Unido participan no proxecto Bluehuman, baixo a coordinación da Universidade do Minho. “Trátase de abrir novos mercados de maior valor engadido aos produtos de orixe mariña. Ademais das aplicacións obvias en alimentación e novos fármacos, trátase neste caso de obter produtos potencialmente comerciais no campo biomédico”, explica Juan Pou, sobre o proxecto que conta cun orzamento total de 2,5 millóns de euros.

Máis aló das actividades tradicionalmente vinculadas ao mar, Bluehuman abre a vía á novas solucións de valor engadido, apostando por unha explotación sostible dos recursos, centrándose en varios produtos tecnolóxicos como prototipos de dispositivos médicos para terapias óseas, rexeneración de tecidos humanos ou formulacións cosméticas. Para o grupo de investigación en Aplicacións Industriais dos Láseres“esta é unha oportunidade de poñer en valor os resultados das nosas investigacións e axudar a que as empresas poidan comercializar novos produtos no campo biomédico”, sinala Pou.

Dos máis de 100 proxectos presentados á primeira fase do programa Interreg Espazo Atlántico, só 42 recibirán financiamento para o seu desenvolvemento.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós