DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

Nunhas charlas impartidas no concello por titulados da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Alumnado de secundaria descobre ‘en galego’ os principais recursos naturais de Galicia

Esta semana arrancou no campus unha nova edición do curso sobre o software de lincenza libre RecMin


ImageAchegar a ciencia e a enxeñaría ao estudantado de secundaria e facelo empregando como vehículo transmisor o galego. Esta é a idea coa que os servizos de normalización lingüística da Universidade e do Concello de Vigo puxeron en marcha unha serie de charlas dirixidas, precisamente, a amosar ao alumnado dos institutos vigueses que en Galicia se fai ciencia e que, ademais, faise en galego. O primeiro centro en participar foi a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a ela uniuse este venres a de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e fíxoo cunha exposición de carácter didáctico na que se amosan os principais recursos naturais de Galicia seguidas de seis minicharlas impartidas por catro ex-alumnas e alumnos dos diferentes graos da escola.

D. Besadío | Vigo
Achegar a ciencia e a enxeñaría ao estudantado de secundaria e facelo empregando como vehículo transmisor o galego. Esta é a idea coa que os servizos de normalización lingüística da Universidade e do Concello de Vigo puxeron en marcha unha serie de charlas dirixidas, precisamente, a amosar ao alumnado dos institutos vigueses que en Galicia se fai ciencia e que, ademais, faise en galego. O primeiro centro en participar foi a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a ela uniuse este venres a de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e fíxoo cunha exposición de carácter didáctico na que se amosan os principais recursos naturais de Galicia e seis minicharlas impartidas por catro ex-alumnos dos diferentes graos da escola.

A actividade, á que tamén se achegou o alcalde de Vigo Abel Caballero, tivo lugar no auditorio do concello e nela participaron un grupo de 80 rapazas e rapaces de dous institutos vigueses que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como é o aproveitamento actual e que ferramentas se usan para a exploración, explotación, elaboración, transformación e emprego dos principais recursos naturais do país. “O obxectivo é que coñezan as diferentes fontes de riqueza mineral das que dispoñemos en Galicia, dende o granito, aos áridos empregados na construción, a lousa, as augas minerais...”, explica a directora da escola, Natalia Caparrini, que fixo tamén referencia á importancia de polos ao día sobre as principais fontes de enerxía alternativas como a hidráulica, eólica, xeotérmica, solar e a obtida da queima de biomasa.

Arranca unha nova edición do curso RecMin

Organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, esta semana arrancou neste centro unha nova edición do curso sobre o programa RecMin, o principal software libre empregado para a investigación e a explotación de recursos minerais. “RecMin dispón das mesmas ferramentas ca outros softwares comerciais coas vantaxes engadidas de que é libre, está en español e ten actualizacións continúas”, explica a directora da escola, que fai tamén fincapé no feito de que o docente do curso, César Castañón, é o propio creador do software.

A apertura do curso, de 20 horas de duración, contou coa participación de Juan Ricoy, delegado en Galicia do colexio, e da profesora e secretaria do centro, Ángeles Saavedra, que explicou que esta é xa a cuarta edición do curso que se celebra na escola converténdose así nun dos de maior aceptación dada a súa utilidade.

Nesta edición, que se prolongará ata o vindeiro venres 26, achegarase a nova versión do programa, publicada recentemente, que incorpora moitas funcionalidades novas e diferentes melloras entre as que se destacou, novas ferramentas para a xeración de modelos 3D, xeoreferenciació, novos tipos de ficheiros e novos listados de obxectos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós