DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 23 de maio do 2017

Este martes presentouse a oferta formativa do campus de Ourense para 2017

Achégase o verán, chegan os cursos de extensión universitaria

En total convócanse sete actividades e 400 prazas


ImageSete cursos a desenvolver entre xuño e setembro, 400 prazas dispoñibles para membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral, prezos “case simbólicos” e unha media de 30 horas de formación. Con estes datos xerais preséntase a programación de extensión universitaria 2017 no campus de Ourense. Os chamados cursos de verán volven cunha programación renovada para abrir e co obxectivo de levar a formación universitaria a espazos e públicos diversos. O prazo de matrícula xa está aberto ata esgotamento de prazas en cada un dos cursos.

Rosa Tedín | Ourense
Sete cursos a desenvolver entre xuño e setembro, 400 prazas dispoñibles para membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral, prezos “case simbólicos” e unha media de 30 horas de formación. Con estes datos xerais preséntase a programación de extensión universitaria 2017 no campus de Ourense. Os chamados cursos de verán volven con propostas renovadas e co obxectivo de levar a formación universitaria a espazos e públicos diversos.

A programación foi presentada este martes por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, acompañados por responsables dos diferentes cursos que se ofrecen neste 2017. O vicerreitor definiu a programación deste ano como “moi atractiva e interesante” e “moi achegada á realidade do territorio onde estamos”, abordando temáticas como a auga, o desenvolvemento sustentable ou a empresa familiar. Virxilio Rodríguez salientou como unha vez máis esta programación chega para “estender a universidade alén das súas instalacións no campus” e para achegala a concellos de fóra de Ourense. Pola súa banda, Rosendo Fernández lembrou como estes cursos, “referentes de cada verán”, son un dos conceptos financiados no convenio de colaboración anual asinado entre Universidade e Deputación e que este ano ascendeu a 220.000 euros, recalcando a “alianza estratéxica” que une ás dúas institucións.

Diversidade de localizacións

Este ano, a programación de extensión universitaria continúa a liña de actuación de anteriores edicións, introducindo novas propostas, consolidando iniciativas que en anos anteriores tiveron boa aceptación, celebrando cursos non só no campus senón en concellos da provincia e fomentando a formación arredor do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Cada curso dos sete ofertados oscila entre as 30 e 32 horas de formación e os prezos van desde os 6,5 ata os 50 euros, cun desconto do 35% para as persoas que pertenzan á comunidade universitaria e transporte gratuíto para facilitar a asistencia aos cursos que se celebran fóra da cidade.

Tres dos sete cursos de extensión universitaria organizados desde o campus de Ourense terán como escenario diferentes concellos da provincia. Deste xeito, Allariz acollerá 700 anos da Festa do Boi e outros elementos do patrimonio inmaterial relacionados, organizado desde a Facultade de Ciencias da Educación por Xosé Manuel Cid e Fátima Braña, e a segunda edición de Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, organizado desde Ciencias Empresariais e Turismo por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo e que tamén terá como escenario A Estrada. Por último, volverá a ter lugar unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, dirixido por Miguel Anxo Fernández. Implicando na súa celebración á Fundación Carlos Casares, a cita, que nesta ocasión levará por título A obra audiovisual: suma de talentos, volverá a contar coa participación de alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, que cada ano desenvolve un taller e un produto audiovisual durante a celebración desta actividade.

E diversidade de temáticas

O proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga será un dos protagonistas da programación, con dous cursos relacionados coa súa temática. O primeiro deles leva por título Retos e perspectivas do uso sustentable dos recursos hídricos e está coordinado desde a Facultade de Ciencias por Francisco Javier Rodríguez e Mª Carmen Seijo. Impartido no Concello de Muíños, onde se aloxarán de balde os participantes, o seu principal obxectivo é “avaliar dende un punto de vista científico como os recursos hídricos naturais poden dinamizar diversos sectores, como o turístico, o enerxético ou o das actividades de lecer e tempo libre”. O segundo dos cursos deste bloque é o titulado Augas minerais naturais: como captalas, degustalas e aplicalas terapeuticamente, dirixido tamén desde Ciencias por Concepción Pérez e Elena Falqué. Nel abordarase desde a definición de augas minerais naturais ata o seu uso como base para produtos cosméticos.

Por último, entre as novidades da programación deste ano 2017 está Empresa familiar: goberno e sucesión, dirixido por Elena Rivo e impartido na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo co obxectivo de ensinar aos participantes “a maneira correcta de xestionar unha estrutura organizativa diferente como é o caso da empresa familiar, xa que poderán traballar nunha destas empresas con moita probabilidade dada a súa relevancia”. Tamén no campus, aínda que neste caso na Facultade de Ciencias da Educación, impartirase a terceira edición de A sociedade da información (III): preocupacións educativas nun mundo dixital, dirixido por Manuela Raposo. Nel ofrecerase un achegamento a este eido, abranguendo desde os desafíos da inclusión na era dixital ás competencias docentes neste novo escenario.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós